Que é para ti Galiza, hoxe?

Galiza é a miña patria, a miña nación, e por tanto Galiza define en boa medida a miña identidade. O ser humano é un ser social e no proceso de socialización un elemento fundamental é a pertenza a unha comunidade nacional. Ser galego é o meu xeito de estar no mundo, porque o mundo é froito da diversidade de culturas e pobos que o integran e da interacción que se establece entre eles. Quen nega esa diversidade está negando precisamente a universalidade. Por iso, como dicían os nacionalistas históricos, Galiza é célula de universalidade. Por último, para min Galiza tamén é un proxecto, porque é unha nazón oprimida e por ese motivo en boa medida está aínda por construír.

Como consideras que será a Galiza dentro de 10 anos?

Se non somos quen de invertir a tendencia, a Galiza de dentro de dez anos será semellante á de hoxe pero cos seus problemas estruturais aínda máis agudizados: menos poboación e máis avellentada, menos base económica propia, máis territorio abandoado ou destruído, menor presenza do galego... Falaba antes de que Galiza é a miña nación e as nacións son realidades histórico-sociais dinámicas, poden emerxer ou desaparecer ao longo da historia, e Galiza está imersa nun proceso de desnacionalización cada vez máis acentuado que pon en perigo a nosa propia pervivencia como pobo diferenciado. Mais, como dicía Gramsci, fronte ao pesimismo da razón é preciso o optimismo da vontade, entendida non como un simples exercicio de voluntarismo senón como vontade racional e como compromiso político. Por iso confío en que mude a correlación de forzas e se poida inverter esa tendencia.

Como che gustaría que fose Galiza, idealmente? Como entendes que se pode chegar aí?

Confórmome con que sexa un país normal, como son Dinamarca ou Holanda. Unha Galiza normal é un país onde se críen os fillos sen asumir como “normal” que despois terán que emigrar para se gañar a vida. Unha Galiza normal - evocando un exemplo posto por María do Carme García Negro nesta mesma sección- é un país onde se pides un café con leite non che contesten “¿Un café con leche?”. Unha Galiza normal é un país onde nos medios públicos (que en teoría teñen como lingua veicular o galego) falen de Michelangelo Buonarroti como Miguel Anxo e non “Miguel Ángel”, como teño escoitado, como se o nome en galego fose incompatíbel con falar dun artista universal. Unha Galiza normal é un país onde nos medios falen do grande tema de Luar na Lubre “O son do ar” (do que fixo unha versión Mike Olfield), en vez de dicir (como tamén teño escoitado) que é un tema de Mike Olfield versionado por Luar na Lubre. En definitiva, un país normal é un país autocentrado, aberto ao mundo pero dende si e orgulloso de si. Por suposto, esa Galiza da que gostaría tamén sería unha Galiza próspera, xusta, culta, de homes e mulleres libres; mais esa Galiza non é posíbel sen antes conseguir o anterior. Non teño receitas máxicas para podermos chegar a esa Galiza. É unha cuestión de correlación de forzas, nas institucións políticas e na sociedade. A situación de Galiza explícase polo rol dependente que desempeñamos no Estado español, mais tamén polo papel dunhas elites que deron as costas ao país ou polo feito das institucións de autogoberno seren hexemonizadas por partidos que as usaron para a anulación do país, pois non acreditan nin na potencialidade nin na viabilidade dunha Galiza de seu. Mais, pese a todo, a sociedade galega é moito máis dinámica de como nola presentan e malia a febleza da conciencia nacional, hai un sentimento de galeguidade moi arraigado e un desexo de mudar a situación do país. O reto é saber canalizar estas potencialidades e dotalas dun horizonte de futuro en torno a un proxecto nacional.

Que aspectos e sectores deben ser prioritarios para conseguirmos mellorar como sociedade? Como consideras que se deben garantir servizos públicos universais e de calidade?

