1)    Que é para ti Galiza, hoxe?

Eu, como ben sabe, hai case tres décadas que vivo fóra do país ao que regreso cada ano, as máis das veces para descansar. O primeiro nivel da resposta sería, pois, o persoal e daquela diría que é o meu lugar de vacacións, ese lugar mítico que constitúe o paraíso na Terra. Isto sería unha chisca egoísta e pouco esperanzador como inicio dunha entrevista.

Noutro plano máis analítico e menos cordial, coido en pensar que é un país en vías de extinción, no senso de territorio/ecosistema diferenciado, cunha lingua e unha cultura propias, cun xeito de entender o mundo e de se relacionar coa contorna (coa paisaxe, coa natureza, cos cultivos e cos animais domésticos). Un país que se esfuma, cunha pirámide de poboación invertida e unhas expectativas de autonomía minguante.

2)    Como consideras que será a Galiza dentro de 10 anos?

Eu non son moi bo facendo predicións, se cadra porque as predicións neste século son máis difíciles que no pasado, se cadra porque os escenarios políticos, sociais e mais económicos poden mudar, por mor do desenvolvemento tecnolóxico a unha velocidade difícil de predicir. A pléiade de variábeis que agora se dan nun mundo cunha complexidade exponencial non permite facer o mesmo tipo de análises que hai só un par de décadas.

Sería pola miña banda unha desviación populista dicir que Galiza será en dez anos o que os galegos queiran que ela sexa, ou dicir aínda que vai ser como eu quero que sexa ou aquela xente coa que teño afinidades políticas queren que sexa.

Dalgún xeito é verdade que os galegos van decidir, mais con moitos matices. Non vivimos illados senón nun estado sen unha estrutura que corresponda á realidade antropolóxica e social do territorio que ocupa, cun centralismo que non responde ás necesidades do conxunto e proxectando cara ao exterior unha imaxe que nada ten que ver coa realidade. Vivimos tamén no seo dunha Unión Europea, cuxos regulamentos e directivas marcan as directrices das nosas vidas, pois foron erosionando as individualidades de cada un dos estados seguindo unha lóxica de uniformización que é a que convén ao desenvolvemento do sistema económico de capitalismo liberal, que constitúe o espazo económico onde se move a nosa economía galega. Os nosos graos de liberdade son pequenos (minúsculos, diría eu) e aínda serán menores consonte vaia pasando o tempo.  

3)    Como che gustaría que fose Galiza, idealmente? Como entendes que se pode chegar aí?

Como científico gústame ter hipóteses para logo poder demostralas ou rebatelas. Neste caso cústame avanzar mesmo cal sería a miña idea de Galiza. Galiza xa vive unha distopía, unha realidade modificada que en poucos anos fixo desaparecer unha cultura rural e vilega autóctona transformándoa nunha cultura urbana mimética cos comportamentos foráneos e autocompracente por non dicir narcisista. O progresivo e se cadra irreversíbel abandono do rural caracterizado polos campos ermos e o monte desintegrado da economía rural, pola despoboación a ritmo rápido e a creba dun sistema de produción e de relacións sociais, polo abandono progresivo de toda unha serie de manifestacións antropolóxico culturais; a catástrofe demográfica resultado da creba fulminante dos sistema produtivos, o embrutecemento da poboación (resultado das eivas que, como paradigma o narcotráfico introduciu quer a nivel de consumidores quer de fornecedores de substancias ilegais) xunguido ao narcisismo como antesala do individualismo excluínte, o mimetismo irreflexivo co comportamento doutras sociedades (idealizadas como “mellores”), o gregarismo crecente que leva a seguir o que outros fan e a se concentrar arredor de grandes eventos (concertos, romarías, peregrinacións, festas, manifestacións deportivas ou patrióticas), levaron ao noso país a un marasmo antropolóxico cultural que nos sitúa, agora mesmo, nunhas coordenadas de aniquilamento progresivo como entidade antropolóxica, social e económica diferenciada.

Eu o que quixera é estar errado. Vivir nunha Galiza que tome as súas decisións para construír unha sociedade máis xusta, onde os recursos naturais se exploten de xeito sostíbel e o reparto das ganancias sexa equitativo, onde os servizos sociais sexan de calidade e os recursos naturais non sexan de propiedade privada senón colectiva, xestionados de xeito integral e en beneficio da sociedade e non das corporacións. Unha Galiza onde as necesidades dos cidadáns en materia de enerxía estean xestionadas polo noso goberno e non para lucro do capital, onde as condicións de traballo permitan a recuperación demográfica, onde a emigración que desangrou a nosa sociedade en sucesivas vagas de fuxidos da pobreza económica ou ética se vexa reducida a unha minoría que o asuma máis como aventura que como imposición, onde a nosa xuventude non teña necesidade de saír do país para encontrar un emprego que se corresponda ao investimento efectuado na súa formación. Unha Galiza onde se respecte ao pé da letra e sen excepcións a declaración internacional dos dereitos humanos e todos aqueles dereitos regulados polos textos que configuran o noso acervo lexislativo como cidadáns galegos.       

