1) Que é para ti Galiza, hoxe?

Galiza é un conxunto de elementos que, ao longo do tempo, cristalizaron no que hoxe entendemos por nación. Ten trazos materias e culturais perfectamente diferenciabeis que se poden expresar e ter cabida nas arelas ou na vontade dos seus habitantes de fornecerse dos instrumentos e institucions xurídico-políticas que constitúen a nación política e que definen as súas relacións e intervencións internas e externas. Porén, Galiza é unha nación que non ten Estado de seu, carecendo de capacidade soberana. Podería facer parte dun Estado federal (pluralista ou plurinacional no sentido que o entende Jorge Cagiao) ou confederal, mais isto non acontece. A consecuencia é unha colectividade territorial e historicamente asentada que non pode adoptar decisións fundamentais para garantir a súa continuidade ou un normal desenvolvemento cultural e económico. 

2) Como consideras que será a Galiza dentro de 10 anos?

Penso que o deterioro das potencialidades e capacidades artísticas, culturais así coma das de desenvolvemento económico e aproveitamento racional e sustentábel dos recursos se está a acelerar. Cada vez somos máis vulnerábeis fronte as forzas da globalización, que precisamente operan tentando someter o ámbito político ás decisións económicas uniformizadoras das oligarquías. Ao estar sometidos politicamente en máis chanzos que os pobos que teñen capacidade soberana, aínda que esta sexa formal, teremos enormes dificultades para deseñar estratexias de resposta autocentrada. De continuar este deterioro dentro de 10 anos Galiza sería máis feble e a propia conciencia nacional, o sentimento de pertenza, a autocomprensión de facermos parte dun pobo diferenciado podería verse seriamente danado.

3) Como che gustaría que fose Galiza, idealmente? Como entendes que se pode chegar aí?

Gostaría da superación dos atrancos que, precisamente, impiden a capacidade para decidir sobre o presente e deseñar un futuro. Se na pregunta anterior comentaba que existe un perigo real de deterioro das nosas capacidades non necesariamente ten que ser este o resultado. O que nos amosa o acontecemento é a dificuldade de facer predicións, da existencia do imprevisíbel e das constantes liñas de disrupción no acontecer histórico do social. Non sabemos como poden influír sucesos que que se están a producir a un ritmo vertixinoso. Cómpre incorporar ao discurso e á práctica categorías interpretativas e modos de actuación que rompan inercias que a realidade está a desbotar por inoperantes. Considero que os individuos, os grupos e os sectores máis comprometidos coa emancipación social e nacional deben demostrar que saben construír alternativas abertas e flexíbeis que acollan a complexidade e a pluralidade. Os modelos culturais da posmodernidade, malia súa ambigüidade, pasan factura á intransixencia ou ao sectarismo. A Galiza que queremos no futuro debe poder albiscarse no presente fuxindo de dogmatismos que atenazan intelectual e materialmente. Nunha nación dominada o nacionalismo, se quere ser hexemónico, ten que presentarse como posibilidade para toda a nación e non pode ficar reducido a organizacións senón que debe ser expansivo e impregnar todos os ámbitos da vida social, mesmo os que non se distinguen por este xorne. 

4) Que aspectos e sectores deben ser prioritarios para conseguirmos mellorar como sociedade? Como consideras que se deben garantir servizos públicos universais e de calidade?

Asistimos a un medre do desposuimento colectivo, dunha expropiación sen precedentes dos recursos naturais e da riqueza social. Xa non hai nada que estea excluído a priori da voracidade privatizadora: desde unha molécula até o mar, desde un coñecemento milenario até un descubrimento recente. O proceso de acumulación do capital precisa transferir rendas desde as clases populares cara aos estamentos privilexiados social e economicamente utilizando todos os medios imaxinábeis. A economía está ao servizo do 1% que cada vez concentran máis poder e riqueza nun círculo que se retroalimenta. É urxente frear esta tendencia, este proceso delirante.

Asistimos a un medre do desposuimento colectivo, dunha expropiación sen precedentes dos recursos naturais e da riqueza social. Xa non hai nada que estea excluído a priori da voracidade privatizadora: desde unha molécula até o mar, desde un coñecemento milenario até un descubrimento recente. O proceso de acumulación do capital precisa transferir rendas desde as clases populares cara aos estamentos privilexiados social e economicamente utilizando todos os medios imaxinábeis. A economía está ao servizo do 1% que cada vez concentran máis poder e riqueza nun círculo que se retroalimenta. É urxente frear esta tendencia, este proceso delirante.

