Recentemente tiven a oportunidade de viaxar a Galiza para participar nunha charla sobre o TTIP e o dereito a decidir dos pobos organizada polo BNG. Unhas semanas despois, e cando nos encontramos ás portas dunha xornada europea de protesta sobre o TTIP, invítanme a escribir unhas liñas sobre o mesmo tema. Obviamente, agradezo a ideas.gal a ocasión que me ofrece e aproveito desde o inicio para animarvos a participar nas mobilizacións que contra o devandito tratado se van producir en todos os pobos e nacións de Europa este próximo 18 de abril.

Mais que diaños é o tan cacarexado TTIP? É un tratado de libre comercio que se está a negociar ás agachadas entre representantes de EUA e a U.E. Un acordo que ten como obxectivo principal, non tanto a diminución de aranceis como a desaparición do control público e normativo do comercio e a economía aos dous lados do Atlántico. É unha volta de rosca máis do neoliberalismo. Un paso máis para que ninguén entre os «mercados» e os grandes poderes financeiros e trasnacionais poidan campar ás súas anchas e facer negocio sen ningún tipo de atrancos.

O TTIP presentóusenos como algo beneficioso. Un acordo que supostamente vai crear emprego e riqueza. O certo é que non é outra cousa que «A Grande Estafa». Unha película de medo, ou mellor dito, do xénero dramático polas consecuencias sociais e ambientais que pode ter se non somos capaces de botalo atrás. O TTIP é, por tanto, como unha película producida polas grandes trasnacionais e protagonizada por unhas marionetas que se chaman a si mesmos xefes de estado mais que non son outra cousa que simples brazos executores de algo decidido por uns poucos en prexuízo das clases traballadoras e populares.

O TTIP presentóusenos como algo beneficioso. Un acordo que supostamente vai crear emprego e riqueza. O certo é que non é outra cousa que «A Grande Estafa». Unha película de medo, ou mellor dito, do xénero dramático polas consecuencias sociais e ambientais que pode ter se non somos capaces de botalo atrás. O TTIP é, por tanto, como unha película producida polas grandes trasnacionais e protagonizada por unhas marionetas que se chaman a si mesmos xefes de estado mais que non son outra cousa que simples brazos executores de algo decidido por uns poucos en prexuízo das clases traballadoras e populares.

Non é a primeira vez que nos venden as bondades dun grande acordo comercial. Que llo pregunten a México! Dixéronlles que o acordo de libre comercio con EUA lles traería desenvolvemento económico, riqueza e postos de traballo. Hoxe nada diso aconteceu e sirva como botón de mostra que México, hoxe en día, importa millo transxénico de EUA malia que o millo leva moitas máis décadas, ou séculos, formando parte da dieta, a cultura e a economía de México. En definitiva, que as grandes multinacionais agro-alimentarias de EUA necesitaban un gran mercado onde vender o millo transxénico que producen e obviamente o conseguiron en prexuízo dos sectores máis desfavorecidos de México e, como non, en detrimento da saúde e o medio.

E é precisamente iso mesmo o que nestes momentos se pretende obter con Europa a través do TTIP. Sendo conscientes de que en EUA o control normativo é moi inferior, buscan equiparar, á baixa, todas as normativas ambientais, laborais e en materia de saúde. Iso, evidentemente, suporá un menor control público e a perda e desaparición dun bo número de conquistas ambientais, sociais e laborais. Ademais do mencionado, sábese por filtracións e mesmo recoñecementos explícitos, que se está a negociar a posibilidade de abrir máis vías aos procesos de privatización, por exemplo, na sanidade e por se todo o anterior fose pouco, pretenden equiparar ante os tribunais internacionais os estados coas multinacionais. Equiparar a quen se supón ten mecanismos de control democrático e a quen só busca negocio e acumulación de capital a calquera prezo. Como diciamos, é unha fuxida cara a adiante do neoliberalismo, que incapaz de recoñecer a crise sistémica que padecemos a nivel mundial, se obceca en apostar pola mesma desregulación e adoración dos mercados que nos trouxo a estas longas e graves crises.

No Estado español, a mencionada crise e nova ofensiva do neoliberalismo está a supoñer un gran proceso centralizador e de oligarquización da economía. Os pobos do estado aos que se nos nega o dereito a decidir e a tomar as nosas propias decisións, constatamos case semanalmente, que os consellos de ministros ou o tribunal constitucional se valen por si mesmos para coartar as decisións populares dos nosos pobos.

Hai cantos de serea que nos din que hai que priorizar os problemas da cidadanía aos da soberanía. Non podían estar máis equivocados. Nun momento onde o obxectivo do capital, tanto nas negociacións do TTIP como no que a política económica se refire, é avanzar na desregulación da economía, promover novas e peores reformas laborais, diminuír os seus impostos, bancarizar e financiarizar toda a economía... ás persoas, ás clases populares, non nos queda outra cousa que apostar por recuperar o control da economía. Isto é o que nestes momentos está en xogo e, como non, para iso, para democratizar a economía, necesitamos que todos os pobos, que todas as persoas, poidan tomar libre e democraticamente as súas propias decisións en materia social, laboral ou económica. O dereito a decidir dos pobos xa non é, por tanto, unha reivindicación nacionalista; é ou debe ser, ademais, unha reivindicación chave de todos aqueles sectores populares e de esquerdas que queremos rematar coa ditadura dos mercados e recuperar o control democrático dos nosos recursos económicos e medio ambientais.

O dereito a decidir é unha urxencia para todas aquelas persoas que desexamos dar a volta a este sistema inxusto que utiliza o diñeiro público para financiar a quen máis ten, mentres recorta dereitos e gasto social. O dereito a decidir é a única ferramenta que pode frear as políticas neoliberais e as denominadas de austeridade que toman desde Bruxelas ou Madrid.

O dereito a decidir é unha urxencia para todas aquelas persoas que desexamos dar a volta a este sistema inxusto que utiliza o diñeiro público para financiar a quen máis ten, mentres recorta dereitos e gasto social. O dereito a decidir é a única ferramenta que pode frear as políticas neoliberais e as denominadas de austeridade que toman desde Bruxelas ou Madrid.

Democratizar a economía require recuperar a soberanía económica. Só achegando as decisións aos pobos, ás persoas, podemos reverter este proceso e comezar a tomar medidas en favor das persoas co obxectivo de garantir un traballo e unha vida digna.

O TTIP non busca iso, senón todo o contrario: o triunfo definitivo da desregulación e as multinacionais. A soberanía dos pobos e das persoas gáñase loitando día a día, na rúa e nas institucións. Este sábado temos a posibilidade de demostrar que somos moitos e moitas as que queremos sacar á luz o despropósito que algúns pretenden facernos coar mediante as negociacións secretas e manobras orquestradas na escuridade. Como moi ben di a activista Susan George, o TTIP é como un vampiro que só pode sobrevivir na escuridade. Unicamente nos fai falta sacalo á luz para rematar definitivamente con el. Non é tan difícil, está nas nosas mans.