No Foro Galego de Inmigración estamos afeitos a facer relatorio público dos incumprimentos de dereitos coa poboación migrante, doutras orixes, pero residente na Galiza. Nese relatorio aparecen en primeiro lugar dereitos como o acceso á sanidade, como sabemos negada ás persoas en situación de irregularidade administrativa e con notables vulneracións no acceso para as persoas que sí teñen, teóricamente,  dereito.  O acceso a dereitos e prestacións sociais básicas , a nosa penúltima batalla é polo acceso de todos e todas á RISGA, por exemplo. O acceso importantísimo á seguridade das persoas, violentanda polas redadas racistas, os voos de deportación, ou as identificacións na rúa por criterios raciais, actuacións que poden rematar tamén no ingreso en CIEs entre outras. Os dereitos laborais seriamente comprometidos para o conxunto da poboación, pero especialmente en determinados sectores nos que a presenza de traballadoras e traballadores migrantes é maior, como o emprego doméstico, a hostelería, o séctor forestal, ou a pesca. Nese sentido,  unha referencia sempre para nós é a defensa dunhas condicións primeiro legais e tamén dignas para o emprego doméstico. Tamén tentamos denunciar as dificultades e atrancos para o acceso aos dereitos educativos e ao recoñecemento profesional das persoas migrantes aquí residentes. Non esquecemos, a denuncia dos racismos institucionais e tamén dos privados, deses microracismos diarios que padecen estas persoas. Tamén, para non estendernos aquí, e  de xeito transversal tentamos sempre denunciar en todos eses ámbitos a situación de especial  discriminación que padecen ás mulleres migrantes: por migrantes, pero tamén por mulleres.

Como menciona Cheik Fayé no seu artigo nesta web, outro ámbito discriminador para o colectivo migrante residente na Galiza e no Estado Español é o acceso á nacionalidade, que ademáis da impresentable diferencia de prazos por nacionalidade de orixe, complicouse no ano 2015 co establecemento dun procedemento que esixe dúas probas (para  a maioría das persoas de orixe africana) de lingua española e de “coñecementos xerais”, complicadas e caras. Tanto Cheik como o compañeiro Breogán Valcárcel tamén nesta web mencionan un feito incuestionabel, a participación económica e social do colectivo de persoas migrantes residentes coas mesmas obrigas que o resto da cidadanía. Para non repetir, por exemplo, pagan o ive dos productos, ou os impostos da gasolina, entre outras contribucións, mesmo a obriga para algunhas de facer a propia declaración da renda. Esas iguais, ou mesmo máis, obrigas e menos dereitos, constitue de feito o cerne da discriminación legalizada deste colectivo de persoas.

Certamente a exclusión dos dereitos políticos establece a primeira, seguramente a principal, fronteira da desigualdade. Desigualdade, que logo se vai concretando nesas exclusións de dereitos cotiáns, legais e alegais, que tanto dificultan a vida concreta destas conveciñas e conveciños nosas.

Pero recuperemos o fío, o relatorio de denuncia de incumprimento dos dereitos destas persoas adoita rematar, para nós, facendo referencia á práctica imposibilidade de acceso aos dereitos políticos, aos dereitos de cidadanía. Como recordan os meus compañeiros nos seus artigos, só accesibles ás persoas procedentes de países da Unión Europea e dalgún outro país, e só para eleccións locais ou europeas. Na normalmente dura vida cotián das persoas migrantes residentes na Galiza ou no Estado Español, o incumprimento dos dereitos mencionados nos parágrafos do principio parece  máis grave, ás veces máis urxente de denunciar e de tentar na medida de posible de restituír. Tentamos xuntarnos ou denunciar ás subdelegacións de goberno ou ós diferentes departamentos da Xunta para loitar contra esas fondas inxustiza. Pero non queremos esquecer, non esquecemos de feito, que o que adoita aparecer ao final dos nosos relatorios, ben podía aparecer ao principio de forma ben salientable, porque certamente a exclusión dos dereitos políticos establece a primeira, seguramente a principal, fronteira da desigualdade. Desigualdade, que logo se vai concretando nesas exclusións de dereitos cotiáns, legais e alegais, que tanto dificultan a vida concreta destas conveciñas e conveciños nosas.

Saúdamos a iniciativa das organizacións sociais catalás que no marco dun fondo debate político, queren presentar tamén o recoñecemento dos dereitos políticos para as persoas residentes, independentemente da súa procedencia, como un aspecto importante nun proceso de afondamento democrático imprescindible que debe incluír novas formas de participación cidadá, a ampliación da idade de voto, o cambio do sistema político, e tamén o recoñecemento dos dereitos políticos para todas as persoas residentes sen limitacións. Nesa loita, quizáis a primeira de todas e mesmo a seguinte, estará o Foro Galego de Inmigración.