Estase a vivir no sector pesqueiro un momento de inflexión. O modelo de Tacs e cotas que impón a UE segue lastrada polas condicións de entrada cando entusiasticamente Felipe González, apoiado pola dereita española, entregou a pesca galega como moeda de cambio. Nunhas condicións que, a día de hoxe, non mudaron e negan aos galegos o dereito a pescaren nas súas propias augas.

Un bo exemplo témolo no reparto da xarda levado a cabo na Neacf (Organismos conformado polos Estados ribeiregos). Outorgáronlle a UE (519.000 ton), das cales lles corresponden ao Estado español aproximadamente un 7% (35.000 ton, unha cantidade insignificante para a flota que temos. Se esta cota a comparamos con outros países ribeiregos como Escocia, a que lle corresponde o 42% (210.000 ton) evidencia que o reparto nada ten que ver con criterios de racionalidade porque “Galiza ten máis flota que Portugal e Irlanda xuntos”.

Con este reparto resulta imposíbel manter a actividade pesqueira e o Estado español en vez de cuestionar os criterios e defender a supervivencia da flota, colabora na súa aplicación estabelecendo o reparto desta miseria por cotas individuais mais non de forma lineal ou en función de criterios socioeconómicos como o número de tripulantes, faino en función dunhas supostas capturas históricas que favorecen determinadas comunidades que teñen ao seu goberno de aliado, e así pasamos de ter dereito a poder pescar 7.000 quilos/día/barco de xarda a 19.522 quilos/ano. Con estas cantidades é absolutamente imposíbel sobrevivir e manter un barco. Agora mesmo o prezo vai a 0,40 euros, e no mellor dos casos chegará a 0,70 euros. Falamos de embarcacións do cerco cun alto custe de mantemento: gasoil, redes,... 7,8,10 tripulantes a bordo que traballan a maior parte do ano e do que dependen vendedores, transportistas, redeiras, peixeiras, etc.

O Goberno galego sabe desta realidade mais non se coloca ao lado do sector nin impide que Madrid realice este reparto individual; tampouco esixe que se modifiquen os criterios na UE, «achanta e colabora» coa destrución do noso sector pesqueiro.

O Goberno galego sabe desta realidade mais non se coloca ao lado do sector nin impide que Madrid realice este reparto individual; tampouco esixe que se modifiquen os criterios na UE, «achanta e colabora» coa destrución do noso sector pesqueiro.
 

Esta realidade esténdese ao arrastre, nas contixentadas ou nos xeiteiros. «O xeito», ese modelo ancestral, exemplo de sustentabilidade, onde a limitación das capturas xa o impón a propia embarcación, o aparello ou os horarios. Agora impóñennos unha cota de 200 toneladas de sardiña, cando na Galiza temos 427 embarcacións con dereito a pescala. Grazas ao reparto da Federación con un puñado de peixes van poder sobrevivir. Semella o milagre de Xesús coa multiplicación dos pans e os peixes.

Para poder sobrevivir, a flota galega vese obrigada a modificar a declaración das especies sometidas a Tac porque do contrario, esgotaría inmediatamente o seu cupo. Isto provoca que desenvolva a súa actividade irregularmente baixo unha altísima presión, sempre pendente das inspeccións realizadas polos membros do Mapa, de Gardacostas ou da Garda Civil. Agora os patróns están máis pendentes das medidas políticas que adopta Madrid e que acepta Feijóo que do tempo ou do peixe

O sector está a punto de estoupar. Vémolo na situación que está a vivir o cerco, con concentracións reclamando atención, buscando que alguén os escoite ante o desolador panorama que se lle está aplicando. Mentres a UE pon 10 millóns de euros para a paralización da actividade e o despezamento, o Goberno de Rajoi dinos que o futuro da pesca galega está no turismo-marinero.

Non queda outra; ou nos enfrontamos como están a facer os de Acerga (Asociación do Cerco de Galiza) ou acabaremos aceptando que o futuro dos nosos barcos están nas rotondas e para pasear aos madrileños. Non hai outra!.