Vénme á cabeza unha magnífica viñeta  do autor de banda deseñada  Juanjo Sáez co grupo Los Planetas como protagonista. Nela aparecen os membros da banda granadina no medio do cosmos, en actitude contemplativa. Intentando comprender algo…todo son señales, sae da boca de Jota, o cantante. É mirar a prensa, ver a televisión, escoitar –sen querer e sen agrado- conversas de barra de bar ou de mesa de café, e ocórrenos  o mesmo. Todo son sinais, si, mais dunha realidade cada día máis inquietante. Máis pechada, máis uniforme, máis agresiva. Que camiña, e non é boutade ningunha, cara unha progresiva ilegalización das ideas disidentes e que, no caso galego, expulsa do espazo público a milleiros de persoas que nos movemos en claves persoais e políticas contrarias ao statu quo. Como o vivimos? Con frustración, claro.  A realidade actual dá noxo en moitos aspectos, mais tamén sabemos que non se combate con derrotismo, xenreira, fuxidas ideoloxistas cara adiante, mímese ou comparación con outros lugares e contextos.

ILEGALIZADOS
Teño unha pregunta para os meus amigos unionistas. Unha pregunta sincera, que necesito me respondan mirándome aos ollos. Despois das tentativas democráticas e constitucionais do Plan Ibarretxe e do Estatut de Cataluña e da tentativa democrática e de lexitimidade popular do referendo 1-O, e constatado nos tres casos a resposta do Estado, que nos queda ás e aos nacionalistas? Disolvernos? Botarnos ao monte? Aceptar que as nosas ideas están ilegalizadas na práctica (pódense defender, mais nunca se van poder aplicar)? Gustaríame que me respondesen con honestidade. Despois da aplicación do 155, nun Estado español erdoganizado en que a suma PP + PSOE + C´s fai e fará sempre inviábel unha reforma constitucional que acepte o dereito do exercicio de autodeterminación, díganme, que podemos facer quen lexítima, democrática e pacificamente aspiramos á conquista da soberanía das nosas nacións? Asumir que somos cidadáns de segunda e que as nosas ideas valen menos que as vosas? Que saída nos dades? Que ofrecedes ao 50 % de cataláns e catalás que queren a independencia? Cárcere, tricornios, inhabilitacións, multas, exilio? Cara onde nos levades? A actuación do Estado sería a mesma, ou quizais xa directamente militar, se a porcentaxe de cataláns e catalás que quixese a independencia fose do 70 ou do 80 por cento, e sabédelo. Daquela, é isto a vosa democracia?

O CASO ANTÓN ARIAS. Non coñezo de nada ao presidente da patronal galega, Antón Árias Díaz-Eimil. Sei del o que leo nos xornais, e ultimamente fíome neles unicamente dos entrecomiñados das declaracións. Polas que el fai, certamente resulta un presidente da CEG felizmente atípico: solicita a modificación da reforma laboral, reclama unha suba de salarios e denuncia a precarización laboral galopante. Na cuestión territorial, móstrase favorábel a una solución dialogada e pactada con Cataluña, conforme a convicción de que os problemas políticos se resolven desde a política. Trátase, por tanto, dunha persoa razoábel, dialogante e con sensibilidade social, un dirixente empresarial civilizado e co que se pode falar. Algo, todo o anterior, rotundamente imperdoábel para as pseudoelites colonizadas que temos neste país, que xa escribiron o seu nome no óstrakon do desterro e se apresuraron a solicitar, indignados, a súa cabeza. Son as mesmas voces, por certo, que esixiron tamén explicitamente “man dura” contra o soberanismo catalán ou se posicionaron no seu día contra a normalización do galego. Hoxe como daquela, todo hai que dicilo, convenientemente amplificadas desde algúns medios de comunicación socialmente influentes. Triste o país que castiga, persegue ou silencia a quen se atreve a opinar, a simplemente exercer de cidadán. Cunha cultura social así, cínica e medorenta, é imposíbel construír a alegría do futuro.