Para chegar a unha Galiza que tome as súas propias decisións, que sexa quen de xestionar de xeito autónomo e independente os seus recursos naturais, que poida tomar decisións estratéxicas en materia económica, política e social precísase algo que non está nas nosas mans (ou non está só nas nosas mans) como é estabelecer unha nova ordenación política do Estado español e un xeito diferente de nos relacionar cos países da nosa contorna (comezando por Europa da que formamos parte integral, mais non só). Así e todo, se este obxectivo puidese ser acadado (o que non resultaría doado a curto prazo), estariamos aínda moi afastados da soberanía pois non teriamos nin a propiedade dos medios de produción nin a dos mecanismos financeiros para xestionar e garantir a viabilidade económica do país.

4)    Que aspectos e sectores deben ser prioritarios para conseguirmos mellorar como sociedade? Como consideras que se deben garantir servizos públicos universais e de calidade?

Responderei de xeito conciso, pois xa me estendín abondo en respostas anteriores. Os sectores prioritarios deberían ser aqueles nos que temos unha maior experiencia e un mellor coñecemento (o que lle din know-how nesa lingua na que todos falamos e non). Nos asuntos do mar nós sabemos de pesca, de conservas, de facer barcos e de acuicultura (intensiva e mais extensiva). Nos asuntos de terra, temos experiencia en gandería e poderiamos ser, como xa fomos noutras épocas históricas, produtores de cereal e madeira, en cantidade e de calidade. No que di á tecnoloxía, contáronme que estamos ben situados en telecomunicacións. No que diz aos servizos aos viaxeiros que visitan as nosas terras (incluída a industria termal) temos moito que ofrecer e bo. En breve, afondar naquelas áreas onde xa temos un coñecemento adquirido e termar noutras onde as nosas potencialidades son maiores (e só unha ma xestión non nos permitiu acadar mellores resultados).

Os servizos públicos universais e de calidade dos que vostede fala constitúen unha característica das sociedades do benestar. En tanto non academos esa categoría, coido eu que non se poderán garantir eses servizos exclusivamente co orzamento a disposición do goberno (como corolario entre outros da pirámide de poboación invertida, da fraxilidade do tecido produtivo, da ausencia de autonomía financeira, do non control sobre os medios de produción, e por descontado por mor dunha combinación perversa de todas estas variábeis e un sen número doutras variábeis internas e externas ao sistema). É certo que eses servizos son un dereito, mais ese dereito “formal” atópase coa realidade dunha serie de condicionantes “reais” que citei máis arriba e que fan que sen un incremento orzamentario importante e unha xestión racional dos recursos financeiros a existencia deses servizos universais e de calidade sexa máis quimérica que real.  

5)    Que perspectiva tes sobre a Galiza no mundo? Con que espazos e culturas debería profundar a súa relación?

A nós, os que nos identificamos con ideas nacionalistas e de autogoberno, gustaríanos que Galiza existise no mundo como entidade diferenciada e recoñecíbel. Para que? Pois en primeiro lugar para non sentir en permanencia esa lousa da exclusión, esa identificación coa famosa “marca España” de barbarie (touros), folclore trasnoitado (flamencadas, que non flamenco), xamón das serras que bordean a meseta (hipervalorado, só de acceso regular para as clases dominantes), e sesta demorada despois de comer (en xeral coma se non houbese un mañá). Ao que agora vense a sumar a corrupción rampante como paradigma necesario dos que acceden ao poder político. Tamén, por suposto, e de xeito menos visceral mais non menos contundente, para achegármonos a unha situación que nos permita unha relación igualitaria con outros pobos e outras culturas (até onde isto sexa posíbel ou até onde soñemos nós –e eles, os outros pobos, as outras culturas– que isto poida ser posíbel).

Referente á súa segunda cuestión, coido en pensar que hai varias frontes ou se se prefire varias liñas de traballo. Pódese comezar por todas elas a un tempo, mais non sei se teremos forzas e afouteza para tan grande empeño. A primeira é a necesaria (e urxente) relación entre as comunidades que morando no mesmo país viven en permanencia de costas unhas a outras. Falo dos castelán falantes que teñen os seus circuítos culturais e dos galego falantes que teñen os seus. Vivimos nun país con dúas comunidades confrontadas e case inmiscíbeis (como auga e óleo). Se non poñemos en comunicación permanente esas comunidades non somos, e se non somos non temos que entrar en contacto con ninguén máis pois non existimos e ninguén nos recoñece como entidade diferenciada.

