Que é para ti Galiza, hoxe?

Un país doente crónico que precisa moito mimo, tratamento integral e cambios urxentes e profundos de hábitos nocivos para poder superar a doenza. Un país cun potencial enorme e mesmo descoñecido ao que a doenza lle impide chegar ao nivel de desenvolvemento e de respecto onde merece estar.

Como consideras que será a Galiza dentro de 10 anos?

Pois contemplo dous escenarios posibles. Un primeiro desolador pola continuidade de políticas mediocres; isto vainos levar a un empobrecemento maior, a unha sociedade máis envellecida, á desertización do medio, á continua emigración da mocidade, á destrución de sectores que ata non hai moito eran fundamentais para o país; cunha autonomía cada día mais debilitada ou desaparecida e sometida ás decisións do Goberno central… Un segundo máis optimista cun cambio de viraxe, no que se empecen a modificar esas políticas e se coñeza o valor e o contido das Institucións galegas; onde se defendan de verdade as políticas sociais e progresistas e se rectifiquen os erros; onde se potencien os sectores produtivos e innovadores, se motive á mocidade e na que todos e todas nos re-eduquemos en base aos principios fundamentais, ao respecto e ao verdadeiro significado de democracia. Este panorama require do esforzo e da implicación de todas e todos nós.

Como che gustaría que fose Galiza, idealmente? Como entendes que se pode chegar aí?

Gustaríame ver unha Galiza con vontade propia, dona de si, alegre, dinámica, plural, en progreso e non en regresión; conectada co mundo en igualdade de condicións; boa xestora dos seus propios recursos… Pero non se pode chegar a iso se non se fai un verdadeiro esforzo por marcar prioridades e unificar criterios. Fai falta amplitude de miras e calidade política no debate e na toma de decisións, e iso de momento non o vexo posible. Teñen que mudar as cousas, e moito.

Que aspectos e sectores deben ser prioritarios para conseguirmos mellorar como sociedade? Como consideras que se deben garantir servizos públicos universais e de calidade?

Sempre penso que namentres non nos valoremos a nós mesmos, non poderemos avanzar. A humildade e a autocrítica construtiva son imprescindibles, por suposto; pero tamén é esencial unha dose alta de auto-estima e de coñecemento de nós mesmos, da nosa historia, do noso propio entorno, da nosa cultura, das nosas músicas… Ao pobo galego fáltalle crerse merecedor dun plan mellor e continúa nun camiño de resignación destrutiva no que continúa sen ser actor fundamental para mudar a realidade. Falta iniciativa e novidade. Está todo como moi visto. A cultura e a educación son fundamentais á hora de termos capacidade de análise e crítica construtiva. Tamén neste ámbito de cousas, deberíamos termos moi en conta a importantísima función das bibliotecas e dos arquivos como garantes do noso patrimonio. De non rectificar a nosa propia actitude onde haxa que facelo, de non dar valor as nosas institucións públicas, de non fortalecer a nosa economía, de non xestionarmos os nosos propios recursos, de non pararmos de vez as privatizacións, os servizos e as prestacións públicas universais irán diminuíndo ata a súa total desaparición. Estamos en clara involución. Uns poucos estanse a lucrar e a enriquecer coa crise e coa corrupción endémica existente. Na Galiza, sectores coma a pesca, a agricultura e gandería para min son fundamentais. O tecido industrial ten que reformarse e dinamizarse. A recuperación dos centos de empresas que marcharon de Galiza ou que non cotizan en Galiza é fundamental para que se poida pór en marcha o país de novo, para potenciar a creación de emprego. E por suposto, un país debería mimar á xuventude e aos investigadores. Temos potencial de futuro que se nos escapa pola inconsciencia dos gobernantes que parecen estar facendo un experimento con nós. A dinamización da economía pasa pola mellora das condicións laborais son urxentísimas e está claro que as políticas dos últimos anos non teñen esa prioridade.

Que perspectiva tes sobre a Galiza no mundo? Con que espazos e culturas debería profundar a súa relación?

Teño moi claro que temos que reforzar a presenza de Galiza no mundo en xeral; cómpre unha revisión sobre como se fai publicidade de Galiza como lugar de referencia turística e habería que darlle unha volta grande a que tipo de turismo queremos ofrecer e como o queremos transmitir; ou de como se promove Galiza como lugar de investimento para certos negocios que traen consigo máis a destrución do noso entorno e os nosos sectores primarios que a xeración de beneficios. As características de promoción do actual goberno galego, dende o meu punto de vista, son un erro monumental e carentes de proxección futura para o global da poboación e de respecto polo medio ambiente. Deberían terse máis en conta os países do norte en xeral. Irlanda e Escocia para min son sen dúbida fundamentais, temos moito que aprender deles. Pero xa sen irmos tan lonxe, penso que deberíamos prestarlle máis atención a outras comunidades do Estado, e dende logo ao País Vasco, especialmente no momento que nos toca vivir e como os seus gobernos defenden a capa e espada os intereses das súas comunidades... reflexionemos sobre iso e esixamos o mesmo para nós. 

