Que é para ti Galiza, hoxe?

Evidentemente Galiza é unha nación, iso é algo indubidábel. Mais para definirmos Galiza correctamente hai que aclarar que é un país que sofre unha colonización brutal e que ademais vive mergullado nun sistema económico, o capitalista. Cómpre facer esta aclaración porque ten implicacións reais, cotiás, que afectan ao día a día de tódalas galegas e galegos. Galiza hoxe non pode entenderse, a ningún nivel, sen estas dúas características básicas. Ao paro, á precariedade, ás xornadas laborais interminábeis ou aos salarios de miseria propios do capitalismo súmaselle, pola nosa condición de colonia, a extracción dos nosos recursos, a poboación envellecida, a falta de industria, a emigración da nosa mocidade, a perda de falantes na nosa lingua, de tradicións e cultura propios…

Polo tanto, Galiza pode definirse hoxe como unha nación que, de non facermos nada, deixará de selo.

Como consideras que será a Galiza dentro de 10 anos?

A esta pregunta non pode responderse se non é cun depende. Como dixen antes, Galiza é unha nación. Mais, en palabras de Castelao: “Nación é unha comunidade estable, históricamente formada de idioma, de territorio, de vida económica e de hábitos psicolóxicos reflexados nunha comunidade de cultura. Só a existencia de tódolos signos distintivos, en conxunto, pode formar a nación.” Isto déixanos ben claro que as nacións son produtos históricos, que nacen e morren. E a realidade é que Galiza está a ser absorbida por España, e por iso o que sexa dentro de dez anos dependerá, unicamente, do que fagamos hoxe, xa que cada día estamos a morrer un pouquiño como país. Non se vai reverter a perda de falantes non facendo nada, non imos recuperar o control dos nosos recursos ficando quedos.

É por iso que Galiza, en dez anos, pode estar en dous puntos: se facemos ben o noso traballo Galiza estará comezando a ser Galiza de novo (e digo comezando porque estes procesos van moi devagar), mais se nos movemos por inercia e continuamos polo vieiro actual, Galiza será cada vez menos galega e máis española.

Como che gustaría que fose Galiza, idealmente? Como entendes que se pode chegar aí?

Unha Galiza ideal, dende o meu punto de vista, será unha Galiza nin colonizada nin dependente de ningún outro país, máis fraternal e solidaria con outros Estados e con outras nacións sen Estado. Unha Galiza sen diferenzas sociais, onde a explotación só sexa unha mala lembranza do pasado, onde estean garantidas tódalas necesidades básicas da sociedade. Esa Galiza sen clases sociais evidentemente non será perfecta, os problemas son inherentes á vida, mais non serán problemas causados por un sistema inxusto de base, no que a grande maioría traballa única e exclusivamente para revalorizar o capital, que só busca medrar por medrar sen importar a nin calidade de vida dos traballadores, nin sequera a supervivencia da propia especie humana. Na miña Galiza ideal o pobo traballador escollerá democraticamente o rumbo que tomará a economía en función das necesidades da sociedade, haberá vivenda asegurada, sanidade e educación integramente públicas, consciencia dos efectos sobre o medio ambiente, igualdade plena entre homes e mulleres... en definitiva, a miña Galiza ideal será no que na miña época se chamaba socialista. E a esta Galiza ideal só se pode chegar mediante un pobo traballador organizado para tal fin. Non é un proceso espontáneo senón que será unha acción consciente.

Que aspectos e sectores deben ser prioritarios para conseguirmos mellorar como sociedade? Como consideras que se deben garantir servizos públicos universais e de calidade?

Para mellorar como sociedade cómpre que teñamos un sector público forte, que se encargue de velar polos intereses dos traballadores e que, sobre todo, lidere a recuperación de sectores produtivos chave que están esmorecendo. Sectores coma o pesqueiro, o eólico, o sector leiteiro, gandeiro ou a agricultura teñen que recuperarse e potenciarse como base da nosa soberanía alimentar e enerxética. Mais non podemos centrarnos só na extracción dos nosos recursos naturais, temos que xerar unha industria coa que podamos transformar todos eses recursos en produtos elaborados, con valor engadido, que nos permita pechar os ciclos de produción no noso propio país. Mais para conseguir isto, repito que temos que rachar coa dependencia que temos de España.

