Calquera persoa interesada pola «política» no Estado español é consciente de que este electoral ano 2015 é diferente. Tras 7 anos de crise económica, crise social e agudización da crise política, comezan a materializarse procesos de cambio político. Haberá eleccións en Andalucía, eleccións municipais e autonómicas nalgúns territorios, intensas eleccións en Catalunya e eleccións estatais.

O sistema de partidos saído da transición, fundamentado nun bipartidismo imperfecto, variará. Catalunya e Euskal Herria cos seus procesos endóxenos. O nacionalismo galego foi quen durante as tres últimas décadas de matizar o modelo bipartidista español, labrando un traballado espazo social e político, agora tamén en crise, mais vivo e con enerxías.

Dous son os fenómenos políticos a nivel macro que despuntan sobre o resto: a irrupción de Podemos e a cuestión catalá. Estamos nun tempo de «fiestra de oportunidade», ese concepto tan usado pola «ciencia» política. As estruturas existentes abren fendas e por elas poden situarse novos temas encima da mesa. Obviamente terán máis forza os temas con maior capacidade política e social.

Dous son os fenómenos políticos a nivel macro que despuntan sobre o resto: a irrupción de Podemos e a cuestión catalá. Estamos nun tempo de «fiestra de oportunidade», ese concepto tan usado pola «ciencia» política. As estruturas existentes abren fendas e por elas poden situarse novos temas encima da mesa. Obviamente terán máis forza os temas con maior capacidade política e social.

Na permanente dialéctica entre o frustrado proxecto nacional español e o impulso das nacións sen estado sen dúbida Catalunya é a punta de lanza do cambio político territorial. Está claro que nos debates que virán de reforma política tanto Catalunya como Euskal Herria contan e contarán con voz propia en todos os foros. E tanto por forzas políticas que baixan polas congostras da esquerda (ERC, CUP, Bildu,…) como forzas que baixan polas congostras da dereita (CDC, UDC, PNV,…)

E que pasa con Galiza?, preguntámonos algúns contravindo as sentenzas de Carolina Bescansa. Pois parece querer situarse outra volta nunha encrucillada, xogando cos seus propios tópicos, xogando, en definitiva, a quedar fóra do debate.

Vaia por diante: Galiza non é un concepto etéreo. Galiza son as mulleres e homes que viven e traballan no seu territorio e, tamén, os moitos que vivimos fóra. Son as persoas paradas, as autónomas, as traballadoras, a xente pobre e a xente menos pobre. É a educación, a sanidade, os servizos sociais, a pesca, o sector agroalimentario, a industria, a enerxía. O debate sobre se o poder político para decidir sobre estas cousas está en Santiago ou en Madrid non é unha cuestión secundaria nin banal. O autogoberno é a ferramenta da soberanía.

Vou á idea básica á que quere chegar este artigo: Galiza ten que estar con voz propia. Os resultados das últimas europeas achegan unha conclusión clara: cando menos para as eleccións supragalegas é de sentido común a confluencia das forzas progresistas favorábeis á autoorganización. É precisa unha candidatura nacional para as eleccións estatais, que debería apostar por un formato novidoso e atractivo que procure interpelar a maioría social do país.

O galeguismo político está nun momento contraditorio, mais eu non son pesimista. Probabelmente nunca houbo tantas persoas máis ou menos activistas con conciencia nacional galega na historia do país. Por exemplo, a convulsa asemblea do BNG en Amio no 2012 é, sen dúbida, o congreso político máis numeroso do nacionalismo galego. Trátase de dar con fórmulas que activen e incentiven a unidade de acción das e dos galeguistas.

Probabelmente nunca houbo tantas persoas máis ou menos activistas con conciencia nacional galega na historia do país.

Este artigo non deixa de ser unha elucubración intelectual a mil quilómetros do país, lonxe das lameiras da política concreta galega. De quen dependen as cousas fundamentalmente é das forzas políticas galegas e, sobre todo, da iniciativa dos seus dirixentes.

Galiza ten que estar. O vindeiro tren pode tardar outras tres décadas en pasar.