“Un paso adiante i outro atrás, Galiza,
i a tea dos teus sonos non se move.
A espranza nos teus ollos se esperguiza.  
Aran os bois  e chove”

Así é como comeza Penélope, o poema máis coñecido do guitiricense Xosé María Díaz Castro (Nimbos, 1961). “Un paso adiante” é tamén o nome dun proxecto do BNG para concienciar á sociedade galega da importancia de estarmos unidos como pobo no momento político actual. Neste intre en que o modelo territorial actual está en cuestión e no que as forzas políticas con representación no Congreso dos Deputados están de acordo (aínda que sexa por motivos diferentes) en modificar a Constitución, Galiza non debe ficar como simple espectadora (que é o papel que leva xogando o goberno da Xunta nos últimos oito anos) senón como parte activa do proceso.

Trátase de non temer aos cambios e de fixar a dirección máis apropiada co fin de guiar no futuro a barca do noso pobo; por iso o BNG quere debater e consensuar cos distintos axentes sociais, políticos e económicos un documento denominado Bases democráticas para unha nova Galiza. Só sumando ideas e boas vontades poderemos construír unha Galiza máis rica, xusta e igualitaria, capaz de dinamizar a economía e o emprego, garantindo os servizos públicos e os dereitos sociais co fin de que ninguén quede atrás neste proceso.

Cando estamos a piques de cumprir catro décadas de estado autonómico sería moi interesante facermos un balanzo do que ten acontecido co fin de fixar o modelo de sociedade para o futuro. Ao longo deste tempo atopámonos unha nación a dúas velocidades onde o despoboamento e o envellecemento da poboación son o carné de identidade da Galiza interior. En catro décadas o galego pasou a ser un idioma minoritario en canto ao uso, roubáronnos (coa anuencia de PSOE e PP) o sistema financeiro coa perda das caixas e a absorción dos bancos, aniquilaron os nosos sectores produtivos, forestaron as terras de labor e un sen fin de agravios que dificilmente collen neste modesto artigo.

O país precisa dun autogoberno amplo e dun goberno que crea realmente nas potencialidades do pobo sen estar pendente de se as súas decisións molestarán na capital do Estado. Lévannos dicindo tanto tempo que somos un pobo pobre e subsidiado que rematamos nós mesmos por repetilo a modo de mantra. O que realmente somos é unha nación empobrecida despois de séculos e séculos de xigantes samesugas, mais só con maior soberanía poderemos comezar a virar o rumbo. Un exemplo da nosa baixa autoestima dábannolo os medios de comunicación a semana pasada cando dicían que o grupo Hotusa (a maior cadea hoteleira catalá), presidido polo chantadino Amancio López trasladaba a súa sede social de Barcelona a Madrid, pero ninguén se preguntaba o por que non o traía para Galiza.

A experiencia dinos que a actual autonomía non é un marco favorábel aos nosos intereses. Que estamos fartos de fornecer de emigrantes e man de obra barata, de materias primas, de enerxía, do financiamento que xeran os nosos aforros ao resto do Estado e de que as nosas empresas paguen os seus impostos en Madrid. Non vivimos da caridade senón do noso propio traballo. Está moi ben sentirse galegos cando vemos certos anuncios na TV pero iríanos mellor se nos responsabilizaramos e nos sentiramos galegos cada vez que introducimos o noso voto nas urnas.