Esta foi unha das preguntas as que intentamos responder na recentemente celebrada Neguko Unibertsitatea (Universidade de Inverno) da Fundación Iratzar. Contamos, para respondela, coa participación de Alba Nogueira do BNG e Carles Riera do CIEMEN. Nunha das mesas redondas debía intervir eu xunto a estas dúas persoas invitadas, mais a mala sorte deixoume tirado xunto á peaxe dunha autoestrada e nunca puiden tomar parte naquel acto. Cheguei á casa con tal rabia e tantas ganas de expresar o que pensara dicir que corrín a intentalo mediante Twitter. Este artigo é un desenvolvemento daquelas ideas, así que agradezo enormemente ás amigas e amigos de Galiza Sempre a oportunidade de me resarcir daquela oportunidade malograda.

Comezarei por unha auto-resposta curta e simple: si, mais depende. Explícome. Creo que estamos nun momento aberto, cunha crise multidimensional que no Reino de España é á vez crise de réxime e de estado. É unha crise de cohesión entre as elites que no pasado compartiron unhas determinadas regras de xogo, unha crise de lexitimidade do estado e dos seus axentes e instrumentos principais, unha derruba do mito de estado, da narrativa da transición e do milagre económico e unha caída da imaxe dun estado descentralizado capaz de respectar realidades diferenciadas. É por iso que a opción autonómica perdeu fol, desautorizada unha e outra vez pola involución e as medidas recentralizadoras dos últimos anos.

E esta multicrise é sobre todo unha traxedia social e económica de dimensións descomunais, que supuxo o empeoramento das condicións de vida e traballo da maioría da poboación. Nestas circunstancias, o actual sistema político español ten un grave problema á hora de producir futuro. Enfróntase a unha fervenza de desconexións e perdas de consentimentos e, así as cousas, os que defendemos o dereito a decidir dos pobos sen estado percibimos oportunidades sen precedentes no pasado recente.

o actual sistema político español ten un grave problema á hora de producir futuro. Enfróntase a unha fervenza de desconexións e perdas de consentimentos e, así as cousas, os que defendemos o dereito a decidir dos pobos sen estado percibimos oportunidades sen precedentes no pasado recente

Por un lado porque unha situación de debilidade do estado e perda da súa lexitimidade é un momento aberto en que poden cobrar importancia posibilidades antes pechadas con mil cadeados.

Por outro, porque apareceron no contexto internacional tendencias interesantes. A ofensiva neoliberal provocou numerosas resistencias e movementos de protesta e formulación de alternativas, mesmo en territorios onde non existían antes, como nas partes do estado onde non hai unhas loitas de reivindicación nacional alternativa ao modelo dominante. Os movementos de fichas que chocan coa tendencia dominante toman formas diversas e entre eles cabe destacar expresións en Europa como a rebelión democrático-soberanista en Catalunya e o proceso escocés ou a experiencia de Syriza en Grecia.

Neste contexto, a cuestión da soberanía adquiriu centralidade tras a caída da narrativa do fin dos estados e a euforia do europeismo e a globalización supostamente benfeitora. Os estados (tanto os existentes como os desexados) aparecen como murallas contra as agresións dos mercados e os entes supranacionais, mais tamén como mecanismo de defensa contra as pretensións hexemonistas, quer globais, como a de Alemaña, ou máis limitadas, como as dos bloques dominantes no Estado español. Agora que se viu que escondían, perderon fol aquelas mensaxes triunfalistas que nos debuxaban unha Europa unida que ía poñer fin ás aldeás e anacrónicas aventuras nacionalistas.

Neste contexto, a cuestión da soberanía adquiriu centralidade tras a caída da narrativa do fin dos estados e a euforia do europeismo e a globalización supostamente benfeitora.

Todo isto invítanos a ver nesta axitada conxuntura unha ocasión propicia para un cambio de coordenadas. Mais calquera ilusión simplista debe ser matizada. En primeiro lugar porque a multicrise é un escenario horroroso para a maior parte da xente: vivimos peor e as expectativas son moi preocupantes; é máis, en ausencia de cambios radicais viviremos peor. Isto é especialmente grave nos territorios máis periféricos e subordinados, como Galiza. Non sería intelixente por iso xerar falsas expectativas.

E hai outra razón para o meu depende. Estamos ante unha crise de réxime que en certo modo tamén o é de estado. Ao réxime de 1978 acumúlanselle as fendas e multiplícanselle as frontes abertas e non se pode pensar que vai dar pasos continuos e cada vez máis rápidos cara ao precipicio sen que ninguén no mundo das elites tome algunha iniciativa. Será o cambio de réxime ou a súa posta a punto o único xeito de evitar a fractura e/ou o naufraxio do estado? Parece lóxico supor que haberá quen desde ámbitos de poder se fixese xa esta pregunta coa maior seriedade. Non sería desatinado pensar que haberá algunhas solucións sequera esbozadas nesa dirección. Sexa como for, esta vai ser unha cuestión chave nos próximos meses-anos.

Dunha crise, sobre todo dunha gran crise, poden xurdir escenarios diferentes. O Estado español podería dar pasos nunha dirección ou noutras. Podería democratizarse, por dicilo en termos xenéricos, ou ir na dirección contraria. Son moitos os axentes implicados nunha pugna que xa está aberto e a opción dunha revolución desde arriba que rexenere o estado vai enfrontarse ás demandas dun cambio profundo nas regras do xogo. O sistema de partidos e o predominio do bipartidismo PP-PSOE están a atravesar un momento delicado, mais está por ver que o substituirá. Non sabemos que acontecerá con IU, até onde chegará o crecemento anunciado de Ciudadanos e, sobre todo, cal será a liña dominante na evolución de Podemos. É certo que tanto UPyD coma VOX non parecen ser opcións de futuro, mais pode ser que Ciudadanos logre, con esa imaxe menos casposa, enarborar exitosamente esas bandeiras españolistas.

