1) Que é para ti Galiza, hoxe?

Para min, intimamente, é o que foi desde neno, o meu destino. Un destino asumido e que vai acompañado dun punto de desesperanza e que se esforza cada día en negar a desesperación. Como sei que non teño o dereito a expresar os meus sentimentos sen máis diría que, como cidadán, é un proxecto de reconstrución dun país e un proxecto de construción nacional. A Galiza é o soño dunhas minorías, desde Faraldo e Rosalía, que soñamos unha nación que non conseguimos que exista. Intento racionalizar ese soño, non abundar na desesperación e na paranoia, que son as trampas nas que podemos caer as persoas que se senten marxinadas e orpimidas. O deber dos intelectuais é sinalar as debilidades e defectos do seu país e, tamén, imaxinar solucións e avances posíbeis.

2) Como consideras que será a Galiza dentro de 10 anos?

Outra vez temos que separar desexos e temores íntimos de análises que se queren obxectivas. Os procesos históricos dos países determínanos finalmente a capacidade das populacións, non só as situacións de poder existentes en cada momento. Se esta sociedade é capaz de xerar elites que asuman as súas responsabilidades, dirixentes nacionais que lle ofrezan á xente un proxecto verosímil de país entón a Galiza e os seus habitantes estarán salvados. E se non será unha rexión europea incapaz de facerse viábel e continuará o envellecemento demográfico, o espolio económico e a indefensión perante o submetimento ao centralismo.

3) Como che gustaría que fose Galiza, idealmente? Como entendes que se pode chegar aí?

Como calquera país descolonizado, soberano. Unha terra e unha sociedade que se quere a si propia, que manexa os seus recursos, que desde a soberanía establece entendementos, acordos e pactos con outros pobos e estados. Unha parte desta Europa que participa directamente nas decisións das políticas europeas. Coa súa lingua como lingua nacional e preferente para recobrar o seu espazo e podela vivir con normalidade e que, recoñece por vontade propia, non por imposición colonial, que o castelán hoxe xa é unha lingua de moitos galegos e galegas, alén das posibilidades que nos dá, e mantén un lugar legal para esa lingua. E, naturalmente, que mantén unha liña de relacións particulares co mundo dos países lusófonos. Para chegar a iso? Empezar por sacar ao galeguismo político do recuncho ideolóxico e mesmo icónico no que está situado. Un proxecto nacional galego que poida ser asumido por sectores amplos da nosa sociedade ten de ser transversal, social e decididamente democrático. Lembremos o evidente, temos que gañar o apoio dunha maioría e o asentimento do resto da sociedade, toda política que non asuma iso só é resistencia. E a resistencia só ten sentido como unha posición momentánea, só é útil se serve para acumular forza cara a avanzar.

4) Que aspectos e sectores deben ser prioritarios para conseguirmos mellorar como sociedade? Como consideras que se deben garantir servizos públicos universais e de calidade?

Sen dúbida a cultura e os sectores produtivos. O modelo que nos asignan é o “sector servizos”, que é decisivo nas sociedades modernas, porén non pode ser unha condena pois finalmente o que se nos ofrece é ser unicamente traballo na hostelería. Seguen a ser acertadas en esencia as liñas do galeguismo republicano: ter capacidade financieira, desenvolver industrialmente os ciclos produtivos da agricultura e pesca… E adaptar a esta altura histórica a investigación aplicada ao desenvolvemento que xa eles procuraban daquela co Seminario de Estudos Galegos. A cultura propia, interpretar o mundo desde aquí e desde ese continuo de memoria e de intereses que chamamos “nós”, é imprescindíbel e previo. Sen descolonización mental previa non haberá desenvolvemento autocentrado, seguiremos a ser servos e terra espoliada. A lingua non só é identidade, que tamén, senón o requisito para marcarmos un territorio que é de noso, no que nós decidimos libremente.

5) Que representa para ti a soberanía e que impacto ten (ou debe ter) na vida diaria da xente?

A soberanía é a democracia. Precisamos sermos soberanos como persoas e, desde aí, crear as comunidades humanas que libremente desexamos. As nacións democráticas, as únicas que merecen ser vividas nesta altura da historia, créanse desde abaixo e desde dentro, non porque o decida unha potencia desde fóra. Naturalmente, ser libre supón que podes decidir o que é máis conveniente facer cos teus recursos e non estar a disposición dun goberno alleo que non te respecta e que só pretende obter de ti os teus recursos.

6) Que referentes consideras interesantes e con recoñecemento aínda insuficiente na sociedade?

Precisamente á nosa sociedade se lle negan os referentes que precisa calquera sociedade que teña autoestima e que pretenda ser do noso tempo. Cando un sintoniza a TVG o que vemos é un verdadeiro programa para destruír o noso ánimo e para darnos unha idea de nós degradada. O PP crea unha imaxe da Galiza como país atrasado, triste, envellecido e atrapado na aculturación. A orquestra “Panorama” é o gran referente cultural. Os creadores en lingua galega non só non somos queridos senón que frecuentemente somos censurados e negados. Esta situación política perpetúa un modelo de país trampa que lle di á xente nova que hai que fuxir del para non perecer. Iso é o que pretenden, que sigamos a ser carne de emigración e unha finca explotada.

7) Cal é a túa valoración da cultura galega, e por onde debería encamiñar o seu futuro?

Existen unha serie de institucións, a cultura instituída nestes anos de autonomía interpretada e ocupada pola dereita submetida ao centralismo. A composición e as ideas reinantes nesas institucións, loxicamente, son as propias desta situación histórica. É evidente que se esta mesma etapa autonómica fose interpretada polo galeguismo político, como tería acontecido na II República de non ser o golpe de estado, as cousas serían ben distintas. Mesmo o debate tan significativo sobre as normas ortográficas e a concepción da lingua tería sido doutro modo. O modelo establecido é consecuencia de como se construiu o mundo universitario español controlado desde o españolismo madrileño, o mesmo acontece coas visións do reino da Galiza e da Galiza mesmo nos estudos históricos e prehistóricos… Pagamos esta historia tan dura nosa. Particularmente, sei que as institucións son necesarias e desexo que sirvan para dinamizar, non para frear e parasitar a creación existente, cousa que hoxe acontece. A creación artística hoxe é máis fértil do que poidamos lembrar quen nacemos no franquismo, hai unhas xeracións novas que crean proxectos creativos colaborativos no cinema, literatura, teatro, música… Fáltalles a amplificación, o eco que debera dar o poder político e os medios para que toda esa creación chegue á sociedade.