O pasado 30 de novembro, logo de ser emboscados por un grupo organizado de neonazis do Frente Atlético, morría –asasinado, permitídeme a licenza, malia estar aínda «sub iudice» o caso- o seareiro do Deportivo Francisco Javier Romero Taboada, coñecido na «curva» como Jimmy, logo de sufrir unha brutal malleira e de ser guindado ao río Manzanares polos ultras do Atlético de Madrid.

O que en principio pasaría por ser, sen máis -e xa non é pouco- unha desgraza vinculada á violencia no fútbol rematou por ser, debido á xestión e tratamento policial, político e mediático que do caso se fixo, un linchamento -tamén policial, político e mediático- dos seareiros deportivistas «Riazor Blues». En definitiva, unha mostra máis de até que ponto as galegas e os galegos nos atopamos «vendidas» e «vendidos» cando toca lidar en terras madrileñas. Tiñan que defender os seus ou, cando menos, repartiren as culpas.

O que en principio pasaría por ser, sen máis -e xa non é pouco- unha desgraza vinculada á violencia no fútbol rematou por ser, debido á xestión e tratamento policial, político e mediático que do caso se fixo, un linchamento -tamén policial, político e mediático- dos seareiros deportivistas «Riazor Blues».

O linchamento iníciase cando «Jimmy» se está a debater entre a vida e a morte, cando a consigna mediática era –aínda sen existir ningunha evidencia probatoria algunha, e diremos que aínda hoxe non a hai- a de falar dunha «quedada» organizada para se mallaren entre elas ambas as afeccións. Loxicamente, xunto con esa afirmación viña o «fungueirazo» aos Blues: «facer 600 quilómetros para virse pegar, hai que estar tolos». Reiteramos: Jimmy aínda loitando por vivir e sen ningunha proba algunha para soster a tese dunha quedada.

Despois había que matizar e atenuar a grave neglixencia da policía española. Xa sabemos que douscentos ultras armados combinan para almorzar na contorna do Calderón todos os días de partido e que velos perfectamente organizados era cousa só do chocolate con churros -«porras» que din en Madrid, xa é casualidade oh!- non de iren á caza do «gallego separatista». Por tanto, que a policía chegase ao lugar da emboscada máis de media hora tarde era cousa de que os Blues ocultaran a viaxe alugando os buses na provincia de Lugo para así poder eludir todo control policial e poder chegar á famosa «quedada».

Mais todo se virou. Até tres fontes distintas recoñeceron que en Madrid había constancia da viaxe dos Riazor Blues ao Calderón por así terse avisado desde A Coruña. Así se afirmou desde o propio Deportivo, desde a Delegación do Goberno na Galiza e mesmo desde integrantes dalgún sindicato policial. Logo, de viaxe clandestina para acudir a unha quedada organizada nada de nada. E que falar do aluguer dos buses en Lugo para eludir non sei qué control policial? Os autobuses levaban anos alugándose en Lugo e saíron desde o céntrico Palacio da Ópera da Coruña á unha da madrugada do mesmo 30 de novembro.

Como explicar agora, co que sabemos, a tardanza da policía ou, mesmo, que deixasen a Jimmy media hora no río sen ser rescatado mentres berraba, medio moribundo, «socorro»? Inexplicábel, sobre todo se o comparamos cos operativos que monta a UIP cando de desafiuzar a unha familia se trata ou se o comparamos co caso dos policías que se lanzaron ao mar no Orzán para salvar un estudante Erasmus.

Como explicar que un garda civil en activo participase na emboscasda? Como explicar que un dos presuntos autores materiais fose un ex paracaidista? Cantas casualidades, membros das Forzas de Seguridade do Estado español estaban como participantes na emboscada, mais a UIP, malia terse avisado desde A Coruña da viaxe dos Blues, chega tarde a Madrid Río. En calquera lugar do mundo sería un escándalo, nun Estado, como o español, en que quen goberna son os netos dos franquistas e en que a connivencia co fascismo é marca da casa tampouco é para tanto.

As contas non dan! A chapuza é manifesta e hai que criminalizar o recén falecido. Toca botar balóns fóra. Saen á luz, co corpo de Jimmy aínda quente, os seus antecedentes penais, as súas dependencias, as súas condenas xudiciais… El non era un «pequeno Nicolás», el era un galego, fillo das clases populares e dos seus rigores, había vía libre para matalo novamente, agora mediaticamente.

A prensa española botouse a unha carreira frenética por equiparar ambas as afeccións, a equidistancia entre asasinos e asasinados, entre autores da emboscada e emboscados, entre fascistas españois e seareiros galegos que teñen na estreleira un dos seus símbolos estaba servida. Desde o seu púlpito madrileño De la Morena facía mencións á introdución de estreleiras no estadio de Riazor equiparándoa cos escudos nazis. A prensa da Coruña, agás honrosas excepcións, outro tanto do mesmo facía, primeiro miraba a Madrid, preguntaba e, xa moi logo, escribía, e continúa a escribir, o que lle mandan desde Madrid.

A prensa española botouse a unha carreira frenética por equiparar ambas as afeccións, a equidistancia entre asasinos e asasinados, entre autores da emboscada e emboscados, entre fascistas españois e seareiros galegos que teñen na estreleira un dos seus símbolos

Teño para min algo claro: que o tratamento que se lle deu ao asasinato de Jimmy ten moito a ver co tratamento que se lle dá en España aos asuntos que teñen a ver coa Galiza. Era un galego, era un «ninguén», fixera 600 quilómetros para pegarse… Só lles faltou o «que se foda!». Outro tanto podemos dicir do trato recibido polas persoas que viaxaban neses buses e que foron emboscadas, as que acudían ao hospital para seren atendidas das súas feridas eran detidas sen máis, mesmo baixo enganos, por parte das unidades policiais.

Tanto ten que as autoridades gobernativas non declarasen o partido de alto risco a sabendas de que seareiros e seareiras galegas ían ir ao Calderón, tanto ten que o Frente Atletico xa tivese o triste antecedente de asasinar a sangue frío o cidadán vasco Aitor Zabaleta –aínda hoxe se berra por membros do Frente Atlético Aitor Zabaleta era de la ETA-, tanto ten que a policía e as autoridades coñecesen da hostilidade e violencia extrema do Frente Atlético antes as afeccións procedentes das nacións negadas do Estado español. Tan só imaxino a Sra. Cifuentes ao saír dunha desas tertulias de 13 Tv en que se falou do tema, xa fóra de antena, dicirlle a algún camarada de tertulia: «Era gallego, que se joda».