O que ven son consideracións moi persoais, falo pois desde a miña experiencia e subxectividade, pode que expresen en parte vivencias doutras moitas persoas.

Fixo falta que fixese crise e chegase á súa fin a etapa histórica iniciada tras a morte de Franco, para que volvamos ter unha oportunidade a xente que soña desde aquí co avance da democracia, a esquerda e co soño dunha nación de noso. Porque isto é o que temos diante, unha oportunidade.

A crise económica dun lado e o proceso político catalán abriron esa crise da restauración borbónica que, alén das desfeitas sociais e políticas de todo tipo, pode ser unha oportunidade creadora se damos unido a forzas políticas e sociais nunha empresa nacional galega. Comprender isto e imaxinar o que podemos conseguir é esencial para que o propósito triunfe.

É oportunidade porque a anterior ocasión histórica non a soubemos aproveitar. Non cabe aquí un balance do que foi esta restauración da democracia e a autonomía, tivo elementos positivos e outros que non o foron; porén no noso caso é evidente que a autonomía foi interpretada polos seus inimigos e desaproveitamos a ocasión. E iso foi así porque o galeguismo non tivo a capacidade de crear os instrumentos para gobernar e asumir o liderado nacional. Diso é do que se trata agora, e para iso debemos comprender que non podemos repetir os mesmos erros cometidos esas décadas.

Haberá quen pense que o BNG xa é o instrumento axeitado; nunca acreditei niso por máis que houbo momentos en que atinxiu un apoio electoral destacado. Coido que o nacionalismo galego tal como existiu nunca conseguiu nin pode conseguir a hexemonía sobre o conxunto do noso país, pois para conseguir o goberno co propósito de cambiar as cousas é preciso un proxecto nacional aceptado e sufincado en amplos sectores sociais. No caso galego ese proxecto nacional ten de ser forzosamente de esquerdas por razóns históricas, iso non empece que teña que abrirse e integrar todo tipo de elementos democráticos.

Se o BNG fose unha empresa, e non un partido que só responde ante si mesmo, hai moito tempo que tería chamado a consultores e auditores para revisar e corrixir unha falta de resultados tal nos obxectivos que se pretendían. Pois é evidente que o BNG é posuidor de algo que a sociedade considera necesario, e por iso resiste e continúa, e malia iso non ve que o nacionalismo galego existente lle ofreza un camiño e por iso non lle outorga a confianza para gobernar. E paréceme unha visión asisada. Paradoxalmente, os nacionalistas galegos que participaron como ningunha outra forza política dos problemas e dramas sociais do noso país son percibidos con receos pola maior parte da sociedade. É evidente que debera corrixir moitas cousas.

Penso que o principal erro foi non ser capaz de integrar no seu proxecto moitas persoas que partillan os ideais da esquerda e do galeguismo. Podo falar de min propio, de como sempre sentín que a visión das cousas desa organización me excluía.

Penso que o principal erro foi non ser capaz de integrar no seu proxecto moitas persoas que partillan os ideais da esquerda e do galeguismo. Podo falar de min propio, de como sempre sentín que a visión das cousas desa organización me excluía.

Hai un par de meses conversei cunha persoa que tivo grandes responsabilidades dentro do BNG e, cavilando sobre o ocorrido desde que recuperamos a autonomía nun momento determinado exclamou: «É que até 1982, na Asemblea de Riazor, os nacionalistas non nos decatamos de que xa rematara a Transición!». Daba por feito que o nacionalismo galego fora exclusivamente o BN-PG que posteriormente se reformulou como BNG nese ano. E fóra do seu partido non houbera galeguismo nin esquerda galega.

Eu contesteille, «pois non vos entereriades vós porque eu estiven na fundación do POG no ano 78 e alí xa analizamos o novo tempo tras a aprobación da Constitución e decidimos loitar pola recuperación da autonomía!». Efectivamente, houbo uns anos decisivos de acomodación na nova época na que por un pouco ficamos sen autonomía debido a un acordo entre o PSOE e a UCD. E houbo unhas enormes mobilizacións con verdadeiro carácter nacional galego que reclamou a autonomía, «manifestaciones de los caciques» editorializou entón o xornal «El País», que xa entón pretendía conformar o mapa da España da restauración. E houbo concelleiros e alcaldes de Unidade Galega, a voz dos veciños da Coruña xa entrou no concello entón coa alcaldía de Domingo Merino de UG, apoiada polo PSOE e o BN-PG. Posteriormente Esquerda Galega e o PSG-Esquerda Galega tivo un parlamentario, Camilo Nogueira, que foi decisivo en tantos temas a comezar pola Lei de Normalización Lingüística, e logo tivo tres, cando o BNG tivo un.

Aquela loita pola autonomía, coas grandes mobilizacións do ano 77 e 79, non existía no relato do meu amigo. Aqueles centos de miles de cidadás nas rúas non tiña cabida na súa memoria. E todo o labor posterior nos concellos, na sociedade, todas as achegas da cidadanía a esas forzas políticas non existían para o meu amigo; na súa memoria e no seu mundo só existía o BN-PG e o BNG. Toda esa etapa da esquerda galeguista e das loitas políticas, ninguén lembra agora quen fletou «O Xurelo», non existe no relato que o BNG fai da historia recente. Un relato que máis que o da esquerda e o galeguismo en conxunto é o dunha organización concreta, un relato que lles foi transmitido a sucesivas xeracións de militantes.

