«As pessoas são tão diferentes. Aprecio muito que o sejam. Ser tudo igual é característica de azulejo na parede e, mesmo assim, há quem misture. […] Estou cada vez máis certa que o paraíso são os outros». Valter Hugo Mãe

O antropólogo Marc Augé, na súa Teoría dos non-lugares, define os mesmos como eses espazos de paso, sen identidade, sen valor histórico ou intrapersoal, non relacionais, onde non hai opción ao diálogo nin á ollada. En troques, os lugares son espazos para o encontro, para o cruce, para a relación, para a complicidade na linguaxe, para a comunidade; espazos practicados onde saber vivir, que describen a paisaxe da existencia cotiá, sucado por actores e transitados pola palabra.

Na nosa, a sociedade líquida (1), na que estamos inmersos, apropiándome do termo de Zygmun Bauman, mantemos demasiadas relacións interpersoais fráxiles e de consistencia precaria ou efémera.

No contexto dunha sociedade capitalista, as persoas somos tratadas como mercadorías por outras persoas, consumidas ou desbotadas en calquera momento, cando deixemos de ser «útiles»; relegándonos a un non-lugar social e incluso físico.

Os seres humanos deberiamos ser libres para vivir segundo as nosas preferencias ou prioridades. Todos temos dereito a unha vida digna. Esta, pode acotío verse condicionada por limitacións ou impedimentos de diversa natureza. Isto non debe ser óbice para que gocemos da oportunidade de construír un marco vital satisfactorio e de dotar á nosa existencia do recoñecemento como parte activa e de pleno dereito dentro da colectividade. Privar a alguén deste lugar é destruílo, asasinalo, aínda que sexa por neglixencia.

Non aceptamos a diversidade na totalidade das súas manifestacións. Continuamos a excluír, porque así o aprendemos no noso contexto socio-económico; ao outro dende a identidade canónica imposta polas presións ou as preferencias sociais. O outro é o estranxeiro, a nai solteira ou a que non quere ser nai, o gai, a lesbiana, o transexual, as persoas desempregadas, maltratadas, con adiccións, con enfermidades, con discapacidades, con diversidade funcional ou mesmo divorciadas.

A alteridade, (o noso eu en relación co lugar que ocupamos entre os outros, e o lugar que os outros ocupan en nós); lévanos moitas veces á non aceptación, á non integración, ao rexeitamento e á exclusión.

A exclusión que máis me preocupa e me ocupa na actualidade, por acharse normalizada e considerarse tolerable, é a exercida nos nosos maiores e nos nosos nenos. A súa sociedade é paralela.

Os maiores son rexeitados e as súas cuestións e necesidades semellan ser para-humanas. Levámolos a crer que non merecen a mesma consideración que unha persoa nova, traballadora activa e con saúde. Comezan a perder dereitos no intre no que os desvalorizamos, que os diminuímos social e individualmente, como elementos improdutivos. Moitos aceptan tacitamente que son prescindibéis. Sós e esquecidos, agardan, en silencio, á morte.

Unha sociedade que presupoña aos maiores unha carga, implica de seu un acto de violencia e dificilmente conseguirá ser unha sociedade madura. O Estado que continúe a xustificar que se pode sobrevivir con 450 euros ao mes, está a exercer maltrato institucional sobre estas persoas. Crea fundamentos e é corresponsable de todos os nosos prexuízos. Non pode falar de ética, nin de coidados, nin de políticas en Servizos Sociais, nin de estado de benestar ou de atención á dependencia. E son, sen dúbida, este tipo de decisións as que fomentan e perpetúan os non lugares.

Os nosos nenos e nenas están sometidos ao mesmo silencio e á mesma violencia, cando non a outras violencias peores, que os nosos maiores. Non hai lugares nin físicos, nin temporais, nin emocionais que se adapten ás súas necesidades. Corren ao ritmo dos adultos, por cidades, por escolas e múltiples espazos inabranguibles, sen refuxio, espazos dunha escala que os desborda, construídos e adaptados á sociedade produtiva.

A sociedade dos maiores e dos nenos é paralela porque está fora das grandes decisións, incluso das que lles afectan de modo directo. Vellos e pequenos son un non lugar, un non asunto; non hai tempo nin espazo para eles. O canon, o patrón e respecto son os/as persoas novas e normalizadas.

Ridiculizamos aos maiores tratándoos como persoas non conscientes xa, sen lucidez ou entendemento, «como nenos» e ás crianzas como persoas non autónomas e sen poder de decisión, nin apenas de opinión, vulnerando os seus dereitos.

Loito para que todas e todos reflexionemos e encontremos as ideas(2) e as accións necesarias para deixarmos de estar demasiado ocupados para o afecto, para a atención, para os coidados, para darlle un lugar ao outro. Soño cun lugar onde o inesperado sinxelamente ocorra.

É un deber e un dereito que todas e todos saibamos sacar partido á diferenza, permitir ás persoas pensar e ser de seu. Por que nos colocamos nun plano superior dende onde poder excluír ou mesmo xulgar? Se nos parásemos a pensalo, caeriamos na conta de que todos temos varias discapacidades tamén, só que nalgúns de nós, son invisibles. Temos que permitirnos ser na nosa diferenza.

Ocupar un espazo é diferente a ter un lugar. Ocupar un espazo é sinalar unhas coordenadas físico-temporais sinxelamente, pero ter un lugar supón indicar unhas coordenadas socio-afectivas no mapa da alteridade. Coloquemos ao outro, aos nosos maiores, aos nosos nenos e nenas nun lugar, o lugar que merecen. Cambiémolos de posición, localicémolos no mapa da diferenza.

(1)Na sociedade pos-moderna, onde todo é temporal e pasaxeiro, incapaz de manter a forma, como os líquidos, (de aí provén a denominación metafórica); as nosas institucións, referentes, estilos de vida, crenzas e conviccións mudan antes de que se solidifiquen en costumes, hábitos e verdades auto-evidentes.

(2)Tampouco teriamos que buscar moito. Existen xa múltiples proxectos que dan solución aos problemas que achego e só habería implementalos. Por exemplo A cidade dos nenos de Tonucci propón o papel activo e protagonista dos nenos e das nenas nas cidades, converténdoos nun lugar para eles/as.