«Penso que deberíamos prestarlle máis atención a outras comunidades do Estado, e dende logo ao País Vasco, especialmente no momento que nos toca vivir e como os seus gobernos defenden a capa e espada os intereses das súas comunidades»
 
 

Fálanos, en concreto, da túa visión sobre Escocia e que aspectos che parecen salientábeis das relacións con Galiza, non só desde o punto de vista histórico, senón como realidades sociais e políticas actuais...

Mi madriña, estaría falando disto semanas… O que leva acontecendo en Escocia dende o 2007 é impresionante e digno de estudo. Para min é unha revolución social e un espertar dunha nación que estaba en letargo. O Scottish National Party foi quen de unificar tendencias moi diversas, consensuar, marcar prioridades e ter un plan de acción de defensa e desenvolvemento progresista do país. E en moitos aspectos lograron levalo adiante, noutros andan niso e tentando mellorar. Tamén é certo que os liderados de Alex Salmond e Nicola Sturgeon e a súa altísima preparación política axudaron  moitísimo a que isto fora posible. A miña opinión é que nós estamos a unha distancia de máis de 50 anos de Escocia en materia de  progreso social e económico; e estou convencida de que é posible mudar esta tendencia desoladora que nos rodea. Temos potencial e temos materia prima. Falta o empuxe realista, o plan de acción e o mais importante, unha maioría do pobo que apoie unha alternativa de goberno. Complexo pero non imposible. Sorpréndeme a ponte tan feble que hai entre dúas nacións que comparten tantas semellanzas e conexións sociais e históricas: empezando pola emigración, xa que ao igual que os galegos, hai millóns de escoceses espallados por todo o mundo; seguindo polas conexións culturais, e mesmo no ámbito económico en materia de sectores primarios, tamén hai moitos puntos en común, como a conexión co mar, a pesca, a agricultura ou desenvolvemento das enerxías renovables, especialmente da eólica... Cun goberno nacionalista en minoría en 2007, o goberno escocés tiña claro o potencial de nación, e  apostou polos servizos públicos e universais, pola mellora da ensinanza e da educación, da atención aos mais desprotexidos, que fomentou a propia cultura e historia da que son coñecedores (aquí aínda temos que mirar en Google quen foron os Irmandiños ou quen e como defendeu o primeiro Estatuto de Autonomía). Escocia dinamizou a súa conexión co mundo cun aporte claramente internacionalista e participa de foros mundiais en materia de ecoloxía, de dereitos humanos e de acollida para os refuxiados, por exemplo. A etapa de goberno de Alex Salmond marcou o cambio das prioridades e das políticas de austeridade que tories e laboristas aplicaron en Escocia durante moitísimo tempo. Este goberno reforzou os conceptos de soberanía e autogoberno, e en 2011 puido levar adiante un referendo sobre independencia pactado co goberno británico, o que deu lugar a unha revolución social na que medrou o debate, a motivación e o interese pola política.  

Por que se perdeu aquel referendo? E que cousas ficaron asentadas no debate político?

Tivo lugar un intenso debate sobre o tipo de sociedade que se quería, as prioridades dun país novo e independente cheo de ideas sorprendentes por positivas, contaxiosas e inspiradoras. O dereito de voto dos xoves a partires dos 16 anos provocou que a mocidade asumise o reto e demostrase que eles e elas son o futuro e que non se resignan con pouco, sábense unha xeración madura, preparada, e non aceptan desplantes aínda que tamén son autocríticos. Aquela idea que instaurou Margaret Thatcher, e que continuaron os sucesivos Primeiros Ministros británicos, sobre Escocia como lugar de “experimento” político, tan pobre, tan cativa, tan estúpida... borrouse de súpeto co espertar desta nación e a auto-estima medrou. Este referendo perdeuse pola enorme campaña do medo que bombardeou constantemente á cidadanía indecisa… perda de postos de traballo, pensións, caída da economía, illamento mundial.... E polas promesas de máis competencias para a autonomía que foron integramente incumpridas por Londres; unha das ameazas foi que, de conseguir a independencia, Escocia estaría fóra da UE. Actualmente, e pese a que en Escocia a opción de permanencia no referendo da Unión Europea foi votada por un 62% dos escoceses, non só están sendo arrastrados fora da UE por un dos gobernos mais reaccionarios que tivo Reino Unido senón que os cambios lexislativos que se promoven dende Londres poñen en perigo a permanencia dos Parlamentos nacionais, mesmo o proceso de paz en Irlanda do Norte. O Goberno británico está a aplicar unha clara estratexia de re-centralización, o mesmo que sucede aquí. Pero non hai resignación e axiña poderemos ter sorpresas e ver a continuidade do que eu chamo revolución social escocesa. Iso si, agora coa lección ben aprendida; como dicía o Che: del imperialismo no podemos fiarnos ni un pouco así.

«O Goberno británico está a aplicar unha clara estratexia de re-centralización, o mesmo que sucede aquí. Pero non hai resignación e axiña poderemos ter sorpresas»

Que representa para ti a soberanía e que impacto ten (ou debe ter) na vida diaria da xente?

