1. NON TODO VALE. Díganme a verdade. Imaxinan vostedes a Ana Pontón, na actual crise dos incendios, collendo unha mangueira e indo ao monte para sacar unha foto e mandala aos medios de comunicación? Imaxinan vostedes ao BNG ordenando aos seus alcaldes retrasar a sinatura dos convenios coa Xunta para as brigadas contraincendios e así poder facer uso político desta cuestión? Imaxinan á dirección do BNG nunha manifestación conxunta con grupos extremistas mobilizándose en contra da identidade, da lingua e dos dereitos dunha parte da sociedade galega?  

Todo isto pasou en Galiza co Partido Popular de Feijóo e Rueda como protagonista. Nos incendios, no idioma, na educación, nos dereitos das persoas, na loita contra o terrorismo... o Partido Popular e os poderes aos que este serve nunca dubidaron en usar calquera tema e a calquera custe -división, fractura social, enfrontamento cívico- para a súa batalla política. Todo vale para eles. E todo é todo: a mentira máis grosa, o uso panfletario dos medios afíns públicos e privados, a descualificación persoal e a busca da destrución do adversario político (lembremos a campaña contra Anxo Quintana nas Galegas do 2009, por exemplo).

Queremos de verdade vivir nunha sociedade así? Queremos asumirnos cínicos e descridos, asumir a derrota de calquera paixón de cambio, sumarnos ao coro do silencio cómplice e do distanciamento elitista en tanto vaiamos tirando?   

2. A IMPORTANCIA DAS PALABRAS. Fagamos memoria. Estes son os feitos: o PP é o partido do non ao matrimonio homosexual, do non á diversidade, do non ao galego, do non ao dereito a decidir, do non á memoria histórica, do non ao dereito ao aborto, do non a que xente se exprese en liberdade (lei mordaza) e do si aos recortes sociais, a reforma laboral, as privatizacións, o rescate da banca e o deterioro dos servizos públicos. O Partido Popular é un partido que parasita o Estado ao seu favor, usa politicamente a xustiza e as forzas de seguridade, premia e amnistía corruptos e fomenta o conflito e a división entre as persoas e os territorios se observa que pode sacar rédito político. Faino e non dubida para iso en compartir estratexia, discurso e espazos de mobilización con colectivos, individuos e grupos extremistas como Galicia Bilingüe, Falange Española, Hazte Oír, Red Madre, FAES, Sociedad Civil Catalana ou o conglomerado mediático de ultradereita (Intereconomía,13TV, etc), convenientemente utilizados en función das necesidades: amplificándoos cando interesa, a través dos medios xeralistas máis asentados e afíns, e apagándoos cando xa cumpriron a súa misión. Teño vivido de primeira man discusións dolorosas con persoas que aprezo, nada sospeitosas de extremismo ideolóxico, por causa de campañas fóbicas organizadas e impulsadas desde eses espazos.  

Como no conto de Andersen, é tempo de dicir con claridade que o rei vai espido. Expliquémolo desde a tranquilidade, desde os argumentos e desde os exemplos, e non desde o exabrupto ou a consigna fácil. Expliquémolo con claridade e normalidade, ocupando nós o centro e non a esquina. Non lles concedamos no relato o papel que se autoasignan. Recoloquémolos no marco do discurso, disputémoslles a posición socialmente hexemónica. Porque son eles, e non nós, os radicais, os que poñen en perigo a democracia, o benestar e o desenvolvemento económico e social. O Partido Popular é un partido socialmente pirómano e irresponsable, un partido "bárbaro" por destrutor e incívico. E non é bo que goberne quen obxectivamente crea división e resulta un perigo para a convivencia. Situámonos de afeito neste enfoque ou falamos desde o lugar onde eles queren que esteamos?

3. AIRE PARA RESPIRAR. Socializan os medios españois e repinican moitos dos galegos o mantra do adoutrinamento en Cataluña e parece un mal chiste mirado desde aquí, en que o muro de cemento da versión oficial ocupa todo o plano. A forma case unánime e recalcitrante en que a mediática e a política galega abordou o tema catalán foi só un exemplo, mais o comportamento pode observarse en moitos outros. Pásalles a vostedes coma a min? Senten o cansazo e a falta de aire para respirar? Fáiselles insufrible esta realidade pechada e estática de pensamento único, adoutrinamento mediático unánime e comportamento grotescamente colonizado das supostas elites -cada vez máis visiblemente cutres, incapaces e mediocres- da sociedade galega? Onde o pensamento ás ceibas e o criterio propio, onde as miradas ao mundo desde nós, onde a autoestima colectiva de país para construírmos o futuro diferente que necesitamos, onde os espazos relevantes que o visibilicen? Xa non falo de opcións partidarias, falo da necesidade dunha cultura cívica e social minimamente vivible, respirable, democrática, respectuosa e aberta ao debate de ideas. Como a catalá, por exemplo.

4. CONSTRUÍR CERTEZAS. Insiste Álvaro García Linera, na miña opinión unha das voces máis interesantes da esquerda mundial, na importancia dos proxectos políticos transformadores saberen construír estabilidade e seguridade para o conxunto social, mesmo para aqueles sectores que non están do noso lado. Para avanzar e gañar hexemonía é preciso xerar unha certa vivencia de certidume e de seguridade no cotiá, ofrecer unha estabilidade e confianza material suficiente, porque ningunha persoa ou colectivo se vai mobilizar permanentemente en base aos principios e o compromiso ideolóxico. Un proceso transformador debe ofrecer, en tanto se desenvolve, certezas no cotiá que armen un espazo de confianza, unha vivencia subxectiva de certa tranquilidade que permita seguir construíndo e avanzando no camiño desexado. Trátase, por tanto, de producir a seguridade material de que a alternativa que se propón ofrece no concreto unha vida mellor, que constrúe un escenario que permite e garante de mellor xeito, nas condicións de vida que temos hoxe e nas que albiscamos no futuro, poder desenvolvernos e cubrir os nosos desexos e necesidades. Se o lograrmos, grandes segmentos sociais poden pasar a asumir a defensa do noso proxecto, vivido xa tamén por eles como positivo e beneficioso. Paréceme unha reflexión central, e moi aplicábel á formulación da nosa proposta de país desde o nacionalismo, ou do noso proxecto para os cada un dos nosos concellos. Estamos sendo capaces de ofrecelo? Percíbese así desde a sociedade a que nos diriximos e á que nos debemos?

5. LENTES PARA OLLAR O MUNDO. Unha proposta final de lecturas compartidas. La desfachatez intelectual, de Ignacio Sánchez Cuenca. Retrato do colonizado, de Albert Memmi. Política moral, de George Lakoff. Apaguemos a tele, botémoslles un ollo e compartamos impresións. Con club de lectura, con café coas amizades ou a través da vía que desexemos. Faranos ben.