1) Que é para ti Galiza, hoxe?

Galicia é unha veterana nación marítima atlántica, unha das cernas de Europa e América. É dona dunha importante cultura e identidade de seu que a significan no mundo. Está dotada de importantes recursos naturais, culturais e sociais que só aproveitamos en parte. Eu teño a certeza de que a maior parte do noso potencial está aínda por desenvolver.

Ademais, aquí dáse o milagre de sermos quen de pensar en termos de innovación tecnolóxica e social mentres a nosa cultura tradicional aínda non é (totalmente) un relicario ou un obxecto de museo. Trátase dun valor diferencial e moi poderoso no contexto europeo actual. Conservar esta cultura e repensala nunha sociedade do século XXI debera ser un dos nosos obxectivos máis importantes.

2) Como consideras que será a Galiza dentro de 10 anos?

Imos percibir de maneira máis acentuada os efectos da caída demográfica, que se vai traducir nun maior desequilibrio económico e social entre o interior e o eixo atlántico, un aspecto que deberiamos afrontar como un auténtico debate nacional de urxencia. A caída demográfica non só significa que nos facemos máis vellos: significa que perdemos talento, empuxe e capacidade de adaptarnos ás condicións cambiantes do mundo.

Nese contexto de perda de poboación, viviremos un colapso da propiedade que vai afectar de maneira notable á nosa ordenación territorial e a un rural en ruínas e abandonado. O gran debate debera ser unha reformulación legal da propiedade que permita á administración a áxil ordenación de núcleos poboacionais ruinosos (rematar coa vergoña de rueiros enteiros a caer porque non se sabe nin quen son os propietarios). O solo, a propiedade, a vivenda e a terra deberan ser pensados en termos do século XXI; os municipios rurais fusionados (empregando calquera outro termo que non soliviante os ánimos) en comarcas e os servizos públicos concibidos para acadar a excelencia do servizo no medio rural. Hai que xerar no rural vivenda barata e calidade de vida para novas xeracións, pero tamén un contexto vital que faga máis atractivo o campo. E ollo, porque eu non estou pensando en recuperar o rural como unha cuestión de identidade: estamos falando dunha enorme cantidade de terra e recursos que poden ser repensados e reorientados cara novos investimentos sociais e económicos.

Por outra banda, a nosa sociedade avanza con rapidez cara unha certa desgaleguización, no sentido da perda de determinados imaxinarios, valores e intanxibles do que o máis evidente é a lingua. Creo que o horizonte, se non o paramos, pode ser a Bretaña francesa actual -un vago sentido da identidade, máis folclórico que outra cousa-, un uso ritual da lingua e un orgullo no gastronómico e no festeiro -é dicir, naquilo que non é conflitivo- pero co sentido cívico anulado. O problema é grande e non se está a abordar de maneira seria, sobre todo porque, nun contexto de crecemento turístico que non vai parar nos vindeiros anos, os gobernos terán a inercia de orientar e confundir deliberadamente a produción cultural cos contidos turísticos. Iso vai levar a unha infantilización, simplificación e estereotipación da nosa identidade que xa comezou. Non só iso: significa perder importantes activos sociais -de cohesión e vertebración- e económicos -a capacidade de xerar produtos baseados nesa identidade, de espazos para a lingua, etc.

Sen embargo, obsérvanse dinámicas creativas importantes, en pequenas iniciativas que abordan dun xeito novo o aproveitamento dos recursos do país e a tecnoloxía, con imaxinación na innovación e calidade na xestión. Estamos falando de iniciativas sociais e empresarias encomiables que funcionan ben porque son dunha nova xeración que supera problemas anteriores. De algunhas destas iniciativas veremos nos vindeiros anos importantes desenvolvementos a nivel nacional e internacional. Os núcleos de activismo da actualidade se cadra non son tan orixinais coma os dos 80, pero están inmensamente máis conectados. Este é un país, aínda que moitas veces pensemos o contrario, cun importante activismo que hai que fomentar aínda en máis ámbitos.

3) Como che gustaría que fose Galiza, idealmente? Como entendes que se pode chegar aí?

Teño unha visión pragmática do país. Gustaríame unha Galicia que mantivese un certo equilibrio territorial, cun territorio ordenado e con estruturas de produción de riqueza moi diversificadas, conforme tamén á diversidade dun territorio pequeno pero cheo de microclimas, de diferencias edafolóxicas, fronteiras distintas, etc. A diversificación fainos resistentes.

