Poderiamos escribir infinitas liñas de queixa ante a política do goberno rexente que unha maioría electoral aupou ás institucións formais do Estado español.Tamén, poderiamos enumerar os constantes ataques que os dereitos colectivos e individuais veñen padecendo ao longo dos últimos anos: intento de lexislar o corpo das mulleres, a privatización sanitaria, a pauperización paulatina das condicións e dereitos laborais, o incumprimento dun dereito básico como o da vivenda, a cristianización das aulas... e un sinfín de aldraxes que se perden probabelmente, nas catacumbas dos tempos.

O mapa social contemporáneo, segundo as estatísticas, é claro:volta a ratios de pobreza de comezos do século XX, carestías familiares equiparábeis ao período de posguerra e toda unha arquitectura retórica da pobreza e a necesidade insatisfeita que enche con insistencia os xornais e a realidade mediática das nosas cotidianeidades.

O mapa social contemporáneo, segundo as estatísticas, é claro:volta a ratios de pobreza de comezos do século XX, carestías familiares equiparábeis ao período de posguerra e toda unha arquitectura retórica da pobreza e a necesidade insatisfeita que enche con insistencia os xornais e a realidade mediática das nosas cotidianeidades.

O preocupante xa non é so a situación real que teima en continuar o reinado da infamia, senón unha aparente resignación precedida da normalización do «medo lexislado». Isto acontece en forma de lei represiva ante, por un lado a protesta, e por outro o xermolo do que podería ser o agromar dunha conciencia política colectiva e diferencial. A aparataxe xurídica, reacciona en nome do mantemento do privilexio de clase tamizado de garantía securitaria. Represión da práctica dos lugares comúns vía sanción ás concentracións «non comunicadas» (que clase de dereito é aquel que no seu exercicio ten que ser comunicado?). Instigación constante en forma de multas e coherción sen tregua ás persoas e colectivos, que cos seus corpos e palabras, fan do posíbel a acadar un «real» por practicar.

Unha lóxica tremendamente perniciosa hexemoniza non só a produción do social, senón a reprodución utilitarista e funcional dun común tan exclusivista como maioritario. Esa lóxica baséase na privación de dereitos e cesión-concesión das liberdades en nome da seguridade. Normalización da represión en nome da protección. Socialización da coherción e vixilancia estrema en nome do benestar. Presunción de inocencia transmutada en sospeita da culpabilidade.

Lexislación á carta ante a ameaza percibida. Preservación da orde xerárquica instaurada, nomeada como natural, dun sistema carente de xustiza. Liberdade entendida como un menor grao de cativerio e non coma estado propio da existencia.

A lexitimación de tal orde natural e histórica das cousas pasa pola normalización da serie castigo-sanción como condutores garantistas dunha seguridade cohercitiva que oprime máis do que alivia. Que controla máis que libera. Que banaliza a desigualdade coma peaxe sibilina ante unha existencia escrava da necesidade e prisioneira da carencia.

E ante isto, fica a certeza de que ningún cambio electoral pode crebar a orde submisa que un pobo aceptou en nome da seguridade e benestar sintético moldeado ao abeiro do imperio capitalista da abundancia e da suntuosidade clasista do privilexio.

Facendo boas as palabras daquel filósofo alemán que dicían iso de «só o amor crea aquelo que ten necesidade de amar», só un povo débil e entregado forxa as cadeas da súa dependencia e obediencia., e so él mesmo podera liberarse no espertar da súa consciencia domesticada.