«Boto en falta una ilusión que me reconvirta en mín...»  (Sés)

Non vou falar eiquí das vindeiras eleccións municipais: con poucas excepcións (a de Xosé Manuel Carril, candidato coruñés do BNG, é unha delas) fártame a enchente de lugares comúns e o calculado oportunismo que pairan eiquí e acolá. Tampouco son optimista canto aos resultados; nesta altura, só una cousa semella clara: a fragmentación máis ou menos confrontada entre os/as que se reclaman do soberanismo e da esquerda libertaria e anticapitalista, vai ser a inclemente paisaxe social que deberemos enfrontar en diante, nun tempo decisivo quer para a defensa dunhas condicións de vida dignas para a maioría da poboación, quer para o futuro da Galiza como nación.

Percibo, asemade, os silencios e a ralentización de tarefas comúns entre os/as que agora transitan (transitamos) por vieiros distintos, como magoada consecuencia da falta de harmonía. 

Percibo, asemade, os silencios e o barbeito de tarefas comúns entre os/as que agora transitan (transitamos) por vieiros distintos, como magoada consecuencia da falla de harmonía. Aínda máis, tampouco o escurecemento inexplicado dunha proposta xa ben limitada de seu como foi Galiza pola Soberanía, contribúe a diminuír a desconfianza existente verbo da acción partidaria, pouco ou nada transparente neste episodio. Fronte á negrume deste cincento panorama, ou reaximos, ou mellor nos retiramos a “cultivar o xardín”, mentres agardamos que outra xeración supere a fatiga e as nosas eivas. É preciso, é urxente, pois, se dirixir a un espectro social máis amplo e diverso mediante iniciativas engaiolantes e compartilladas que, como na canción de Sés, nos reconvertan en nós mesmos/as. Entendo que hoxe é máis necesario que nunca, contar con toda a xente que na Galiza non atopa acomodo na insoportable desigualdade cotiá, nas perpetuas vaguidades e dependencias deste curruncho “onde o ceo é sempre gris”. En setembro de 2012, entre o lusco e fusco daquela multitudinaria Diada catalá e o pasamento da militante libertaria Rosa Bassave, pensando nela e no país, escribín para Sermos Galiza: 

«…neste intre téñoche presente, Rosa,.... E sinto envexa, por non poder vivir na Galiza algo semellante e compartilo contigo e con outra moita xente. Xa sei que nin ti estabas, Rosa, nin tampouco os teus compas están por construír ningún estado, nin catalán, nin galego nin, menos aínda, español. Pero, nun día así, no que por Catalunya paira a embriaguez de albiscar que todo semella posíbel, cunha cidadanía que desborda gobernos, partidos e sindicatos e sitúa “as tarefas comúns” por riba de toda diferenza de idearios, quixera pensar que ti tamén serías cómplice deste fuxidío intre de felicidade;....Nestes, por eiquí, días tristeiros,...acredito que non é posíbel construír unha Galiza de seu …. sen os que, coma ti, formades parte da propia xeografía rebelde e que, dende distintas maneiras de pensar mais tamén dende o compromiso coas nosas xentes e coa Humanidade enteira, non concordades cun escenario de loita política, social e cultural autocentrada no noso país.»

É preciso, é urxente, pois, dirixirse a un espectro social máis amplo e diverso mediante iniciativas engaiolantes e compartilladas que, como na canción de Sés, nos reconvertan en nós mesmos/as.

Rematei estes días de ler o ensaio de Helena Miguélez-Carballeira «Galiza, um povo sentimental?», unha intensa «análise da condição galega como uma problemática de género». Entre as distintas lecturas deste lúcido traballo, atopo unha interrogante á que dende hai tempo veño dando voltas: ata qué punto a docilidade, a resignación e o servilismo coa dominación colonial e de clase, caracterizan o devalar histórico dos galegos e galegas e o propio distintivo identitario?. Ou non será que, como apunta para o caso catalán Josep Fontana, na Galiza malia todas as derrotas e pactos das capas dominantes autóctonas, ven de vello unha corrente (decote invisíbel) de consciencia colectiva que permitiu preservar, sequera baixo mínimos e diante de todas as tentativas de negala, unha identidade de seu alicerzada na resistencia insurxente?.

Obviamente non hai lugar neste traballiño para defender semellante heterodoxia, pero unha ollada fuxidía á nosa maltratada historiografía revela non poucas rebeldías e anceios libertarios de autoorganización: dende, en terminoloxía acuñada por Pierre Clastres, a «sociedade contra o Estado» dos castros ata o reino suevo; a levantisca Idade Media, na que a loita urbana e rural contra o señorío desemboca na revolta Irmandiña; dende o levantamento contra o francés en clave autónoma, ata o fusilamento dos Mártires de Carral; a insurxencia labrega antiforal e defensora (con éxito) da pequena propiedade, en paralelo á proposta transversal en chave de país das Irmandades; as grandes loitas proletarias do primeiro terzo da século XX, a persistencia da guerrilla galaica en plena «longa noite de pedra» franquista....Unha correntada que chegaría ata hoxe mesmo, como acredita de maneira esclarecida Rafa Vilar nun breve twitter de hai poucos días: «Pobo submiso? Vai ser que non: Galiza anda polo 6% da poboación do Estado español. En folgas laborais, somos o 13,6%».

Tempo haberá, agardo, para argumentar polo miúdo esta visión que pretende rachar amarras coa asumida identidade autocolonial baseada nunha choromiqueira e saudosa pasividade, impedida para toda acción colectiva. Agora, o que importa é sinalar que este renovado e iconoclasta concepto de nós mesmos/as, pode axudar dende a solidariedade que afortala todo o colectivo da nosa sociedade, a estabelecer novos e proveitosos puntos de encontro entre os/as que, dende a diferenza, arelamos exercer todas as soberanías.

Al Hoceima, maio 2015