Logo do éxito que a fraternal mobilización do 25 Xullo acadou, son lóxicos os chamados a unha avinza entre as forzas nacionalistas e de esquerdas para derrotar o PP e comezar unha engaiolante xeira colectiva na Galiza e no Estado español, caracterizada polo protagonismo popular. Sen entrar agora nos lindes que definirían a hipotética alianza, si quixera constatar dúas circunstancias que, segundo a miña opinión, poderían limitar e deturpar o alcance deste apaixonante tempo político, máxime se operan na mesma dirección. En primeiro lugar, semella que a grande maioría dos emprazamentos se fan en chave electoral, e, por conseguinte, cunha boa dose de inmediatez e posibilismo, sen atender outros movementos de onda longa. En segundo lugar, nalgúns ambientes existe unha certa tendencia a contrapoñer a xente organizada en colectivos máis ou menos insubmisos aos poderes fácticos á xente do común, como se uns e outros non tivesen puntos de encontro e aspiracións compartidas a tempo parcial ou a tempo completo.

Noutra entrega a Ideas.gal escribía que, na Galiza, agora máis que nunca habería «que se dirixir a un espectro social máis amplo e diverso, mediante iniciativas engaiolantes e compartilladas que,..., nos reconvertan en nós mesmos/as». Explícome: o que nos fixo chegar ata aquí, a ser un pobo que con moitas eivas e dificultades conservou un devalar propio, foi unha correntada de conciencia colectiva que puido superar derrotas traumáticas (o Medulio, a creba Irmandiña, a desfeita de 1846, a traxedia de 1936, a inocua mistificación de 1978/81...) resistindo a humillación e o menosprezo autóctono. Esa conciencia colectiva, que tan só se manifesta de maneira parcial nos procesos electorais, (re)xorde de maneira súbita e procura en cada intre decisivo unha estrutura organizativa incluínte e non subordinada, como tan só a xente consciente, como tan só o pobo en movemento (si, tamén o noso pobo) sabe facer. E xorde sen avisar e sen planeamento ningún, certamente, mais as forzas motrices do país teñen que estar aí, prestas para aproveitar o momento irrepetible; de aí a necesidade de organización, do diverso e imprescindible tecido asociativo, partidario ou non. Algo disto xa aconteceu na fase inicial (non tutelada por ninguén) do episodio de «Nunca Máis», cando o revoltallo social autoorganizado estivo ben disposto para hastear a bandeira da dignidade e da mudanza. Entón, as preguntas veñen sendo: danse agora as condicións para un agromar soberano, desenvolto por e para nós?; hai alguén aí, que, cal toupeira, teime en artellar espazos de encontro e mobilización para que as xentes do común, sen distingo entre as que teñen ou non opción partidaria, poidan exercer o protagonismo activo do noso (auto)recoñecemento colectivo como «suxeito político con capacidade de decisión»?.

Esa conciencia colectiva, que tan só se manifesta de maneira parcial nos procesos electorais, (re)xorde de maneira súbita e procura en cada intre decisivo unha estrutura organizativa incluínte e non subordinada, como tan só a xente consciente, como tan só o pobo en movemento (si, tamén o noso pobo) sabe facer.

Sen unha resposta positiva a ambas as interrogantes, teño para min que unha hipotética (e desexable) representación propia e soberana, quer nas Cortes españolas, quer no mirrado Parlamento galego, illada e desconectada da ilusión e da forza constituínte dunha maioría social en marcha para mudalo todo, está abocada ao fracaso nos seus obxectivos soberanistas. Ambos os procesos se necesitan mutuamente e deberían ir paralelos, acompañándose; mais para iso, compre que as urxencias electorais non monopolicen o horizonte político e o activismo social tome a palabra.