É fundamental crear as condicións que eviten que a mocidade emigre. Ficar sen mocidade é ficar sen futuro e ningún país se pode permitir a sangría de investir en criar e formar a unha xeración para que logo non reverta no país. Debe ser prioritario apostar polo coñecemento e a cultura. Termos unha lingua e cultura propias que, ademais de seren peares fundamentais do benestar e da vertebración social, son unha ventá de oportunidades para dar soporte a unha potente industria cultural e de comunicación que xere riqueza e emprego. No económico, aspiro a unha Galiza que poida vivir dignamente do seu traballo, mobilizando todas as súas capacidades produtivas. Deben ser estratéxicos o sector industrial e un sector primario que sirva de soporte ao complexo mar-industrial e á industria agroalimentar. Para iso é preciso superar a ensoñación que asocia modernidade a abandono do campo. Todo país avanzado fixo da modernización e transformación do seu sector primario, non da súa destrución, un piar do seu desenvolvemento.  Hai que superar tamén a ensoñación que asocia modernidade a "era posindustrial"; os países máis industrializados foron tamén os máis resistentes á crise, pois a industria ten máis capacidade de xeración de emprego e está vencellada a actividades que xeran coñecemento e valor engadido. En particular é preciso apostar polos sectores con maior impacto no cambio de patrón de crecemento: as empresas vinculadas á sociedade do coñecemento e ao desenvolvemento da economía social ou da economía verde. Polo demais, Galiza debe ter soberanía en materia fiscal e financeira e, en exercicio desa soberanía, aplicar unha política fiscal xusta e ambiciosa que contribúa a redistribuír a riqueza e a captar recursos suficientes para garantir e mellorar os servizos públicos.

Que perspectiva tes sobre a Galiza no mundo? Con que espazos e culturas debería profundar a súa relación?

Galiza debe ter vocación de ser un país aberto, que se interrelaciona con todo o mundo. Con todo, creo que hai tres espazos prioritarios, atendendo a razóns de veciñanza e aos vínculos históricos, lingüísticos e culturais: os pobos da península, o mundo lusófono e os pobos atlánticos europeos. Ademais, a existencia da “diáspora” debe ser aproveitada como plataforma para difundir a cultura e a lingua galega no mundo e intensificar as relacións con países con comunidades galegas.

Que representa para ti a soberanía e que impacto ten (ou debe ter) na vida diaria da xente?

A soberanía en primeiro lugar é unha cuestión elemental de democracia. O que está acontecendo en Catalunya e a resposta do Estado é un exemplo evidente de como a negación do dereito a decidir mostra a verdadeira fasquía autoritaria e antidemocrática do Estado español. Alén diso, para min a soberanía é sobre todo unha ferramenta para construír unha sociedade e un país mellor. Fronte aos tópicos que presentan a soberanía como un concepto trasnoitado, precisamente nun mundo globalizado termos soberanía e indispensábel para interactuar nese mundo en certas condicións de igualdade sen estarmos condenados á exclusión. Hai un refrán irlandés que o resume á perfección: “as bandeiras non dan de comer, mais se non tes unha bandeira cómente”.

Que referentes consideras interesantes e con recoñecemento aínda insuficiente na sociedade?

Creo que precisamente un dos nosos problemas como país é a ocultación e negación de todos os referentes propios, comezando pola negación e ocultación da nosa propia historia. Por iso creo que é fundamental fomentar o coñecemento da Historia de Galiza. Polo demais, resúltame difícil salientar algúns referentes en particular. Aspiro, simplemente, a que sexamos unha sociedade autorreferenciada.

Coa túa experiencia política, que mudanzas consideras imprescindíbeis para mellorar a calidade de vida das maiorías sociais?

Creo que a resposta tamén está implícita nas anteriores contestacións. En calquer caso, creo que a prioridade deben ser as políticas sociais e para as desenvolver é necesario outro modelo fiscal e termos instrumentos financeiros públicos como unha Banca Pública Galega. Polo demais, é imprescindíbel avanzar cara a soberanía, pois no actual marco hai moi pouca marxe para podermos conseguir mudanzas reais.