Repaso a miña vida e lembro que o galeguismo me chegou de distintos modos, algúns moi humildes e tamén doutros xeitos máis conscientes, como aquelas «Voces Ceibes» que estaban inspiradas polo PCG. Non forman parte logo «Voces Ceibes» da loita pola liberdade e pola existencia da nosa nación? Non é logo Valentín Paz Andrade o mellor analista económico da dependencia da Galiza coas súas obras editadas en Galicia e mais en México nos anos 59 e 70, «Galicia como tarea» e «La marginación de Galicia»? Non foi a súa liña republicanista a máis leal ao Consello da Galiza e a Castelao, frente ao derrotismo da liña de Piñeiro? Valentín, quen para defender o dereito a autonomía galega, colaborou coa Xunta Democrática, patrocinada polo PCG.

Nun relato nacional completo temos que incluír esas persoas, esas experiencias. Agora temos de crear unha cultura cívica integradora e de tecer unha memoria en que integremos e caibamos e nos recoñezamos todos, moito máis aos que cren nas políticas sociais.

Nun relato nacional completo temos que incluír esas persoas, esas experiencias. Agora temos de crear unha cultura cívica integradora e de tecer unha memoria en que integremos e caibamos e nos recoñezamos todos, moito máis aos que cren nas políticas sociais.

Que non recoñecese e integrase as experiencias e as persoas que, desde fóra do BN-PG e do BNG, tamén axudaron a construír o meu país foi o motivo polo que, aínda que recoñezo o mérito de moitos dos seus militantes e a firmeza da propia organización cunha correlación de forzas tan desfavorábel, aínda que a defendo frente aos seus acusadores, aínda que colaboro e colaborarei co BNG e coas Asembleas abertas en tanto que é o instrumento efectivo para que o meu país exista..., nunca entrei no BNG.

Aceptar o relato que esa organización se conta a si mesma supón negar a miña propia existencia. Como se eu non existise eses anos e non fixese nada. A falta dun verdadeiro espírito integrador fixo que o que se facía cunha man desfacíase coa outra, como así ten sido estas décadas pasadas nas que o BNG demostrou ser imprescindíbel..., e tamén un instrumento político con limitacións para cumprir o seu papel social.

E nos últimos tempos ocorreron cousas novas e boas. Unha das máis valiosas é que unha nova xeración está a refrescar á esquerda e actualizar tanto a súa cultura política como a rexenerar os seus obxectivos.

E nos últimos tempos ocorreron cousas novas e boas. Unha das máis valiosas é que unha nova xeración está a refrescar á esquerda e actualizar tanto a súa cultura política como a rexenerar os seus obxectivos.

Igual que o franquismo foi o parteiro dunha xeración que o cuestionou agora a crise económica catalizou unha nova xeración que nos obriga a todos a repensalo todo, que obriga ás organizacións existentes a custionarse e que achega novas enerxías para os cambios sociais. O encontro da loita nacional galega con esa nova xeración pode ser unha explosión de enerxía na sociedade.

O curioso, non o é tanto, e tamén unha miga triste é o que estou a ver estes días nalgunhas actitudes dos membros ou entusiastas das candidaturas das tres cidades da provincia coruñesa, as «mareas». Non debera estrañar, pois ninguén nace da nada. Quen conduce e conforma esas novas agrupacións tamén veñen do pasado. Unha boa parte do que vexo e escoito parécenme manifestacións dun novo capítulo dunha historia tan resesa e aborrecida que xa cansa. Non pode ser que a nova xeración política, que di traer novos modos, repita os mesmos vellos defectos.

Converso polo celular cun amigo que participou desde hai cincuenta anos en toda causa solidaria e de esquerdas e que desde hai bastantes anos é do BNG. Fálame sentido das actitudes soberbias que negan o pasado que non lles interesa, como se antes desas exitosas candidaturas non houbese nunca nada. Dime que, pola contra, ouviu reclamar para estas candidaturas unha parte do pasado, a «Nunca máis».

Teño boa memoria moi precisa do acontecido e podo aceptar que ninguén reclame para si e privatice o que é de todos. Non pode reclamalo nin sequera o BNG que, efectivamente, foi quen posibilitou aquel movemento cívico tan fermoso que rebordaba as estructuras e as directrices de partido calquera. «Nunca máis» non foi ninguén, foi a cidadanía galega.

Teño boa memoria moi precisa do acontecido e podo aceptar que ninguén reclame para si e privatice o que é de todos. Non pode reclamalo nin sequera o BNG que, efectivamente, foi quen posibilitou aquel movemento cívico tan fermoso que rebordaba as estructuras e as directrices de partido calquera. «Nunca máis» non foi ninguén, foi a cidadanía galega.

