Manuel Castells denomina Sociedade Informacional (SI) a «unha forma específica de organización social en que a xeración, procesamento e transmisión de información se converten nas fontes fundamentais da produtividade e o poder, polas novas condicións tecnolóxicas que xorden neste período histórico». Trátase de un novo paradigma pola converxencia de cambio tecnolóxico e cambio social. Innóvanse os procesos en todas as esferas da actividade humana, modifícase a base material da organización social no seu conxunto. Hoxe é xa visíbel como as NTIC (informática, telecomunicacións, microelectrónica e enxeñaría xenética) modificaron as pautas de residencia, consumo e traballo da humanidade. É unha revolución tecnolóxica e tamén social mais intensa (nos cambios producidos) que a revolución industrial do XIX.

Hoxe é xa visíbel como as NTIC (informática, telecomunicacións, microelectrónica e enxeñaría xenética) modificaron as pautas de residencia, consumo e traballo da humanidade. É unha revolución tecnolóxica e tamén social mais intensa (nos cambios producidos) que a revolución industrial do XIX

Para a UE, en relación coas telecomunicacións e Internet, a cidadanía é considerada no papel de cliente ben sexa das empresas ou das Administracións. A regulación da defensa dos intereses cidadáns refírese ao seu papel como contratante ou usuaria de servizos públicos e privados que se proporcionan por ese medio. Os Estados da UE que reciben fondos con esta orientación, asumen esta liña de liberalización, deixando nas mans de grandes multinacionais tanto as infraestruturas básicas como o desenvolvemento de software. Esa é a liña de financiamento FEDER das smart cities, centradas nos mellores casos en informatizar os procedementos administrativos e facilitar información vía internet, unha mestura de xestoría e servizo de información turística.

Non ten por que ser así. Un exemplo de como a acción colaborativa baseada na tecnoloxía das redes pode cambiar a política foi o proceso de nova Constitución desenvolvida en Islandia após a crise bancaria de 2008, promovida pola protesta cidadá. A pesar do triste final que tivo en 2013 pola acción boicotadora dun Parlamento que non asumiu o resultado, foi moi indicativo do que a tecnoloxía permite facer no referido a participación cidadá na elaboración das políticas. Un grupo de 950 persoas seleccionadas por sorteo entre a poboación colaboraron cun Consello Constitucional na redacción do borrador inicial do proxecto, posto a disposición da cidadanía nas redes sociais. As propostas cidadás (non anónimas) e a evolución do borrador do texto eran visíbeis para o público, que podía comentalas. Coincidiron en Islandia as dúas condicións de que fala Castells: cambio social (unha sociedade mobilizada coa crise bancaria que levou á revolución das potas) e cambio tecnolóxico (a cobertura de Internet da poboación de Islandia era do 95% en 2008) para producir un novo paradigma. Este era un proceso impensábel/imposíbel sen o concurso das redes sociais e Internet.

As redes son unha forma antiga de organización humana, no pasado eran menos eficientes que as burocracias para acadar obxectivos colectivos, a súa utilidade estaba limitada a ámbitos familiares, de elites, grupos sempre reducidos co obxectivo de ampliar o seu capital social, contactos, coñecementos, influencia. Mais a capacidade de superar limitacións espazo-temporais que proporciona Internet converte as redes sociais na estrutura organizativa que define a nosa época, mais eficientes que as burocracias na organización de accións colectivas mesmo multitudinarias, incorporan agora obxectivos colectivos e sociais. Eran e son un recurso social que facilita as -diversas- metas; fronte ao tradicional capital social construído cara a dentro, que reforza identidades exclusivas e de grupo, emerxe outro construído cara a fora, que tende alianzas co diferente, que conecta persoas de diversos grupos sociais, onde se enmarca a súa potencia como instrumento de participación cidadá. Algo que naceu para usos militares, desenvolvido con intereses comerciais e produtivos,  paradoxalmente pode ser dirixido agora a outro tipo de consumo: a participación política, un novo modelo de participación política.

O Estado da democracia representativa (as diversas Administracións) é unha estrutura burocrática, xerárquica e centralizada; funcional na época da produción fordista e a economía keynesiana. Fica inicialmente á marxe deste cambio, resístese como en Islandia. Forzado a asumir o novo vocabulario, incorpora as redes como unha canle de comunicación con cidadás-clientes-votantes, e de propaganda. Mais no fundamental, a súa estrutura non muda: nin a xerarquización nin a centralización da toma de decisións. Non se constitúe nun nodo mais da rede, coloniza ese espazo e instrumentalízao, moitas veces nin comprende nin respecta as súas dinámicas que non pode controlar. A actual demanda de transparencia e participación aliméntase dun novo tipo de cidadanía. Tarso Genro fala da «sociedade conscientemente orientada» que só pode ser conformada con educación e inclusión social con base nunha correcta distribución da renda, que constrúe mecanismos de control sobre o Estado desde a sociedade civil. A cidadanía galega tamén demandamos e merecemos que se escoite a nosa voz, a oportunidade de intervir na toma de decisións, e unha maior eficacia no logro dos obxectivos das políticas públicas.