A soberanía significa ter o control total das túas accións e tamén a responsabilidade total sobre as mesmas; non se pode chegar á soberanía galega se os/as cidadáns non son quen de entendela, de asumila, de esixila e de integrarse nesa idea. Sempre vai haber movementos na vangarda, pero non se pode avanzar en nada se o pobo non integra, nin entende ou acepta estes movementos e formando un só ente. A soberanía precisa de entendemento e de contido, de principios humanos fundamentalmente, pero tamén económicos, e debe de estar chea de educación, de cultura, de respecto á pluralidade e respecto aos factores diferenciais e da integración dos mesmos. E dende logo, chea de motivación, conciliación, optimismo e compromiso para poder levala adiante cun plan de futuro alentador e realista.

Que referentes consideras interesantes e con recoñecemento aínda insuficiente na sociedade?

Teño moitos referentes e síntome agradecida a todos e cada un deles. Primeiramente, referentes familiares, tanto pola familia materna coma a paterna. A todos eles tocoulle dun xeito ou doutro pelexar moi duro e sobrevivir, e todos eles inculcaron en min o sentido da responsabilidade, a boa educación, a rebeldía, e a necesidade de respectar a todo o mundo sexan cales sexan as ideas que teñan, o coñecemento dos dereitos e dos deberes... Mais especialmente quixera referirme ao meu avó paterno, o compositor, músico e director da Banda de Música de Santiago de Compostela, Ricardo Fernández Carreira; el é unha das moitas figuras descoñecidas, e unha mostra do enorme potencial creativo que ten esta Terra e ao que se deixou no esquecemento. Neste sentido, boto en falta máis promoción e axudas a iniciativas coma a dos irmáns Cancela “Descubrindo ás nosas músicas” ou “Recuperación do Patrimonio histórico-musical da Galiza nos séculos IX e XX”. Penso que se deberían recuperar as obras desas grandes mentes creadoras. Deberíamos estar moi orgullosos de todos e todas elas. Por outra banda, politicamente, o meu referente base é o mundo latinoamericano e as revolucións sociais que tiveron lugar no século XX e a influencia da emigración exiliada nestes países, que, sen dúbida, deixaron pegada histórica e política. Penso que deberiamos indagar máis nisto, porque moita xente non é consciente da repetición de modelos e de ciclos... logo, algo non aprendemos ou non rectificamos, sen dúbida. Neste sentido, a aportación política dos emigrantes que foron quen de volver a Galiza e que foron testemuñas directas de anacos da historia que non deberían esquecerse nunca. Os nosos maiores deben ser máis escoitados que nunca. Hai uns días tiven a honra de entrevistar a Juan Martín Guevara de la Serna, irmán do Che Guevara, quen é unha figura aínda moi descoñecida pese ao uso ou abuso da súa imaxe, e que é un esencial  referente para min; e digo figura descoñecida porque os seus textos analíticos, económicos e mesmo filosóficos son para min esenciais e pouco divulgados. Reivindico o concepto do home novo como parte dun proceso de revolución, o traballo voluntario como esforzo colectivo, a necesidade de marcar prioridade e traballar sobre elas, o humanismo como característica de transformación social...

Como ves a situación do(s) feminismo(s) na Galiza?

Pois tristemente carente de extensión suficiente como para que teña o efecto preciso. O seu campo de acción segue cercado e as mensaxes non chegan a todas as mulleres (e homes) que debería chegar. Neste ámbito de accións, coido que os poderes e a propaganda do poder teñen feito e fan moito dano aos movementos sociais e non soubemos neutralizalo. Continúan gañando a batalla da satanización de todo aquilo que implique anti-submisión. Precisamos reivindicar o uso dos dicionarios. Roubáronnos as palabras, mancharon o seu significado e gañaron na desmobilización ante problemas que é evidente hai que resolver de xeito urxente.

Que papel deberían xogar as perspectivas do feminismo na sociedade, ao teu ver?

Pois fundamentalmente un papel educativo, integrador e liberador. Unha verdadeira transformación social só é posible cando hai unha elevada consciencia, comprensión e rexeitamento das inxustizas. Fomentar o debate e a comprensión da liberdade de ser, de existir, da liberdade de actuar con respecto e con amplitude de miras, asumindo dereitos e deberes. Coñecer os dereitos que temos, xa non como mulleres, senón como seres humanos, é unha das tarefas pendentes desta sociedade. Moitas mulleres non saben aínda onde dirixirse, con quen falar, e moitas outras aínda non son conscientes do círculo vicioso que alimentan. Non hai nada como descoñecer que tes unha doenza para non pór remedio. Dou a benvida a iniciativas coma a da Casa Xohana Torres, que, de facerse ben, poden ser o primeiro paso para lograr que moitas mulleres teñan lugares de referencia para o que precisen, aínda que simplemente sexa para falar ou seren escoitadas. Faltan sen dúbida medios adecuados para pór en marcha todo isto e temos a difícil tarefa de reinventarnos e reaxir para buscar un futuro mellor para esta Terra nosa que require de todos e todas, non pode faltar ninguén. Todos temos algo que aportar.