Temos indicios dunha saída autoritaria, como a Lei Mordaza ou o marco de restricións ás liberdades presentado como pacto anti-jihadista. As chamadas a unha gran coalición e unha saída de forza sucédense e está claro que queren evitar custe o que custar un efecto contaxio da experiencia grega. Por tanto, é demasiado pronto para supor que o escenario de crise orixine un novo estadio máis democrático e aberto.

Ademais, desde a perspectiva dos pobos sen estado, a emerxencia de novos actores no Estado español e, especialmente de Podemos, pon sobre a mesa diversas incógnitas. Obviamente, a irrupción de novos suxeitos con vocación transformadora é unha magnífica noticia. Pode acelerar a crise do réxime e contribuír a importantes cambios. Desexamos o mellor para a xente do Estado español, que até agora non tiña unha opción trasnformadora con posibilidades de ser un axente protagónico. Podemos pode ser un axente democratizador que faga fronte ao neoliberalismo desde as institucións e outros ámbitos.

Mais outra cousa é o referente á cuestión do modelo de estado e os dereitos dos pobos. Sería marabilloso que Podemos lograse empurrar cara a unha nova actitude con respecto á realidade plurinacional do Estado español. Hai motivos para albergar esperanzas, porque hai un esforzo por reformular a idea do Estado español e en torno a Podemos agrúpanse persoas e sectores que defenderon posicións abertas nesta cuestión. Con todo tamén hai sombras que non podemos pasar por alto. Tamén en Podemos hai xente cunha traxectoria de belixerancia cara ás reivindicacións dos pobos sen estado, xente con posicións de nacionalismo español, ás veces banal e outras moito máis explícito. Haberá que ver como evolúe todo isto.

E, sobre todo, Podemos tería que romper cunha tendencia moi consolidada e moi forte, a tentación se someter á percepción de que afrontar este problema é electoralmente ruinosa. O peso das posicións de poder e as capacidades de cooptación do estado e o sistema nunca deben subvalorizarse. Esa mentalidade de Porta do Sol entendida como quilómetro 0 é realmente perigosa, mais coido que non debemos quedar só con esas precaucións, por moi sustentadas que estiveren na nosa experiencia.

Por iso é importante que as esquerdas transformadoras dos pobos sen estado deamos a batalla de modo aberto, evitando inimizades innecesarias, mais con posicións claras. Non en termos de confrontación, moito menos de sectarismo, senón coa man tendida, con respecto e con vocación de explorar todas as posibilidades de sumar forzas e chegar a acordos. Mais en ningún caso postergando as nosas estratexias nin colocándoas en posición de espera.

Ante un posíbel cambio de réxime, non se trata de formular a discusión nos termos de 1978, claro está, senón de retomar a demanda dunha ruptura non xa co franquismo, senón co posfranquismo, o seu herdeiro.

Ante un posíbel cambio de réxime, non se trata de formular a discusión nos termos de 1978, claro está, senón de retomar a demanda dunha ruptura non xa co franquismo, senón co posfranquismo, o seu herdeiro. Iso require tocar a cuestión territorial. O rexeitamento do neoliberalismo e a defensa de escenarios de democratización poden permitir que aparezan espazos comúns e o dereito a decidir é un reclamo que podemos compartir soberanistas e independentistas coas forzas que, desde unha perspectiva democrática, defendan un Estado español unido renunciando a seguir impoñéndoo pola forza.

A esquerda independentista vasca non está nas posicións de 1978. Seguimos falando de ruptura, si, mais o noso horizonte non é a democratización do estado español, senón a independencia de Euskal Herria. Ruptura adquire agora un novo significado tras o fracaso de todas as ofertas de resolución democrática bilateral do contencioso que puxemos sobre a mesa durante décadas. Isto non quere dicir que renunciemos a xogar no escenario do cambio de réxime no Estado español, mais si que a nosa referencia é a nosa propia vía, Euskal Bidea, cuxas chaves quixemos contribuír a deseñar coas nosas propostas.

Nesta vía sen rexeitar posíbeis acordos ou complicidades, damos prioridade ao protagonismo do noso pobo. Formulémola desde a nosa propia territorialidade e a xeopolítica dun pobo a cabalo entre a Península Ibérica e o Continente, que non mira só cara ao sur, senón tamén cara ao norte, os Pireneos (máis columna vertebral que fronteira) e o mar-océano.

Nesta vía sen rexeitar posíbeis acordos ou complicidades, damos prioridade ao protagonismo do noso pobo. Formulémola desde a nosa propia territorialidade e a xeopolítica dun pobo a cabalo entre a Península Ibérica e o Continente, que non mira só cara ao sur, senón tamén cara ao norte, os Pireneos (máis columna vertebral que fronteira) e o mar-océano.

Así que pode ser a hora dos pobos se soubermos aproveitar esta oportunidade. Poden pórse sobre a mesa alianzas e complicidades novas que, en todo caso, convivirán con rivalidades electorais e loitas pola hexemonía, mais sería un erro imaxinar o futuro en termos de prolongación da subordinación dos nosos pobos, aínda que fose formulada como supeditación aos cambios no estado, por moi positivos que puideren.

Fagamos que esta sexa a hora dos pobos. O futuro dependerá dos nosos acertos e erros. E imos precisar algo máis que sorte. Saúdos desde Euskal Herria.