Complexo. Non. Os nenos téñeno claro: xogan cos outros nenos aínda que eses outros nenos falen alemán, ruso ou chinés. Daquela, para o xogo, para a interacción cultural, a lingua é só unha barreira cando existe un prexuízo. Nós temos que telo claro tamén, unha cousa é a defensa da lingua oficial e propia (a que nos define como entidade diferenciada e sen a cal non seriamos) e outra ben distinta é o odio ou a negación doutras realidades e doutros modos de entender o mundo. Sectarismos os menos. Integración a maior sen importar idades ou razas, credos ou ausencia deles, orientacións sexuais ou procedencia de clase. O país está sen construír ou sofre un proceso de desestruturación progresiva) e cun país sen debuxar non se pode pensar nin no autogoberno nin na construción dunha entidade soberana.

6)    Para onde deberíamos camiñar colectivamente como país, ao teu ver?

Pois que quere que lle diga: non o sei. Pídeme moito. Se cadra son un pouco clásico nisto, mais non acredito nas tarefas colectivas. Ademais a expresión “debería”, impón unha tarefa (unha acción, unha función) e non deixa lugar, porén, para o libre albedrío. Iso, a imposición, ponme algo nervioso. Supoño que poderiamos traballar a prol dunha maior cohesión social, dunha sociedade sen exclusións. Mais a dinámica das poboacións é unha materia complexa, pois como xa dixen con anterioridade, os factores externos á nosa sociedade (ao noso ecosistema) superan en forza e estruturación aos factores internos. Soa a determinismo ou darwinismo social, seino, mais é, enténdase, todo o contrario. Os sistemas caóticos, como aquel que constitúe hoxe a “desorde mundial”, e, nun ámbito xeográfico máis reducido, a “desorde galega”, son pola súa natureza ben difíciles de predicir. Declaro pois a miña cegueira nos sistemas multi-dimensionais e a miña imposibilidade de ver máis alá do plano (e ás veces con dificultades).

7)    Que representa para ti a soberanía e que impacto ten (ou debe ter) na vida diaria da xente?

O que eu entendo por soberanía é a capacidade de regular (de lexislar, de xestionar) a actividade dun país de xeito autónomo e por riba de calquera outra instancia ou poder. Se cadra estou errado e é outra cousa. Esa sería para min a idea “maximalista” equivalente coa independencia absoluta e non tanto coa condición de “estado asociado”. Habería pois que definir “asociado con quen”, “asociado para que” e “asociado como”. Calquera asociación levaría implícita unha mingua na soberanía. Xa pode entender que isto é outra vez máis complexo que a consigna que un poida escribir nunha camisola, na letra dunha cantiga ou nunha pancarta. Se seguimos “inseridos” voluntaria ou involuntariamente no Estado español e na Unión Europea, eu non vexo que poidamos ser un estado soberano. A pertenza a unha superestrutura política (chámese España, Confederación Ibérica, Unión Europea ou chámese como se chame) é incompatíbel coa soberanía como estado (e como sociedade).

Unha aproximación diacrónica que tivese como obxectivo final a soberanía mais que, ao mesmo tempo, fose estruturada en fases sería impensábel. Un “afondamento na autonomía”, “unha asociación en pé de igualdade con outras nacións” no seo do Estado español e/ou da Unión europea, non levarían como corolario lóxico á soberanía senón probabelmente todo o contrario. Certo que a xente tería se cadra a percepción de que as leis se adaptan mellor as súas necesidades e, se cadra se sentirían máis identificados coa toma de decisións, mais seguirían estando lonxe de decidir o seu destino colectivo. As leis da física termodinámica explícano á perfección cando falan da necesidade dunha entropía extrema (un caos xeneralizado) para que se produza un cambio de estado. O meu diagnóstico é que ese cambio de estado (cambio de paradigma para poder constituír un estado soberano) non se pode producir nin de xeito legal (por vía parlamentaria) nin de xeito pacífico (nunha especie de transición lóxica, racional e ordenada).

8)    Que referentes consideras interesantes e con recoñecemento aínda insuficiente na sociedade?

A sociedade non funciona como un organismo único, que siga unha taxia determinada atraído pola luz ou pola gravitación. A sociedade é algo tan abstracto que eu non sabería que lle responder á súa pregunta.

