Que nun sistema político democrático podan votar as mulleres é algo que temos asumido. Sen embargo sabemos pola historia do movemento sufraxista que ninguén regalou este dereito: houbo que conquístalo. Seguramente moitos cualificarían de extravagante a decisión en 1893 do estado de Nova Zelandia de recoñecer o sufraxio para as mulleres, o primeiro estado do mundo. A exquisita república francesa non o recoñecería até 1944. Hoxe moitos tillan de extravagante recoñecer o dereito de autodeterminación dos pobos dentro dun estado. Ao mellor dentro de varias décadas alguén estará escribindo un artigo como o meu reflexionando sobre canto custou conquistar un dereito tan normal como o de autodeterminación nacional. Quen sabe.

 

Aínda que vos pareza mentira, hoxe hai veciños e veciñas da túa rúa, da túa vila ou da túa cidade que no día dun proceso electoral teñen que quedar na casa porque non poden votar. Van ao supermercado e pagan o IVE. Pasan a ITV do seu coche e liquidan o IBI do seu domicilio. Presentan o IRPF ou pagan os peaxes da AP-9. Pero non poden votar nin ser votados. Por que? Pois porque non teñen nacionalidade española e a constitución de 1978 establece no seu artigo 13.2 que só os españois son titulares dos dereitos de sufraxio activo e pasivo, coa posibilidade restrinxida para as eleccións municipais de sufraxio de persoas residentes estranxeiras en virtude de acordos ou tratados internacionais. Ao longo de tempo, desde 1978, eses acordos só involucran a 12 estados, algúns deles irrelevantes desde o punto de vista migratorio, e ás persoas residentes comunitarias da UE, tanto para as locais como para as europeas.

 

En 1978 a tradición de recepción de persoas migrantes no estado español era escasa, sendo máis ben un estado emisor de emigración (e exilio) ao longo do século XX, algo do que sabemos bastante os galegos. De feito os galegos nunca deixamos de emigrar. Mais a partir da década dos 90 e de xeito extraordinario nos anos pre-crise do actual milenio prodúcese un intenso proceso de chegada de persoas de todo o globo, ante a demanda de man de obra en sectores como os servizos e a construción. A crise parou estes fluxos masivos, mais a pesar da mesma, hoxe a poboación “estranxeira” (dados do INE 2017) representa case un 10% da poboación total no estado español. No caso galego un 3,2%, 86.881 persoas, máis que a poboación total de cidades como Ferrol ou Pontevedra. En Catalunya a cifra pasa do millón de persoas, case un 14% do total. É dicir, o fenómeno migratorio veu para quedarse e transformar substancialmente a realidade social nas súas diferentes dimensións, na interculturalidade, na estrutura demográfica, na política, ...

Precisamente desde Catalunya está collendo forma unha plataforma polo dereito a voto das persoas estranxeiras, 'Vot X Tothom', a cal está promovida por máis de 30 entidades que traballan no ámbito da integración da nova cidadanía

Estamos nun momento político moi intenso, coa cuestión catalá tensando a escasa capacidade de resposta política e democrática do estado español. Con todo, 2018, no 40 aniversario da constitución española, será un ano onde a posibilidade de abrir a reforma da sacrosanta norma fundamental estará encima da mesa. Precisamente desde Catalunya está collendo forma unha plataforma polo dereito a voto das persoas estranxeiras, 'Vot X Tothom', a cal está promovida por máis de 30 entidades que traballan no ámbito da integración da nova cidadanía. O obxectivo fundamental é situar na axenda política e mediática a cuestión dos dereitos políticos para todos, neste caso no ámbito catalán, en base á premisa de que os dereitos de cidadanía deben vincularse á residencia real e non só á nacionalidade.

 

Este debate debe darse en todas as partes do estado e, por suposto, tamén na Galiza. De feito temos un honroso precedente por parte do BNG en 2015, cando incorporou na lista municipal ao concello da Coruña a dous galegos de nacionalidade senegalesa, Djiby Fall e Cheikh Falle, feito que provocou o rexeitamento inicial da candidatura por parte da Xunta Electoral Central. Djiby Fall e Cheikh Falle levan moitos anos na Galiza. Son galegos porque viven e traballan en Galiza e levan Galiza no corazón, algo que non entra en contradición coa súa valiosa identidade persoal e cultural de orixe. ¿Que sentido ten que non teñan dereitos políticos? Pode ser que esteamos ante o movemento sufraxista do s. XXI, que pode cambiar moitas cousas nas estruturas dos estados avanzados.

 

Non me chames inmigrante, son cidadán coma ti”, di o Cheikh Falle. Mobilicémonos para facer visíbeis aos invisíbeis!