Na actualidade é ben complexo falar da realidade grega. E máis desde fóra, tendo en conta a presión que os mass media exercen para crear un estado de opinión determinado. Imos, pois, tentar facer unha pequena e humilde análise sobre o acontecido nos últimos días.

O certo é que durante os últimos 6 meses o goberno de Syriza amosou unha grande lección de dignidade ao mundo. Por primeira vez, un goberno do Sur asumía que era preciso facer fronte á Europa das finanzas controlada cada vez máis por un goberno alemán que comeza a parecerse a un IV Reich financeiro.

Amosaron dignidade ante unha situación crítica que eles non xeraran. O curioso é que o pánico durante o inicio da crise grega viña creado porque coñecemos que Grecia manipulara as súas contas nos anos 2000. O curioso disto é que naquel momento Mario Draghi, actual Presidente do Banco Central Europeo, era Vicepresidente de Goldman Sachs, banco que apoiou as contas manipuladas (sacando boa tallada do tema). Puxemos aos raposos a vixiar o galiñeiro.

E volveron amosar dignidade a pasada semana. Por desgracia, nesta Europa dos mercaderes, que o goberno grego lle preguntara ao seu pobo foi asumido como unha ameaza e non como un comportamento democrático normal. O que dixo o pobo grego, claramente, era que non quería máis recortes.

Dada esta situación, o referendum colocou a Syriza nunha situación favorable para a negociación. Pero, como ben dicía unha manifestación poucos días despois, é necesario «Que o NON non se convirta nun SI». O resultado do referendum permitía ao goberno grego negociar un terceiro rescate e renegociar débeda no medio prazo. É dicir, en lugar de liberar 7.200 millóns do segundo rescate, optaban a máis de 50.000 millóns e unha posible quita.

O problema desta situación é que con esta posición, Tsipras acaba de asumir algo que posibelmente lle vaia costar o goberno: a única vía para a solución dos problemas gregos é a lóxica neoliberal da austeridade. Un novo endebedamento para pagar débeda, mentres se privatiza (máis!) un país e se precariza a vida dun pobo extenuado. Unha vez se entra nesta vía, o único que poderá facer o goberno será xestionar, ca súa débeda, o mellor que poida unha catástrofe económica.

Aínda se ía dar unha volta máis ao drama grego nesta fin de semana. O Eurogrupo afirma (con Alemaña e Finlandia á cabeza, pero non só), que o acordo xa non é simplemente económico, senón que existe unha «perda de confianza» no goberno grego. A isto chámaselle Golpe de Estado. Polo tanto, as institucións europeas só tratarán de tensionar a corda de cara a que caia o goberno grego para impulsar un novo goberno de tecnócratas, como xa fixeron con Papademos e Monti en Italia.

Nesta situación, Tsipras parece que só ten dúas opcións: capitular (non é ceder, é capitular) ou tentar atopar outras vías de solución máis alá da negociación ca Unión Europea. Alertaba estes días nun artigo Varoufakis das consecuencias dunha saída do €, pero cales son as consecuencias de manterse nel? Unha década máis de recortes que leven ao pobo grego á súa propia inmolación?

O goberno grego non ten o mandato para saír do €, pero si ten o mandato de non aplicar máis recortes. Posibelmente chegou o momento de atopar novas alternativas máis alá do diálogo cos teus secuestradores en Bruxelas e Berlín. Ao fin e ao cabo, son os mesmos que se apresuraron a apoiar financeiramente a Ucrania por ser un goberno amigo, pero agora o que fan é humillar a un goberno que forma parte da Unión Monteria.