Que Somos?

Ideas.gal quere ser un espazo aberto e compartido de coñecemento, debate e opinión para todas as persoas e colectivos que temos a Galiza como marco de referencia central na nosa acción política, social ou cultural.

Quen Somos?

Ideas.gal nace como iniciativa aberta da Fundación Galiza Sempre. Nos seus contidos, análises e espazos de opinión queremos que estean reflectidas todas as voces e todas as causas, arredor dos tres eixos que nos definen:

a defensa da capacidade da Galiza para decidir por si mesma;
----
a aposta por unha sociedade xusta, igualitaria e libre de explotacións;
----
a convicción da necesidade de o pobo galego se autoorganizar para defender os seus dereitos e o seu futuro.

A coordinación de contidos de Ideas.gal corresponde a Ana Luísa Bouza, Xosé Antón Rubal e Xavier Campos e está directamente vinculada á Fundación Galiza Sempre, da que é presidente Guillerme Vazquez. A coordinación e xestión da web corresponde a Tania Ameneiro.

Que Queremos?

Queremos sumar, construír, facer país con outros e outras.

Cremos que é tempo de tecer redes, de fortalecer o que nos une, de apostarmos por mudar as complicidades existentes en iniciativas sociais comúns en prol das posicións que van permitir unha mudanza real no estado de cousas.

Desde abaixo, e de forma plural e cooperativa, queremos contribuír á conformación dun espazo galego de confluencia e cooperación para o afortalamento da conciencia nacional galega e da xustiza social.

Que Facemos?

Xulgamos necesario reforzar a xeración de coñecemento e a elaboración de discurso ao redor do dereito e da necesidade da Galiza poder decidir por si mesma.

A socialización da necesidade dun autogoberno real para o noso país, dunha verdadeira capacidade para tomarmos nós as decisións que mellor consideremos sobre todo aquilo que nos afecta como sociedade, constitúe o principal obxectivo que nos marcamos.

Trátase de sermos capaces de explicar a soberanía como alternativa precisa e desexábel para o noso país, directamente vinculada ás súa posibilidades de desenvolvemento económico, social e cultural e ás condicións de vida dos nosos e das nosas compatriotas.

Finalmente, e aínda que Ideas.gal nace como espazo web, pretendemos igualmente poñer en marcha iniciativas de diferente tipo e formato que vaian alén dos mundos dixitais.