Os galegos e as galegas precisan duns gobernos locais activos, dinámicos, participativos, comprometidos co país, e con azos para se enfrontaren aos grandes retos que temos por diante. Por iso necesitamos moitos máis gobernos nacionalistas no mapa municipal galego.

Partimos dunha premisa que semella obvia: comezar pola base, para acadar o todo. As grandes obras comezan polos alicerces; debemos ter unha perspectiva de abaixo a arriba; hai que pasar do local ao global.

Se facemos unha análise moi simplificada, podemos partir da base de que Galiza é un territorio colonizado, social e politicamente, que precisa reaxir se quere ter un sitio no mundo e acadar cotas elevadas de benestar e sustentabilidade.

Os galegos e as galegas precisan duns gobernos locais activos, dinámicos, participativos, comprometidos co país, e con azos para se enfrontaren aos grandes retos que temos por diante. Por iso necesitamos moitos máis gobernos nacionalistas no mapa municipal galego.

As galegas e os galegos, canda a terra que nos acubilla, estamos a aturar hoxe en día unhas complexas problemáticas sociais, económicas e ambientais (desemprego, emigración, espolio, desigualdades…), á vez que temos que comezar a nos enfrontar aos grandes retos do futuro (a crise demográfica, o esgotamento dos recursos, a permanencia dos servizos públicos, a situación de Galiza no ámbito da Globalización…). E o marco estatal en que estamos e as políticas dos partidos españois non están a dar solucións a todos estes problemas, mesmo ao contrario, están a intensificar as súas consecuencias negativas.

Perante esta situación temos que reaccionar, se non queremos seguir esmorecendo até a extinción. Os e as nacionalistas xulgamos que o camiño está no autogoberno e na soberanía.

Partimos dunha boa base: todo o mundo, de forma máis ou menos explícita, recoñece os nosos carácteres diferenciais, e que somos un territorio cunhas características propias, e mesmo únicas. A lingua, as tradicións, o clima, a paisaxe, o asentamento da poboación, a gastronomía, a estrutura da propiedade rural, as rías e a pesca, a emigración histórica…, son elementos que nos definen. O que pasa é que hai intereses, tanto internos como externos, que prefiren seguir a asoballarnos para ficar cos nosos recursos.

Con todo a construción nacional non é un proceso inmediato e doado. O nacionalismo leva moitos anos defendendo un cambio radical do estatus do noso país, mais aínda non acadou atraer unha parte maioritaria da sociedade.

O camiño cara á soberanía total pasa por tres fases:

  • Demostrar internamente que temos recursos para vivir mellor, que somos quen de autoxestionarnos e que non precisamos de titores que nos guíen e gobernen.
  • Reclamar do Estado español os nosos dereitos soberanos e o noso desexo de emanciparnos.
  • Lograr visibilidade e comprensión a nivel europeo e mundial.

E, para que queremos ser soberanos? Pois para procurar un lugar no mundo que, tirando proveito dos nosos elementos diferenciais e das nosas potencialidades, nos permitan mellorar a calidade de vida do conxunto da sociedade, á vez que aseguramos a súa sustentabilidade económica, social e ambiental.

E, para que queremos ser soberanos? Pois para procurar un lugar no mundo que, tirando proveito dos nosos elementos diferenciais e das nosas potencialidades, nos permitan mellorar a calidade de vida do conxunto da sociedade, á vez que aseguramos a súa sustentabilidade económica, social e ambiental.

Para lograr todo isto debemos comezar a traballar arreo. Xulgamos que a construción nacional debe ser un proceso aberto, dinámico, participativo, inclusivo que ten que estar dirixido polo propio pobo.

Reiteramos que o obxectivo crucial do proceso emancipador é que o pobo sexa consciente de que podemos autoxestionarnos, que temos recursos e potencialidades dabondo, e que o actual marco non nos permite nin vivir como o que somos, nin ter unha calidade de vida axeitada.

As vías para conseguilo son diversas e complementarias, mais o traballo dos gobernos municipais neste sentido é de suma importancia.

Os concellos son as administracións máis achegadas ás persoas, onde a política, os servizos e a cidadanía van da man. Se conseguimos que cos gobernos municipais soberanistas a cidadanía vexa alternativas, comprenda a realidade, aposte por outra orde de cousas, entón conseguiremos que o sentimento nacional calle.

Mais as cousas hai que facelas ben. Non abonda con gañar unhas eleccións ou entrar nun goberno municipal. O traballo nas localidades debe ser permanente.

Hai que ter cadros formados e cualificados, que posibiliten a posta en marcha de políticas claras, que teñen que ir polo desenvolvemento endóxeno, polo aproveitamento dos recursos locais para xerar rendas e emprego, pola extensión dos servizos públicos, polo control dos espoliadores e colonialistas da metrópole, pola valorización da nosa cultura, pola xestión eficaz e eficiente da Administración, pola transparencia e pola democracia participativa…

O movemento soberanista ten que procurar, dentro ou fóra das organizacións, persoas candidatas que estean formadas, preparadas, capacitadas para o traballo, e comprometidas co país. E dotarse de programas que se centren nos problemas das persoas, e que incidan na mellora da autoestima colectiva.

Non só abonda ter cadros políticos. Hai que procurar aliados e parceiros. No movemento asociativo, no tecido empresarial, nos medios de comunicación, e mesmo no propio persoal técnico dos concellos. Se quixermos que as políticas transformadoras se desenvolvan axeitadamente é necesario que o persoal da Administración asuma e interiorice a necesidade de ofertar servizos públicos de calidade centrados nas necesidades do país.