DEMISIÓN DE PROXECTO DE PAÍS. A posición de Antón Árias contrasta e deixa espida a dalgunha xente que, desde formacións que se din de esquerdas, levan tempo actuando de muleta cómplice do PP nos grandes temas. Especialmente lamentábel é o papelón do PSdG de Leiceaga. Non é só que, na liña tradicional desta formación, renuncie a ter un proxecto verdadeiramente galego que vaia máis alá da dinámica municipal e as baronías locais. O peor é a rendición absoluta que manifesta no ideolóxico, cunha carencia alarmante de propostas e ideas propias fronte ao goberno Feijóo. No modelo de financiamento autonómico, na valoración da política contra os incendios ou na denuncia do franquismo e a restitución dos bens roubados ao ámbito público, por só citar tres exemplos, a unanimidade que manifestaron PPdG e PSdG no Parlamento Galego e a contundencia compartida contra o BNG convida a exclamarlles un eufónico que se besen!, que tanto podería rematar con Leiceaga de conselleiro (quizais sexa esa a súa máxima aspiración hoxe) como na disolución e integración futura dos da rosa na gaivota, se os sectores con orgullo de partido non o impiden antes. O peor é para o país: a falta de compromiso histórico do PSdG coa elaboración dunha alternativa críbel, seria e propia para Galiza é unha das claves da debilidade estrutural da oposición ao PP na nosa terra. Movéndose no mesmo espazo, compartindo discurso e renunciando a dar -aínda minimamente!- a batalla das ideas non semella que vaian ser capaces de axudar a construír unha sociedade galega máis aberta, consciente, plural e propicia ao cambio. Alimentando as ideas do PP dificilmente se lle vai poder gañar.   

TODAS AS VOCES, A MESMA VOZ. A calidade democrática dunha sociedade mídese de moitas maneiras, mais un dos seus indicadores básicos nesta altura é a existencia de pluralidade informativa. Non resulta esaxerado afirmar que en Galiza hoxe carecemos dela, cando menos no que ten a ver cos medios socialmente máis relevantes. Os xornais que un atopa no bar, as televisión que un pode ver cando prende o televisor, as radios que se poden escoitar no coche. O peche de opinións e a uniformidade coa que se abordaron temas como o proceso catalán ou a crise dos incendios resulta realmente abafante para calquera persoa non aliñada co discurso oficial. A dinámica comezada ten pinta de que vai ir a peor, algo especialmente preocupante nunha sociedade pouco articulada internamente como a galega. Desculpen o desafogo, mais que fácil debe ser facer política desde as formacións do sistema que serven aos intereses dos poderes reais e teñen ao seu ditado a mediática pública e privada.

UN SEGMENTO DECISIVO. Seguramente non fun o único galegofalante que botou de menos, cando a campaña miserábel da “imposición del gallego”, que houbese sectores, persoas e voces non galegofalantes que desde esa condición erguesen a voz para denunciar aquela mentira fedorenta. Ocórreme o mesmo hoxe coa terríbel ausencia de voces españolas que se atrevan a romper o discurso oficial contra o soberanismo catalán. Precisamos que eses segmentos de poboación non afectados directamente polos ataques represivos ou as estratexias de recorte de dereitos non miren para outro lado cando estas ocorren. Unha sociedade democrática éo se é capaz de estar alerta e denunciar a discriminación, sexa esta do tipo do que for, e nos afecte ou non no individual. Ou nos sentimos interpelados e interpeladas e actuamos en consecuencia ou quizais na próxima ocasión nos toque a nós. Convén explicalo, poñer argumentos enriba da mesa. A igualdade de xénero non é só cousa das mulleres, o combate contra o racismo non debera implicar só a quen padece esa dominación, a defensa dos dereitos lingüísticos ou de opción sexual, por poñer diferentes exemplos, non recae unicamente nas persoas directamente afectadas. E ser neutral en situacións de inxustiza é poñerse do lado do opresor.

FUGA DE EMPRESAS
Informábanos disto o Sermos Galiza da semana pasada. Léano. Revisen a reportaxe. E coménteno nos seus círculos sociais. Entre 2013 e 2016 abandonaron Galiza 458 empresas. Delas, a metade cambiaron a súa sede para Madrid. Feijóo é independentista e nós sen sabelo!

(artigo publicado no Sermos Galiza, o 29-10-2017)