Onte, coa axuda cómplice dunha amiga, levei a cabo unha acción en contra da Xunta de Galicia e mais concretamente, do secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García. Estou máis que segura de que, coma min, moitas outras compañeiras e compañeiros que día a día están loitando por mellorar Galiza, tamén o farían; simplemente, presentouse a oportunidade e tiña que aproveitala.

Por que o fixen? Unha, porque como acabo de indicar, era ese momento ou non teño claro que houbese outro; e dúas, porque non son falsa comigo mesma e, por dignidade miña e de moitas outras persoas que queren vivir con normalidade en galego, tiña que dar un paso adiante.

Este paso adiante, aínda sendo pequeno é moi moi sinxelo, permítideme desafogar. Si, desafogar tanta raiba que ás veces sinto cando vexo como ao meu arredor o galego está a desaparecer e semella que non somos quen de parar esa situación. Cando moi poucas nenas e nenos falan galego, ou cando escoito o veciño do piso de enriba falarlle en español á súa neta aínda que teña un galego precioso. Tamén cando te miran con cara rara en calquera administración pública por pedir documentación en galego, cando se mofan de ti por escoitar música na túa lingua ou cando notas que es a estraña do grupo porque lle dás importancia a cousas tan banais como que a nosa lingua non teña presenza en todos os ámbitos. Sexamos claras, para unha ampla parte da sociedade galega este problema que estamos a sufrir é algo secundario e demóstrano cando, consciente ou inconscientemente e influenciadas polo contexto en que vivimos, deixan de falar o galego e pasan ao español.

Si, desafogar tanta raiba que ás veces sinto cando vexo como ao meu arredor o galego está a desaparecer e semella que non somos quen de parar esa situación. Cando moi poucas nenas e nenos falan galego, ou cando escoito o veciño do piso de enriba falarlle en español á súa neta aínda que teña un galego precioso

Volvamos a ser claras, tamén para a Xunta de Galicia o galego é secundario. Así o deron a ver desde o primeiro momento en que colleron o goberno, destruíndo toda canta iniciativa había en prol da normalización da lingua galega –pensemos no Decreto do Plurilingüismo que relega a nosa lingua á categoría dunha estranxeira, nos problemas do profesorado do CELGA, no incumprimento do Plan xeral de normalización da lingua galega, e un longo etcétera–. Porén, como son os reis do «postureo» e da falsidade, saben gabarse da necesidade de apoiar e fomentar o uso do galego diante das cámaras, para que así a xente vexamos o que nunca existiu: traballo real a favor da nosa lingua.

Ese orgullo foi o que debeu sentir Valentín García cando deu o discurso nos Premios á Calidade Lingüística organizados pola USC, orgullo de ser galego mais de non exercer como tal; de ver todos os problemas que como galegofalantes temos, mais non intentar resolvelos a pesar de ter unha gran responsabilidade; de agradecernos ás persoas que alí estabamos que publicaramos e escribiramos na nosa lingua...Mire, perdoe, non lles temos nada que agradecer, téñano ben claro, en todo caso darémoslle as grazas a quen nos apoiou cando algúen se burlou de nós por querer desenvolver a nosa vida en galego. Creo que aí non estaban, creo que andaban a falar da «imposición» do galego cando as galegofalantes non viamos cumprido ningún dos nosos dereitos e o castelán aparecía por todas as esquinas, afogándonos a veces.

Hai moita xente á que a falsidade e hipocresía non nos senta ben, por iso somos diferentes. Porque unhas acreditamos nunhas ideas e cumprimos con elas intentando levalas á práctica, mentres que outras prefiren xogar aos malabares e facer trucos de maxia cos que enganar a xente e vender gato por lebre. Vai na xenética de cada unha, na miña non, desde logo.

Hai moita xente á que a falsidade e hipocresía non nos senta ben, por iso somos diferentes. Porque unhas acreditamos nunhas ideas e cumprimos con elas intentando levalas á práctica, mentres que outras prefiren xogar aos malabares e facer trucos de maxia cos que enganar a xente e vender gato por lebre. Vai na xenética de cada unha, na miña non, desde logo.

Vexo que sigo desafogando tamén aquí.

Señor Secretario Xeral de Política Lingüística, non xulga que algo están facendo mal se hai ben poucas semanas saíron á rúa milleiros de persoas para reclamaren os seus dereitos lingüísticos e amosar a súa posición contraría ás políticas que están levando a cabo? Non lle cae algo a cara da vergoña e realmente pensa que as súas accións son tan boas?

Menos mal que hai organizacións, iniciativas, asociacións, etc que si que ven os problemas e intentan dar solución a eles, con traballo REAL, non con falsas esperanzas. Conseguindo crear ilusión nas persoas que queremos sorprendernos algún día por ver que o galego sae da boca de calquera sen ningunha vergoña nin etiqueta, simplemente, con liberdade.