Nación. Pasada a resaca electoral, con ilusións e decepcións, penso nas razóns que me levaron a ser parte do BNG van xa vinte anos. Repaso mentalmente os motivos dunha adolescente que sen «familia nacionalista» tiña clara esa referencia. Os «meus» -as «miñas»- eran os que falaban dos pobos oprimidos e proclamaban a utopía dunha Galiza Ceibe. As que dixeron Non á Constitución e a unha transición fraudulenta. Os que impediron que teñamos unha central nuclear en Xove ou alertaron do desastre dunha política forestal ao servizo de Ence. As que falaban na miña lingua e defendían igualdade e dereitos para as mulleres. As que alertaron que UE non era o paraíso, senón lastre para a democracia e atraso para Galiza. Estes días convulsos, e até confusos, en pleno proceso de redefinición da esquerda española, penso que as causas, as razóns que me levaron a participar e implicarme non mudaron. Pola contra, acho máis necesaria unha alternativa nacionalista na Galiza, fronte un centralismo abafador.

Non practico o esencialismo. Sempre entendín que a reclamación de soberanía é condición necesaria para superar os problemas que padece a nosa terra. Mudou a dependencia? Mudou o espolio dos noso recursos? Acaso non existe un problema para desenvolver a nosa lingua e cultura? Por que seguimos condenados a emigrar? A «crise» agudizou estes vellos problemas e, como consecuencia, a necesidade de tronzar a dependencia se queremos progresar colectivamente. Logo, o nacionalismo representa unha alternativa democrática e rupturista imprescindíbel para un cambio real. É fundamental poñer o foco na situación que vivimos, na diagnose acertada e alternativas certeiras; non considerar que «o noso», «o galego» é sempre secundario, ou que está en función do que decidan en Madrid. Non virá salvación de fóra.

Queremos ser planeta ou satélite? Na resposta a esta sinxela pregunta atoparemos moitas claves sobre os principios políticos que cada quen defende. Planeta Galiza, non para vivirmos illados no universo, senón para manter relacións entre iguais, base do internacionalismo. Neste momento coido fundamental manter vivo un elo común de todos os pobos que defenden a soberanía e a democracia: crear espazos de libre decisión e organizar novos marcos de referencia que rompan a subordinación. Un exemplo práctico: acudir baixo o paraugas de Podemos é lexitimar unha organización e estrutura estatal, cuxos centros de decisión están en Madrid. No plano das organizacións políticas reprodúcense os esquemas de decisión das estruturas de goberno. As vellas e novas forzas de ámbito estatal manteñen esquemas centralistas. Unha posición ideolóxica que ten clara relación co modelo de estado que se defende. Se acreditan no dereito a decidir, por que non o exercen? Cal é a referencia: España ou Galiza? As estruturas organizativas son espazos ideolóxicos, que definen como se quere exerce o poder. A conformación de forzas políticas propias é o exercicio real da autodeterminación. Sen esta práctica é imposíbel romper a dependencia.

Planeta Galiza, non para vivir illados no universo, senón pra manter relacións entre iguais, base do internacionalismo. Neste intre coido fundamental manter vivo un elo común de todos os pobos que defenden a soberanía e a democracia: crear espazos de libre decisión e organizar novos marco de referencia que rompan a subordinación.

Candidatura Galega. As eleccións estatais abren vieiros interesante. É moi probábel que na nova lexislatura se inicie un cambio constitucional. Neste escenario ou temos forza propia, non subordinada, ou repetirase a situación da fallida «transición». Precisamos unha voz forte e independente con capacidade real para defender un novo rol para Galiza, no horizonte dunha república propia. Urxe ter unha representación que non sexa sucursalista e cuxos centros de decisión estean no país. Agardo que calle a proposta do BNG dunha candidatura que una todas as persoas e organizacións que defenden a soberanía da nación galega. Para poder ter grupo propio hai que presentarse nunha candidatura independente. E nesa dirección imos camiñando. O 25 de xullo é un paso importante. O BNG actúa con xenerosidade e altura de miras, aposta por facer unha convocatoria unitaria. Un primeiro chanzo para avanzar con decisión na conformación dunha nova dinámica que coloque a Galiza no debate político.

Agardo que calle a proposta do BNG dunha candidatura que una a todas as persoas e organizacións que defenden a soberanía da nación galega. Para poder ter grupo propio hai que presentarse nunha candidatura independente. E nesa dirección imos camiñando.

Un oxi galego. As e os gregos deron estes días unha lección de democracia e dignidade. Gañaron os do non. Un non que abre portas a mudar algo nesta Europa de piratas, mercaderes e emperatrices. O oxi grego pode inspirarnos para poñer en marcha un oxi galego. Dicir non á que outros pobos decidan por nós. Non á imposición de políticas que negan capacidade para producir e crear emprego. Non a seguir emigrando ou a unha precariedade inhumana. Non a unha política ao servizo da banca e as transnacionais. É posíbel facelo. O primeiro paso é intentalo. É imprescindíbel logralo se queremos futuro digno e próspero nesta nosa terra.