Que é para ti Galiza hoxe?

É o meu país. O lugar onde vivo e onde quero vivir, onde teño o meu fogar e o meu traballo. Un lugar fermoso cunha cultura propia e unha identidade única que nos sitúan no mundo. Unha construción colectiva e permanente que si é orientada polo amor e o respecto polo noso, ten potencial de sobra para ofrecernos unha vida digna a nós e ás que veñan.

Como consideras que será Galiza dentro de dez anos?

Se analizamos os últimos 40 anos de democracia, vemos que 33 deses 40 anos gobernou unha mesma tendencia ideolóxica. Pese a esta estabilidade electoral que ben puido favorecer unha planificación estratéxica que servise aos nosos intereses colectivos, é obvio que en cuestións clave non temos avanzado. Máis ben recuamos. Perdemos posicionamento, oportunidades e empregos en sectores estratéxicos da economía onde historicamente fóramos referentes. A día de hoxe, 40 anos despois, seguimos con grandes carencias en infraestruturas, formación, sanidade, política industrial ou redistribución xusta dos recursos do Estado. Non se favorece a nosa identidade propia nin sequera entendida de maneira economicista como valor diferencial de marca. Faltan aínda plans de prevención das grandes agresións medioambientais que sufrimos cada ano como se fosen  imprevisibles. Recuamos en dereitos civís básicos como o de liberdade de expresión. Como considero que será o noso país dentro de dez anos? Se non cambiamos o rumbo, non hai signos de que cambie moito.

Como che gustaría que fose Galiza idealmente? Como consideras que se pode chegar aí?

Gustaríame que fósemos un país avanzado, con altas taxas de desenvolvemento social (cunha cidadanía activa e crítica), tamén con desenvolvemento cultural (baseado nunha identidade propia riquísima e nunha alta capacidade creativa) e por suposto con desenvolvemento económico que favoreza benestar ás persoas e uns servizos públicos universais e de calidade. Como se pode chegar? Ao desenvolvemento social chégase favorecendo, acompañando, fornecendo e motivando a participación cidadá por parte das institucións e practicando sen escusas ese dereito á participación por parte da cidadanía. Para un correcto desenvolvemento cultural, ademais da riquísima tradición galega en cultura cidadá, participada e autoxestionada, necesitariamos políticas culturais planificadas e sustentadas nunha aposta institucional pola cultura. Recentemente Marcos Lorenzo acaba de publicar en Grial un artigo sobre as políticas culturais en Galiza nos últimos 35 anos e cítanse como boas prácticas, políticas desenvolvidas no pasado: “Entre 2003 e 2007 puxéronse en marcha AGADIC e a Axencia Audiovisual Galega, creáronse a Rede Galega de Música ao Vivo, a Rede Galega de Salas e a Rede Galega de Locais de Ensaio, xurdiron liñas orientadas á internacionalización de artistas, como o Galizan Tunes (música) e o Galizan Way, redactouse un Plan Galego das Artes Escénicas, consensuado co sector, e unha Lei do libro e a lectura, e tentóuselle dar viabilidade económica ao complexo da Cidade da Cultura de Galiza mediante a constitución da Fundación Gaiás. Tamén é debedora desta época a creación do Observatorio da Cultura Galega, no seo do Consello da Cultura Galega, primeira iniciativa de elaboración regular de estatísticas culturais.” Para o desenvolvemento económico, máis autogoberno, confianza nos recursos propios e redistribución máis xusta das aportacións ao Estado. Defensa dos sectores produtivos propios, maior autonomía enerxética, máis conciencia do noso potencial e dos nosos recursos.

Para un correcto desenvolvemento cultural, ademais da riquísima tradición galega en cultura cidadá, participada e autoxestionada, necesitariamos políticas culturais planificadas e sustentadas nunha aposta institucional pola cultura.

Que aspectos e sectores deben ser prioritarios para conseguirmos mellorar como sociedade? Como consideras que se deben garantir servizos públicos universais e de calidade?

Unha prioridade clara é frear a sangría continua da emigración e a precarización da xente moza. Por cada persoa nova (con formación as máis das veces) que abandona o noso país buscando mellores condicións laborais e vitais, perdemos oportunidades de desenvolvemento. Outra prioridade é o rural, que se desangra á mesma velocidade que a pirámide da poboación. Un rural vivo, coidado e valorado, sostible e produtivo, pode volver ofrecernos vías de desenvolvemento como sempre fixo. Tamén moi importante para min para mellorar como sociedade, é aprender a valorar máis o propio. O territorio, a paisaxe, o monte, o mar, a lingua, a cultura, son aspectos de construción social do noso pobo, pero tamén, se queremos poñernos en clave economicista, son posibilidades de diferenciación e potencial económico nunha economía global na que, polo de agora, o territorio, a paisaxe, o monte, o mar, a lingua ou a cultura, non se poden deslocalizar. Como garantir servizo públicos universais e de calidade? Primeiro, tendo vontade política de facelo, segundo, demandando e xerando recursos que os sustenten, e terceiro, sendo conscientes de que as solucións de externalizar moitas veces saen máis caras, non manteñen a calidade e só serven para enriquecer unhas poucas empresas.

