Levo tempo matinando nunha idea. Existe Galiza? Non sei se lembrades, a súa desaparición fora decretada polo presidente da deputación de Ourense, José Manuel Baltar. Contan que Baltar II, nun mitin en Allariz, debeu por un momento albiscar o soño de conseguir que o BNG perdese a alcaldía e entusiasmado, botou tal exabrupto. Contan que naquel acto tamén estaba Feijóo. Nin se inmutou. Semella que o conto non ía con el. Total mentres exista a Xunta, que importa Galiza!

Mais retorno ao principio. Existe Galiza? Que somos realmente? Só veciños e veciñas ou algo máis? A historia parece indicar que existe un pobo, unha nación sen estado que responde a ese nome. Mesmo algúns historiadores acreditan que constituíu o primeiro Reino de toda Europa baixo dominio suevo. Na súa lingua -din as historiadoras - escribían reis e poetas de toda a península. Mais xa se sabe, é difícil vivir de rendas!

Na actualidade Galiza é un país que esmorece. Existe, mais camiña lentamente cara a extinción. Non a extinción dos humanos que habitan este anaco de terra. Sempre hai colonos dispostos a instalarse. Mais esmorecemos en canto a pobo con características propias e singulares. Mirade. Somos un dos territorios máis envellecidos do mundo. Perdemos poboación. As estatísticas din que 47 habitantes día no último ano. A emigración debe ter algo que ver. A xente nova, en aluvión, busca fóra as oportunidades que non atopa na terra. En nome de Europa e a modernidade, cada vez producimos menos alimentos. Importamos o que lle sobra a Franza, Holanda ou Alemaña. Por solidariedade os nosos gandeiros/as cobran un prezo polo leite que non lles dá para cubrir gastos. É como se pagasen por traballar. Unha de cada cinco menores de 15 xa non sabe falar galego. Stop. Esquecía que non se pode contar tanta desgraza xunta. Á xente non lle gustan as malas noticias.

Mais esta é a realidade de Galiza. As causas son diversas e variadas. Mais tamén digo que non ten causa única nos gobernos do PP. Xa nos pasaba co PSOE. E estou certa, goberne Podemos ou Ciudadanos, Galiza non sairá deste letargo inducido. Entendédeme ben. Non descualifico ninguén. Só constato unha máxima universal: un pobo oprimido – como é o galego- só pode avanzar se rompe a dependencia. E para romper a dependencia precísanse forzas políticas propias, que defendan esa idea e creen conciencia. E isto ten moito que ver coas municipais.

Pensemos en Allariz e Pontevedra. Só por citarmos dous concellos emblemáticos do BNG. O resultado non é froito dunha xestión técnica eficaz, é o resultado da política, de aplicar programas nacionalistas. Son concellos que parten do respecto polas nosas formas construtivas, buscan humanizar os espazos; defenden políticas sociais e modelo produtivos que non sexan coloniais; apostan polo comercio local fronte as grandes superficies; defenden a nosa lingua e cultura. Son espellos do que podería ser Galiza. Son muros de contención fronte ao desafiuzamento da nosa identidade colectiva; por iso son atacadas con dureza e baixo artimañas de todo tipo.

O vindeiro 24 de maio xogámonos moito. Sempre que hai eleccións pasan cousas relevantes. O tempo demostra que os concellos gobernados polo BNG avanzan, innovan porque se preocupan e ocupan de procurar o ben común. Os gobernos do BNG son garantía de cambios reais, de proxectos que ademais fortalecen unha idea de país.

O vindeiro 24 de maio xogámonos moito. Sempre que hai eleccións pasan cousas relevantes. O tempo demostra que os concellos gobernados polo BNG avanzan, innovan porque se preocupan e ocupan de procurar o ben común. Os gobernos do BNG son garantía de cambios reais, de proxectos que ademais fortalecen unha idea de país.

Hoxe, en tempos de confusión, algúns repiten a vella idea de que as fronteiras limitan ou que o moderno é non ter ideoloxía. A vella idea do españolismo de que defender Galiza nunca é importante. Mais eu sigo desconfiando de quen baixo formas diversas reproducen a vella política que busca manter a nosa marxinación. Non oculto a miña sorpresa e decepción. Lembro o ideario das Irmandades da Fala, da Xeración Nós, do Partido Galeguista, da UPG, do PSG, POG ou do BN-PG e acredito na fortaleza das súas ideas; na vixencia de que non, non virá salvación de fóra.

Descoñezo que pasará o 24 de maio. Seguramente a cousa irá por parroquias. Teño a convicción de que nada será agasallado para o BNG e o noso resultado dependerá en grande medida, do esforzo desas formigas que traballan con entusiasmo e alegría, colectivamente, sen personalismos e con humildade. En todo caso, sei que o Galiza existe e existirá mentres haxa quen erga a súa bandeira.