Se por referentes inclúe vostede valores éticos ou morais, coido que os únicos referentes que funcionan como forzas identificábeis no comportamento da sociedade galega non son distintos dos que operan noutras latitudes do que se entende como “a nosa contorna” (nuestro entorno) ou “occidente”: individualismo exacerbado, mimetismo inducido e gregarismo como manifestación última do medo colectivo.

Outros valores como o altruísmo, a empatía, a cooperación e a solidariedade danse como comportamentos individuais (por certo moi meritorios) mais non como valores de uso a nivel da sociedade como conxunto. Non son recoñecidos como valores universais (ou se o son é sempre dun xeito retórico) nin constitúen a praxe da meirande parte dos individuos da sociedade galega.

9)    Que impacto ten ou pode ter, do teu punto de vista, o vínculo de Galiza coa Unión Europea e cal sería o modelo de relacións máis desexábel?

Coido que xa o expliquei antes. A pertenza a unha superestrutura política (incluída a pertenza á Unión Europea) é incompatíbel coa soberanía como estado (e como sociedade). Daquela se me pregunta polo vínculo entendo que a pertenza a esa estrutura estaría descartada e quedaría a posibilidade de acordos de cooperación en todas aquelas áreas que se definisen de interese común. Poderíase optar, se cadra, polo modelo de Lichtenstein ou de Noruega, ou simplemente por acordos puntuais de interese común.

Na súa pregunta movémonos no terreo da incerteza máis absoluta. Para saber cal sería o máis desexábel teríamos que acharnos nesa situación específica (a de poder estabelecer un vínculo, o que hoxe non se dá), estudar a correlación de forzas logo do proceso de separación (improbábel), os intereses particulares do noso estado (se existise). Non sei, sen ter os elementos, temo que sería falar de ficción política sen ter nin tan sequera un modelo que nos permitise facer unha simulación, ou sexa, falar por falar.

10)    Cal é a túa valoración da cultura galega, e por onde debería encamiñar o seu futuro?

Se por cultura galega entendemos o conxunto de manifestacións artísticas e antropolóxico culturais levadas adiante por cidadáns galegos dentro e fóra do país e independentemente do rexistro lingüístico utilizado, vivimos unha situación de normalidade.

Se por cultura galega entendemos, pola contra, o conxunto de manifestacións artísticas e antropolóxico culturais levadas adiante por cidadáns galegos dentro e fóra do país utilizando exclusiva ou maioritariamente o rexistro lingüístico galego, vivimos unha situación de anormalidade, de resistencia e de precariedade extrema.

Volvo a dicir que non teño armas de predición, nin tan sequera a intuición (a menos racional, a menos científica). Ao meu parecer a situación actual é subóptima e a persistencia ou deterioro da mesma levará a diagnósticos máis graves. Iso sábeo calquera que lle teña dedicado un par de minutos a reflexionar sobre este tema. Sen un pulo importante e masivo en termos de identificación cultural e cohesión social arredor do galego como lingua vehicular da cultura autóctona, o futuro é incerto (a desaparición semella estar no horizonte, mais a distancia ao horizonte e as miraxes que se producen no horizonte poden modificar a realidade).

A persistencia no erro dos sucesivos gobernos (e das súas alternativas), a ausencia dunha conciencia social que poida modificar a curto prazo a situación de precariedade, a dispersión das institucións culturais galegas, o incremento da presión exterior a prol das linguas maioritarias e outras variábeis que inflúen sobre os procesos de identificación e cohesión social non permiten ser optimistas nin ver cal é o camiño certo na encrucillada (e, enténdase, tampouco cal é o camiño ou camiños errados). Algúns procesos naturais, entre eles a evolución, permítennos pensar que nin sempre o mellor camiño é o camiño recto ou progresivo (esa idea absurda de que unha escaleira só se pode subir chanzo a chanzo) e que, ás veces, son necesarios cambios cualitativos (mutacións) para acadar un desenvolvemento evolutivo ou saír dunha crise regresiva. Consellos non teño, xa imaxina, predicións tampouco. Só a procura estocástica e a revolución permanente poden axudar no empeño.

Nota final: se cadra caín en contradicións entre estas miñas respostas aquí presentadas, mais todas elas foron presentadas coa honestidade de quen non é nin analista político (e iso é o que aquí se pide, ser analista e proxectar nun futuro incerto as análises e predicións) nin tan sequera animal político (no senso de estar integrado nunha forza política ou ocupar un cargo de representación política). Algunhas das respostas poden ser consideradas heterodoxas ou arriscadas. Diría eu que son estes riscos que levan aparelladas as manifestacións públicas de opinión. Diría tamén que o único valor que teñen queda restrinxido polo antedito e polo feito, incuestionábel, de ser estas as miñas respostas individuais e non manifestación do ideario dunha formación política á que eu puidese representar.