Que perspectiva tes sobre a Galiza no mundo? Con que espazos e culturas debería profundar a súa relación?

Primeiro consigo mesma. Hai toda unha Galiza exterior ca que relacionarnos dunha forma máis profunda que a través da folclorización. Temos todo un traballo que facer en canto a traer de volta a moita xente, pero tamén, mirar de estreitar relacións coa que xa non volverá. Relacións de apego pero tamén relacións económicas posibles que facilita o feito de que en cada lugar do mundo, hai unha galega vivindo e case sempre traballando, que sente moito o seu país de orixe. A diáspora podería favorecer dende a imaxe exterior que produzamos a toda unha rede de conexións reais e inmediatas cos puntos que sempre foron receptores de emigración galega.

Temos todo un traballo que facer en canto a traer de volta a moita xente, pero tamén, mirar de estreitar relacións coa que xa non volverá.

Para onde deberíamos camiñar colectivamente como país, ao teu ver?

Pois precisamente para entendernos como País. Se fósemos quen de valorar todo o potencial que nos ofrecen os nosos numerosos recursos, dende unha perspectiva propia e descolonizada, abriríanse toda unha serie de oportunidades que hoxe en día se nos escapan.

Que representa para ti a soberanía e que impacto ten (ou debe ter) na vida diaria da xente?

A soberanía ou “as soberanías” é volver a ter as rendas da nosa propia vida. Nun tempo no que o poder (económico, político, mediático) cada vez se concentra máis, afastando moitísimo de nós os centros de decisión sobre cousas que nos afectan no día a día, recuperar as soberanías é fundamental para seguir sendo cidadanía con dereitos e non súbditas do sistema. Recuperar a soberanía sobre a nosa capacidade de autoorganización social e política, xerando posibilidades diferentes ás establecidas pola lei unificadora. Recuperar a soberanía persoal, que tamén é política. A soberanía alimentaria, a soberanía económica, a da comunicación, recuperarnos como persoas ao fin e ao cabo.

Que referentes consideras interesantes e con recoñecemento aínda insuficiente na sociedade?

A “sociedade do espectáculo” favoreceu que os referentes mediáticos tivesen pouco que ver cos valores humanistas. É urxente reverter que os valores os marquen os cartos, a fama e todas estas miserias que todas e todos coñecemos. Ao tempo estou un pouco cansado da meritocracia dos científicos, médicos e académicos que aparecen recorrentemente como referentes a seguir. Para min as referentes son moitas persoas anónimas que loitan polos seus dereitos, que exercen activamente a súa cidadanía fronte a un sistema cada vez máis poderoso e tirano que pretende precarizarnos, calarnos e ás veces ata encarcerarnos. As referentes son as que loitan polos dereitos que moitas outras conseguiron ao longo da historia, ás veces á costa da súa propia vida.

Cal é o modelo universitario galego que estimas pode ser máis capaz de responder ás necesidades globais da cidadanía?

Nin idea. Só dicir que entre o sistema caduco que eu vivín e a volta á “elitización” gradual da universidade pública e do acceso ao coñecemento en xeral ao que parece que nos levan, ten que haber un termo medio. Unha universidade que garanta o espallamento do coñecemento e dos valores humanos entre a sociedade e ao tempo que conecte coas necesidades e coa planificación de desenvolvemento que nos teñamos dado.

Que modelo de coñecemento e implicación da sociedade galega en relación ao seu patrimonio cultural estimas máis interesante? Como podería ser levado á práctica, desde o teu punto de vista?

A resposta para min está implícita na propia pregunta: coñecemento e implicación. Implicación social na valoración do propio. Coñecer, valorar, coidar. Todo favorecido e financiado con xustiza e equidade por unha administración con responsabilidade en canto ao mantemento do público pero orientado á implicación social, a tamén ter en conta o “público non estatal” e o comunal, onde precisamente a autoxestión social dos bens, os fixeron historicamente estar moito máis socializados, máis relacionados, máis sentidos e polo tanto, máis coidados e máis sostibles no tempo. Como facelo posíbel? Reequilibrando o papel da administración (promotora de todo ou privatizadora de todo) a un papel máis de mediación, acompañamento, apoio, financiamento redistributivo, artellamento, comunicación, revalorización dun enorme potencial que ten o noso País: a Cultura.