Imaxinades que o prezo da laranxa fose único e os produtores valencianos tivesen que subvencionarnos o transporte?

A pregunta fai parte da excelente metáfora coa que Adrián Dios destripa a situación de espolio enerxético que padece o noso Pais (nun artigo seu no ideas.gal), e que nos coloca nunha posición puramente colonial a respecto da metrópole madrileña. Persoalmente, tiven a oportunidade de afondar no asunto mentres enfiabamos unha reportaxe para Quinteiro en que buscabamos entender e traducir a situación do sistema eléctrico español e o funcionamento mafioso do sector. En definitiva, a factura da luz2. Dubidabamos de se enfrontarnos a tan descomunal aspiración con tan humildes medios non sería perder o tempo, xa que a escuridade que oculta a estafa enerxética non é pouca cousa. E non digo que sexa accesible nin que o conseguiramos, mais abondan un par de gráficas para entender superficialmente o que aínda poucos expertos son capaces explicar. Ou sexa, a tradución a termos comprensibles que ocupen os espazos dese chamado sentido común do que foi desprazado o rigor máis elemental. Coido que a tradución sempre foi unha disciplina menosprezada na construción do noso discurso nacional.

O potencial enerxético dun pais e a súa situación de exportador dun ben tan necesario para as sociedades modernas sen dúbida ben pode constituír un elemento capaz de vertebrar un discurso nacional transversal e asumible por amplísimos sectores sociais. Explicar a posición colonial en que estamos neste eido é traducir outras consignas máis repetidas mais tamén máis deostadas. Á hora de elaborar un argumentario que pugne por instalarse nun imaxinario colectivo é imprescindible estudar previamente o escenario en que se actúa. Pode haber quen bote isto en falta á hora de repasar a evolución política (que non partidista) do noso País nas últimas décadas. Non faltaron bandeiras, lemas, formacións novas, escisións confluíntes, enganos e desenganos... Mais nunha ollada superficial (que é o que a maioría facemos) aos últimos lustros podemos apreciar que as experiencias políticas que máis éxito electoral tiveron foron as que máis aproximaron a súa linguaxe á do común.

O potencial enerxético dun pais e a súa situación de exportador dun ben tan necesario para as sociedades modernas sen dúbida ben pode constituír un elemento capaz de vertebrar un discurso nacional transversal e asumible por amplísimos sectores sociais.

Explícome cun exemplo: se tivésemos capacidade de aproveitar directamente a nosa condición de produtor enerxético, definindo modos e maneiras, o beneficio inmediato non sería para a Nación como ente abstracto, senón para as persoas e as industrias de aquí. Sería un atractivo empresarial de primeira orde. Posto que carecemos dunha burguesía nacional consciente e con capacidade para reclamar tal cousa, como estariamos se teceramos un discurso sen complexos que falase abertamente de beneficios na produtividade das empresas? Canto nos lastrou ese tabú de non dirixirnos máis que a unha clase obreira mitificada e moito máis heteroxénea que os slogans? Canto máis se podería ter aberto o 'mercado' ouvinte sen ceder no contido? Se ao longo dos anos fósemos capaces de instalar nese espazo do «sentido común» unha idea como a do espolio enerxético, con tantas metáforas como teses doutorais, sen reivindicala como patrimonio de ninguén senón do beneficio da nosa maioría... Pensemos se nun país como Catalunya, cos seus dispositivos de elaboración de mensaxe e cos seus mecanismos de difusión, padecesen unha posición colonial tan clara. Ou ao revés, pensemos se aquí ao longo das décadas pasadas dedicaramos máis esforzos a construír mensaxes e apeiros para difundilas que forzas políticas, debater estatutos internos, escisións e controis de identidades.

A posición enerxética do País é un elemento capaz de ser fío condutor dun discurso que busque asentarse entre as maiorías, non só entre a militancia. Se non foi posible facelo até agora, experimentemos coa tradución.

As elites intelectuais encargadas de enfiar un discurso nacional esqueceron, na maior parte dos casos, un pequeno detalle: transmitilo en linguaxe asumible polo público receptor a que debía dirixirse. E ademais, foron acoutando tanto ese espazo de recepción que o resultado hoxe son minorías ilustradas frustradas por que os demais somos incapaces de seguilas. O resultado disto foron maiorías absolutas con capacidade para implantar no común teses insolventes que desprazaron outras de maior seriedade. Nos tempos de repensar todo, nos tempos da responsabilidade, a situación enerxética do noso país e a concepción colonial que deriva dela non pode ficar en congresos, seminarios, manifestos, estatutos vellos de forzas novas ou espazos limitados. A posición enerxética do País é un elemento capaz de ser fío condutor dun discurso que busque asentarse entre as maiorías, non só entre a militancia. Se non foi posible facelo até agora, experimentemos coa tradución. Entendamos que a linguaxe é absolutamente fundamental para a comunicación política, non debilitemos os marcos e traballemos máis en difundir ideas e menos en defender carnés.