Existe un importante consenso para explicarmos a realidade actual ao redor de tres elementos centrais: primeiro, a crise que vivimos é sistémica e afecta ao conxunto das institucións e actores do réxime do 78; segundo, o seu impacto na realidade social mudou o panorama político e abriu un escenario novo, complexo e que non sabemos que vai dar de si; finalmente, neste escenario o desexo de cambio é maioritario.

Hoxe somos maioría quen vivimos como radicalmente inxusto o tempo presente. Porque o é.

Hoxe somos maioría quen vivimos como radicalmente inxusto o tempo presente. Porque o é. É inxusto comprobar como ter traballo non evita a precariedade e a pobreza; ver como se esnaquizan os plans de vida e se subsiste grazas ás pensións e os subsidios familiares; padecer a realidade e as consecuencias do paro cronificado, observar como milleiros de compatriotas teñen que recorrer a roupeiros, albergues e comedores sociais para evitar a rúa; vivir como tanta xente moza ten que emigrar para buscar fóra o futuro que aquí se lle nega; saber que a banca salvada con diñeiro público é a mesma que roubou e estafou impunemente a milleiros de persoas mentres os seus directivos vivían a corpo de rei.

A raiba, o cansazo, a impotencia, o malestar social... teñen causas obxectivas: o medre das desigualdades, a corrupción masiva -consubstancial ao propio réxime- e a evidencia de a política maioritaria ter estado ao servizo dos poderes económicos e non para a defensa da vida digna das persoas.

A raiba, o cansazo, a impotencia, o malestar social... teñen causas obxectivas: o medre das desigualdades, a corrupción masiva -consubstancial ao propio réxime- e a evidencia de a política maioritaria ter estado ao servizo dos poderes económicos e non para a defensa da vida digna das persoas.

Da suma desas e doutras causas, desde esa desafección profunda co existente e en ocasións á marxe da vinculación directa cos partidos, nos últimos anos estivo a darse na sociedade un movemento de fondo que quebrou a lexitimidade do réxime e puxo enriba da mesa unha dialéctica sinxela: a do pobo que se esforza por vivir dignamente fronte ás cúpulas que aproveitan, entre si e para si, o poder que ostentan.

Desa quebra naceu unha nova realidade: amplos segmentos da poboación –e moi especialmente na xente nova- sentiron a necesidade de expresar politicamente a súa vontade de dicir basta e de abrir un tempo novo. Con lagoas e contradicións, desde logo, mais tamén cun grande potencial transformador.

Agora, Galiza. Suma de vontades para mudalo todo.

No BNG vivimos con esperanza e participamos con activismo de todo o proceso social que vimos de referir. Fixémolo desde as nosas posicións e desde a nosa propia lectura da realidade social e política da nosa nación, mais sobre todo sendo parte activa, desde abaixo, dos procesos de resposta que se foron dando. Non podía ser doutro xeito: sempre fixemos parte da consciencia máis crítica e transformadora deste país, e entendémonos a nós propios como unha ferramenta aberta ao servizo das mudanzas que a nosa sociedade precisa.

Foi por iso que apostamos, nesta etapa, por reforzar as nosas asembleas abertas e por desenvolvermos, no conxunto do territorio, procesos de encontro con todo o amplo espectro social –nacionalista ou non- co que compartimos a vontade e a necesidade de mudar a realidade cotiá das e dos máis. O traballo foi grande e os resultados ben positivos, mais sabemos que con iso non chega.

Porque o repto actual é, se cadra, histórico, e no tempo novo que se poida abrir a nivel de Estado o noso compromiso é garantir que Galiza vai estar presente, que Galiza vai existir politicamente e vai poder achegar unha visión propia, autónoma, sobre a crise sistémica actual, o colapso do réxime do 78 e as consecuencias que a ausencia de soberanía teñen para nós, no social e no económico.

A suma de vontades é necesaria, e debe facerse arredor dun programa de mínimos que manteña o vínculo entre o social e o nacional. De non facelo, o cambio non será máis que un outro slogan baleiro. Porque a resolución dos problemas económicos, sociais, culturais e demográficos do noso país non pasa por un simple cambio de goberno en Madrid, senón polo remate da nosa dependencia. O problema de Galiza é a ausencia de soberanía, o impedimento de podermos decidir nós sobre o noso. Sen ela, goberne a esquerda ou a dereita, seguiremos intervidos, supeditados, subordinados. Non é apriorismo nin dogma. Grecia é, estes días, un magnífico exemplo: sen capacidade real para decidir como pobo nin hai verdadeira democracia nin tampouco posibilidade certa de facer fronte ás políticas antisociais que impoñen os grandes poderes.

Por todo o anterior desde o BNG vimos de formular unha proposta aberta e ambiciosa de cara ás eleccións xerais vindeiras, que coincide ademais con outras voces e iniciativas no mesmo sentido e obxectivos: o da necesidade de sumar vontades para mudar a realidade, e de facelo desde nós, como galegas e galegos de nación. Con plena independencia organizativa, coa aspiración de reforzarmos o desexo de cambio desde un amplo e forte grupo parlamentar galego en Madrid e coa convicción de que, para o lograrmos, é preciso renunciar cadaquén ás súas siglas e sermos capaces de construír, entre todas e todos, unha ferramenta electoral galega, unitaria, ilusionante, eficaz e ao servizo do noso pobo.

Por todo o anterior desde o BNG vimos de formular unha proposta aberta e ambiciosa de cara ás eleccións xerais vindeiras, que coincide ademais con outras voces e iniciativas no mesmo sentido e obxectivos: o da necesidade de sumar vontades para mudar a realidade, e de facelo desde nós, como galegas e galegos de nación. Con plena independencia organizativa, coa aspiración de reforzarmos o desexo de cambio desde un amplo e forte grupo parlamentar galego en Madrid e coa convicción de que, para o lograrmos, é preciso renunciar cadaquén ás súas siglas e sermos capaces de construír, entre todas e todos, unha ferramenta electoral galega, unitaria, ilusionante, eficaz e ao servizo do noso pobo.

Con dizir flama non se quema la boca

A proposta está na rúa, e ha de ser o conxunto de actores dese bloque social crítico, dese espazo social de ruptura que latexa en común a partir das súas lexítimas diferenzas quen o debe facer posíbel. Se nos guiamos polas palabras duns e doutros, hai motivos para o optimismo. Mais tamén neste momento cómpre volver ao coñecido refrán sefardí: con dizir flama non se quema la boca. As palabras axudan a construír realidades, mais coas palabras soas non chega: precisamos feitos. Os do BNG foron e serán expostos á vista da nosa sociedade, a única á que nos debemos. A nosa aposta nesta hora é a cooperación e a unidade de todas as persoas, colectivos e forzas políticas e sociais que estamos dispostas a, desde nós, traballar xuntas para mudalo todo.