E fomos afortunadas as persoas que vivimos aqueles momentos tan duros, pois puidemos ver como se fraguaba, aínda que fose fugaz, unha nación con dignidade. Precisamente quen viviu aquilo sabe que a Galiza é posíbel, as reflexións que fagamos agora deberan partir da lembranza da experiencia. E quen o viviu tamén sabe que aquí non falla a xente, fallaron os dirixentes.

Se os que se presentan como novos sepultan o pasado, como se non houbese antes xente e organizacións que representaron á veciñanza, que loitaron polas causas sociais..., como non se han sentir ofendidos os que son negados? Como non han reaxer con amargura? Un non deixa de pasmar en vendo como se repiten aquelas actitudes que se dicían combater, non deixa de sorprender o espectáculo de ver os que se sentiron ofendidos comportándose despois como ofensores.

Se esas candidaturas fican como un arquipélago de illas inevitábelmente conducirá a desconsiderar o que ocorre fóra desas cidades, como se fóra delas non houbese máis país e non se sentisen parte dos demais galegos e galegas noutras cidades, vilas e aldeas. Acabarán cheirando a clasismo urbanita.

O nacionalismo galego tradicionalmente atribuíulle ao campesiñado a autoridade moral sobre o país, o nacionalismo español actúa precisamente de modo contrario, exaltando as cidades grandes, particularmente a capital, e ignorando a integridade do país e concibindo a cada individuo e a cada cidade e localidade como mero territorio da nación madrileño española.

Os compañeiros e compañeiras que crearon esas candidaturas exitosas non deben repetir os erros do pasado. Deberan recoñecer o traballo de toda a xente que tamén leva defendido tantos anos tantas causas sociais e que, ademais, fixérono construíndo un país que nos entregan a todos.

Fomentar o encono, dun lado ou do outro, só pode servir a quen non desexa que a Galiza exista políticamente en por si e teña expresión soberana propia. Esa é unha posición argumentábel e lexítima, aínda que desmentida por todos os estudos económicos, demográficos e históricos que mostran que a dependencia foi a causa da nosa ruína; porén quen queira construir a nación dos galegos non debera axudar a disolver o país nun espazo homoxéneo e centralizado que nos nega. E iso teno moi claro a maior parte da cidadanía vasca e catalá, que tampouco se ve representada nos medios de comunicación españois, onde nunca aparece tampouco Galiza por si mesma, só os reflexos da política e os intereses madrileños.

O galeguismo non ten cabida na TVG, moito menos nas canles televisivas madrileñas, que poden discrepar en parte entre si pero que son unánimes no fundamental, en transmitir a visión madrileña das cousas e nos intereses españolistas. «Antena3» y «La Sexta» son dúas caras dunha mesma moeda emitida en Madrid. Quen queira ir a ese casino xogando con esa moeda que saiba que sempre gaña a casa, na nación madrileña non hai sitio para a Galiza, só para catro provincias rendidas e cidades provincianas que tragan o que se lles envía. E aló no centro, un furado negro que traga todo.

Izquierda Unida e mais «Podemos» queren ter deputados por estas catro provincias. IU, unha organización histórica nunha crise existencial, necesítao para sobrevivir. «Podemos», un invento político catapultado mediaticamente e alimentado de soberbia e desprezo para os demais só naceu para conquistar o poder e quere medirse co PSOE en número de deputados. Son as súas necesidades particulares. Mais a sociedade galega precisa agora, como precisou sempre, ter unha expresión propia na España, en Europa e, primeiro de nada, entre nós mesmos.

Obxectivamente, este é un momento óptimo para articular esta fatigada sociedade nosa, para dármonos orgullo de sermos cidadáns/as da nación galega, para construír un país que se saiba defender dun espolio de séculos. É preciso pór por diante esa ilusión e non as siglas ou as carreiras políticas persoais.

Obxectivamente, este é un momento óptimo para articular esta fatigada sociedade nosa, para dármonos orgullo de sermos cidadáns/as da nación galega, para construír un país que se saiba defender dun espolio de séculos. É preciso pór por diante esa ilusión e non as siglas ou as carreiras políticas persoais.

A nova cultura política que trae unha nova xeración e que nos obriga a manternos atentos á sociedade é unha gran novidade que dá novo alento ao propósito histórico se non se derrama tragada polo centralismo, integrándose nas estruturas do estado existente.

O BNG vén de facer unha valente e arriscada proposta que, vista obxectivamente, merece cando menos moito respecto: sentar a falar dunha candidatura unitaria nacional galega, é a ocasión para encontrármonos nun camiño común.

A enerxía que cambia as cousas é a carraxe e a ilusión, que non falte de nada. Tampouco a lucidez limpa e clara do Faraldo: Galicia, arrastrando até aquí unha existencia oprobiosa, convertida nunha verdadeira colonia da corte, vai levantarse da súa humillación e abatemento.

Non pretendín contentar os ouvidos nin de uns nin de outros, porén dixen o que pensaba pois non renuncio á nación galega. E eu non teño outro país onde ir sen ser exilio.

 

O BNG vén de facer unha valente e arriscada proposta que, vista obxectivamente, merece cando menos moito respecto: sentar a falar dunha candidatura unitaria nacional galega, é a ocasión para encontrármonos nun camiño común.