E os servizos públicos pódense tentar defender, e incluso salvagardar, na rúa, con mobilizacións, ou mesmo dende os gobernos. Mais garantilos de verdade, sen ser unha loita continua só é posíbel mediante a alternativa ao capitalismo proposta na resposta anterior, xa que o capitalismo, pola súa propia natureza, busca beneficios en tódolos ámbitos, polo que continuaría buscando máis servizos que privatizar.

Que perspectiva tes sobre a Galiza no mundo? Con que espazos e culturas debería profundar a súa relación?

Galiza, hoxe en día, é un conxunto de potenciais, lamentabelmente máis nada. Está invisibilizada por España, non ten capacidade propia de estabelecer relacións de xeito independente. Porén, Galiza ten un amplo abano de posibilidades no caso de rachar con España e poder negociar de igual a igual con outros países.

Galiza debería profundar as relacións co resto de nacións sen Estado, xa que son os países cos que Galiza comparte o seu obxectivo máis inmediato, conseguir o recoñecemento do dereito da acadar as respectivas independencias nacionais.

Para onde deberíamos camiñar colectivamente como país, ao teu ver?

Como país debemos orientar os nosos esforzos cara á independencia nacional, xa que só ao acadala poderemos reverter o esmorecemento cultural que está a sufrir este país. De feito, de non acadarmos a independencia non poderemos camiñar colectivamente como país cara ningures, porque Galiza xa non será un país, será soamente un apéndice de España.

Que representa para ti a soberanía e que impacto ten (ou debe ter) na vida diaria da xente?

A soberanía é a independencia política, cultural e económica da clase traballadora galega con respecto a calquera outro Estado que non sexa Galiza. Unha clase traballadora independente, que decida o rumbo da economía terá como consecuencia a eliminación da precariedade, dos baixos salarios e das penurias que leva o sistema económico e político actual. Só esta soberanía, entendida tanto en chave nacional coma de clase, conseguirá ter un impacto positivo na vida da xente. A soberanía nacional non existe na realidade (agás de algún aspecto cultural) se non vai acompañada tamén dunha independencia económica. De nada serve que ondee a bandeira galega en vez da española se o pobo galego segue a depender do tecido produtivo ou do Banco de España.

Que referentes consideras interesantes e con recoñecemento aínda insuficiente na sociedade?

Case tódalas figuras que loitaron polo noso país aínda carecen dun recoñecemento amplo e real na sociedade galega, alén das persoas xa implicadas politicamente. Á xente sóanlle persoeiros fundamentais coma Castelao ou, en menor medida, Alexandre Bóveda, porén pouca xente coñece realmente estes persoeiros e a súa vida, o seu pensamento. Xa nin falar de persoas menos coñecidas coma Antón Vilar Ponte ou Moncho Reboiras. Porén eu creo que, a pesar de que o recoñecemento é necesario, é máis importante coñecer o pensamento destes persoeiros.

Desde a túa experiencia política, que mudanzas consideras imprescindíbeis para mellorar a calidade de vida das maiorías sociais a día de hoxe?

O que era unha intuición ao ver as desigualdades sociais que me arrodeaban e que eu mesma sufrira, como traballadora e como muller na sociedade actual, transformouse nunha firme convicción a medida que me fun formando e fun profundando máis na práctica política. Soamente mudando o sistema económico actual, o capitalismo, que se nutre precisamente do traballo e das miserias das maiorías sociais, poderán ser defendidas estas maiorías. Soamente o socialismo é quen de mellorar a calidade de vida e de asegurar o benestar do conxunto da clase traballadora, dos nosos maiores, da nosa mocidade...