Os servizos e os bens públicos son unha garantía de redistribución e de corrección de desigualdades. Tamén son un instrumento de dignidade e de xustiza porque a súa existencia outorga un recoñecemento de cidadanía social asociada á ampliación dos dereitos e á asunción de deberes cívicos; todo o contrario dos sistemas humillantes da caridade e da asistencia arbitraria que sirven coma medio de chantaxe e sumisión. Ten que haber reversión desta situación; non se deben consentir máis privatizacións e hai que rescatar para o sector público aquelas que xa se produciron. Se non hai valentía aquí a credibilidade diminúe.

Outro aspecto é o da economía social, é dicir, a que non é estado ou administración pública. A esquerda debe apoiar iniciativas sociais e solidarias de produción e servizos cuxo fin non é o lucro senón a cooperación, a participación e a distribución equitativa entre os seus membros e a sociedade. Debemos utilizar os ámbitos competenciais, aínda que sexan cativos, para recuperar espazos públicos e dinamizar os sociais.

5) Que perspectiva tes sobre a Galiza no mundo? Con que espazos e culturas debería profundar a súa relación?

Se observamos outros pobos que aspiran á súa liberación decatámonos de que un eixo vertebral da súa política é o de difundir e ampliar as relacións internacionais; procuran contactos, alianzas  e recoñecementos, non só coas institucións senón con movementos e actores sociais. Saber que eres recoñecido alén das fronteiras incrementa a propia valoración. Se ben é certo que outras comunidades nacionais o teñen máis fácil polo compromiso dos seus gobernos, non debemos esquecer que na Galiza non se lle concede a importancia que debería ter. Desaproveitamos a veciñanza dun pobo irmán para o que somos uns grandes descoñecidos. Portugal ten que estar presente aquí e nós temos que estar presentes en Portugal pero con contido político, non só económico. O nacionalismo non foi quen de tirar proveito da desconfianza que España provocou historicamente nun país co que deberíamos ter vínculos moi estreitos. Está, tamén, todo o mundo da lusofonía que nos abriría enormemente as posibilidades de recoñecemento.

Mención á parte é o dos enclaves da emigración galega, tanto dentro como fóra do Estado español, así como o dos inmigrantes de diversas procedencias que se afincan na nosa terra. Con respecto a estes últimos hai tempo que escribín un artigo sobre a importancia de abordar este fenómeno de xeito que se evitasen conflitos de exclusión e de, como dirían no Quebec, de acomodos razoábeis no noso patrimonio lingüístico e cultural. Un dos éxitos do nacionalismo catalán foi o do traballo épico a prol da catalanización dos colectivos de inmigrantes. Sinceramente penso que aquel artigo non interesou moito.

6) Para onde deberíamos camiñar colectivamente como país, ao teu ver?

Deberíamos camiñar na construción colectiva dunha sociedade que fose eliminando a explotación e as desigualdades; dunha sociedade que progresase ampliando os dereitos e a participación nas decisións. Debemos camiñar para normalizar a nosa identidade, no sentido de que non teñamos que loitar contra ninguén para que se poida expresar, para que non se considere nin superior nin inferior a ningunha outra; para un mundo de mestizaxes sen imposicións e para isto temos que ter dereito a decidir por nós mesmos. Estamos en tempo de entender que vivimos nun mundo de identidades múltiples, no que a nacional é unha moi significativa, mais que non é a única. O liberalismo e o colonialismo minten cando falan da liberdade para elixir xa que os límites de decisión están marcados polo poder, non dan opcións aos dominados. Para avanzar na liberdade hai que romper ataduras. Hai procedementos inventados e outros por inventar, cómpre falar e, sobre todo, escoitar. Hai que evitar os estilos de despotismo ilustrado e fomentar a participación. No filme Queimada de Gilli Pontecorvo, agromaba o dilema de se era mellor saber onde ir aínda sen saber como ou coñecer o camiño aínda sen saber onde conduce. Penso que o sensato é escoller a primeira opción.

7) Que representa para ti a soberanía e que impacto ten (ou debe ter) na vida diaria da xente?