A política 2.0 busca a lexitimación da institución pola proximidade á cidadanía, e pretende rematar cos déficits de responsabilidade e transparencia utilizando as NTIC como ferramenta.

A política 2.0 busca a lexitimación da institución pola proximidade á cidadanía, e pretende rematar cos déficits de responsabilidade e transparencia utilizando as NTIC como ferramenta. Moi lonxe dela segue o leviatán burocrático en que se converteu a UE, un coto privado de altos funcionarios e lobbies. Non está máis preto a Administración galega, a web do Parlamento Galego ofrece en directo as sesións vía Internet, mais resulta un periplo recuperar o texto dunha iniciativa, o suxestivo título «lexisla con nós» agocha un foro que só permite realizar comentarios sobre os proxectos en marcha, sobre documentos rematados, os espazos destinados aos grupos parlamentares están baleiros ou son almacéns de notas de prensa, os perfís de deputadas e deputados só conteñen unha pequena recensión persoal. As veces a información que se presenta trátase como propaganda: a web da Xunta modificou o xeito de informar sobre listas de espera sanitaria facéndoa cada vez mais opaca, sobre incendios limitándoa aos que superan determinada superficie. Outra táctica é ocultar a realidade entre montañas de datos, moi visíbel no caso dos Orzamentos con milleiros de páxinas formato texto, cambios de criterios e epígrafes en cada exercicio,  desaparición e creación de organismos..., un marasmo que fai moi traballosa a súa análise ás persoas expertas, e imposíbel ao resto.

No eido local hai máis variedade, nalgúns casos boas iniciativas de participación cidadá fanse á marxe das NTIC, o que non lles resta valor democrático, réstalles eficacia. Na maior parte dos concellos directamente non existen esas iniciativas, e a xestión desenvólvese de costas ao máis creativo e mobilizado da súa contorna, mesmo con gastos millonarios en ferramentas web como no caso de Smart Coruña. Na liña da UE e financiada con fondos FEDER ten un custo recoñecido inicial de 11,5 millóns de Euros. Non inclúe mecanismos para evitar a exclusión que produce a fenda dixital, está deseñada por multinacionais sen participación veciñal, non propón novos sistemas de diálogo co concello nin individuais nin colectivos, non vai supor creación de emprego na cidade mais vai aumentar a dependencia tecnolóxica ao estar desenvolta nun software privativo. Innovación tecnolóxica sen cambio social: moi mal negocio para a cidade, moi bo para algúns.

Administracións noutros países mostran a potencia do uso das TIC na participación e a transparencia. O Estado de Río Grande do Sur en Brasil planifica orzamentos participados cunha axenda de marzo a setembro: asembleas presenciais de recollida de propostas, foros de debate, documentos na rede e votacións populares en urna e por Internet. Unha parte dun sistema maior de participación aberta con acceso doado a toda a información orzamentaria e gobernamental, desde os salarios de políticos e funcionarios até os contratos e gastos. A participación activa da cidadanía require información cada vez máis dixital, espazos públicos de comunicación presenciais e virtuais e mecanismos de deliberación e toma de decisións que superen os procesos clásicos de participación dirixidos e controlados pola institución, que se resolven coa ratificación de decisións previamente tomadas.

O compromiso coa transparencia das Administracións debe traducirse na posta de toda a información da xestión pública á disposición da cidadanía, en formatos non so intelixíbeis, tamén reutilizábeis, transportábeis, comparábeis que poidan ser fonte de accións alén da propia actuación administrativa. É preciso abrir vías de participación na elaboración de orzamentos e políticas públicas así como do seu seguimento e control, o que reduciría drasticamente as oportunidades para a corrupción. As iniciativas cidadás beneficiaríanse de políticas públicas dirixidas a crear espazos de encontro: a rúa, física e virtual, é onde se revelan os cambios sociais. O eido local é o lugar onde se desenvolven más actividades comunitarias; os concellos poden proporcionar espazos, recursos e facilidades de software para promovelas, asumir a condición de axentes imprescindíbeis da alfabetización dixital e a participación política. Sería sorprendente o efecto multiplicador que tería a aplicación das NTIC ás boas iniciativas que xa están a funcionar. A demanda de honradez e exemplaridade, obriga a estabelecer mecanismos de transparencia e control, que contrarresten as dinámicas de concentración do poder e susciten unha maior corresponsabilidade de veciñas e veciños.

O compromiso coa transparencia das Administracións debe traducirse na posta de toda a información da xestión pública á disposición da cidadanía, en formatos non so intelixíbeis, tamén reutilizábeis, transportábeis, comparábeis que poidan ser fonte de accións alén da propia actuación administrativa. É preciso abrir vías de participación na elaboración de orzamentos e políticas públicas así como do seu seguimento e control, o que reduciría drasticamente as oportunidades para a corrupción.

É tempo electoral. O momento de propoñer unha nova xestión local. Verdadeiras cidades vilas e aldeas intelixentes que miren polos intereses e desexos das persoas son posíbeis. Unha vez máis é cuestión de competencia, visión e vontade política. Aproveitémolo esta vez!