Soberanía implica poder, implica supremacía, sen dúbida. Soberanía nacional, popular, alimentar, territorial, marítima, etc, remiten a poder e a control sobre algo. Desde o absolutismo de Jean Bodin achamos decenas de definicións de soberanía. Agora ben, temos que comezar a distanciarnos das concepcións clásicas que predominaron até a fin da primeira Guerra Mundial e que a identificaban practicamente co monopolio do uso da forza, derivado do sistema westfaliano estatal, e adoptar outros enfoques que recuperen o sentido revolucionario francés de soberanía popular, no que o titular da mesma e a orixe da lexitimidade institucional e da autoridade está no pobo. Penso que a definición que deu Justo Beramendi, na que a soberanía pode entenderse como a capacidade legalmente recoñecida que ten un órgano de poder ou un colectivo humano para decidir por si mesmo sobre un determinado ámbito de cuestións, sen que ningún outro poder ou colectivo poida interferir nesa decisión, ábrenos as portas a unha concepción máis acorde cos movementos e as demandas contemporáneas. Poder decidir, capacidade de decidir, dereito a decidir sobre o os ámbitos que condicionan as nosas vidas, eis a chave para o afondamento democrático e unha das expresións fulcrais da soberanía.

8) Que referentes consideras interesantes e con recoñecemento aínda insuficiente na sociedade?

Non sei se comprendo ben a pregunta. Na sociedade actual as pautas de comportamento e identificacións artéllanse por medio de modelos que se difunden principalmente a través dos media. A colonialidade do ser, do saber e do poder, entendidas como patróns de dominación, fomentan referentes conciliadores e submisos afastando e agachando todos aqueles que cuestionan o sistema vixente. Entre estes referentes incómodos pode estar persoas, colectivos, experiencias obras ou mesmo reflexións.

Na Galiza hai que potenciar aqueles actores e actividades que desenvolvan diversas expresións do noso patrimonio artístico, cultural e lingüístico. Cómpre compensar a situación de inferioridade de condicións na que se acha a nosa cultura con respecto a outras manifestacións alleas. Isto non se debe entender coma patrioteirismo, senón coma a defensa razoábel e necesaria dos trazos de identidade dunha cultura societal que carece dos instrumentos políticos para garantir un desenvolvemento máis igualitario. Will Kymlicka considera e defende esta protección externa como totalmente xustificábel.

9) Que avaliación fas, a día de hoxe, do concepto da autodeterminación?

O concepto de autodeterminación entendido coma o dereito dos pobos para elixir libremente as estruturas e o marco xurídico e político de convivencia, para estabelecer o tipo de relacións con outros pobos ou estados así como para decidir sobre os seus propios medios e recursos a fin de garantir a supervivencia e o pleno desenvolvemento debería guiar a práctica internacional. O dereito está recollido en múltiples textos e xa teño argumentado, penso que con rigor, que tal como está formulado non pode estar condicionado por interpretacións interesadas que o matizan a conveniencia. O problema é que non existe un procedemento avalado por órganismos internacionais para poder exercelo. Son as relacións de forza e as políticas de feitos consumados as que acaban dirimindo estas situacións. Vémolo a cotío na hipocresía das resolucións incumplidas, das ameazas, da aplicación de duplas varas de medir para apoios e recoñecementos ou a permisividade fronte vulneracións explícitas de vontades maioritariamente manifestadas.

10) Tendo en conta a túa experiencia, que valoración fas do ensino, e que modelos consideras necesarios para a súa mellora?

Hai que entender a función que os sistemas educativos representan. Até o predominio da visión neoliberal os sistemas educativos tiveron como función principal a de reprodución das relacións sociais de dominación e explotación, a clásica dos aparellos ideolóxicos. Mais na actualidade observamos que se está a dar o que podemos chamar un asalto á educación por parte de sectores empresariais que a consideran un negocio. Alumnado, profesorado, familias, transporte, material didáctico, instalacións, recursos e moito máis supoñen un atractivo mercado de amplas clientelas. Dentro desta dinámica pódese comprender o empeño en liberalizar os servizos educativos por parte dos organismos financeiros internacionais. Mais a educación tamén é un servizo fundamental na formación da cidadanía, na transmisión de coñecementos necesarios para o desenvolvemento social e na ampliación de oportunidades para optar a modelos de vida significativa e satisfactoria. Temos que dar a batalla para que a educación se corresponda cun modelo social de xustiza e igualdade, polo que o sistema educativo ten que liberarse da súa consideración como mercadoría. Resulta esencial apostar por un sistema público, xestionado democráticamente, non só transmisor de coñecementos científicos ou técnicos senón de valores e actitudes para erradicar as lacras dos prexuízos e potenciar un pensamento crítico.

No noso país é básico dispor da capacidade para ter un sistema educativo propio. Unha parte importante da colonización e opresión cultural que padecemos se realiza por medio da educación regrada e oficial. Non só non se parte da realidade cultural, histórica ou lingüística, senón que maioritariamente esta é negada ou ocultada.