Gustaríame unha Galicia coñecida e recoñecida internacionalmente, con capacidade de xeoposicionarse como unha marca internacional que signifique produtos e bens de calidade, vinculados a un desenvolvemento sustentable do planeta; gustaríame tamén que fosemos máis referencia en áreas nas que temos potencialidade, como a medicina, determinados ámbitos tecnolóxicos, a produción agroalimentaria, o sector forestal, o deseño ou a industria cultural. Para construír unha Galicia do futuro debemos ser quen de exportar as historias que soportarán o noso crédito como sociedade, aprender a narralas internacionalmente, localizar socios globais, desenvolvernos en idiomas.

Tamén me gustaría unha Galicia na que a produción cultural do país consiga chegar a unha significativa parte da poboación. Se isto se conseguise, se acadasemos crear un imaxinario noso en moitos niveis, significaría que outros moitos indicadores de progreso social tamén estarían funcionando. Por exemplo, cando se fala da internacionalización da literatura galega, que é moi importante, eu tamén sempre penso no potencial de crecemento interior. Un país no que os nosas tiraxes medias de literatura fosen o triple das actuais, por exemplo, xa sería un país notablemente distinto en moitas cousas, e non só na literatura.

4) Que aspectos e sectores deben ser prioritarios para conseguirmos mellorar como sociedade? Como consideras que se deben garantir servizos públicos universais e de calidade?

Precisamos xente nova. Hai que inverter a espiral demencial na que estamos, no que imos cara un país de vellos, e iso é fatal por moitos motivos. Necesitamos engraxar con mozas e mozos todos os ámbitos sociais e crear espazos para que eles poidan tamén non só adaptarse á sociedade, senón emprender un camiño de innovación. Non é posible facer iso neste momento sen un esforzo público relevante, pero para iso deberan estar os Gobernos e o contexto que creemos, entre todas e todos, para que a base vital e profesional dos nosos mozos. Para iso deberamos ser quen de repatriar xente e importar emigración alí onde sexa preciso. Tamén precisamos políticas fiscais específicas, dominios sobre a administración eléctrica, competencias en representatividade exterior, poñer dunha puñeteira vez orde no caos aeroportuario ao que ninguén se atreve a meterlle man e repensar o sistema educativo. Galicia dispón dunha rede de equipamentos públicos dun gran nivel, pero están sen aproveitar porque non investimos en capital humano nin en servizos.

Os servizos públicos universais e de calidade son a cerna do Estado do benestar; se non se poden manter, unha administración pública perde gran parte do seu sentido. A desconfianza dos cidadáns cara as administracións increméntase cando ten contacto directo con estes servizos públicos e ve cousas como as listas de espera ou as carencias do sistema educativo. Se as administracións non conseguen transmitir eficiencia nos seus servizos non son cribles e é máis difícil chegar a outras cousas.

Outra cousa importante é formar líderes. Ollo, non falo de ditadores ou de autócratas, senón de líderes no sentido de atreverse a sacar a cabeza e asumir as consecuencias. Temos un déficit de xente que decide encabezar cousas, que queira comprometerse (dáme igual con que) e con capacidades para facelo socialmente. Líderes dunha sociedade aberta e tradicionalmente transaccional e consensuadora como a galega. A nosa sociedade penaliza o risco, a innovación e o posicionamento, e iso é algo que debemos transformar desde a educación e a cultura.

5) Que perspectiva tes sobre a Galiza no mundo? Con que espazos e culturas debería profundar a súa relación?

Galicia ten un déficit de imaxe internacional. Isto é moi grave por moitos motivos: desde a posibilidade de xenerar marcos de colaboración no ámbito dos negocios ou a investigación ata a necesidade de ser visibles como salvagarda e protección fronte determinadas accións do Estado. Os galegos deberamos preocuparnos por facernos visibles no exterior, por tecer redes de complicidade e por difundir quen somos e que queremos. Interésanos especialmente o ámbito europeo e, dentro del, o dos países atlánticos, cos que compartimos non só cultura, compartimos cuestións similares a nivel económico, ambiental ou social. Co Brexit, e as súas consecuencias, ábrese un escenario no que deberamos ter un discurso ou reflexión sobre como xogar dentro da Unión Europea.

Aquí hai que desterrar un mito, o dos “países-ponte”, unha babecada política. Non hai países ponte na época de Internet. Nós nunca seremos un país-ponte entre Brasil e Europa, por exemplo, ao igual que o Estado español non é ponte entre Iberoamérica e Europa, por moito que diga a retórica do poder. Por que? No noso tempo quen quere contactar con alguén faino directamente, sen intermediarios. Cando Brasil estaba de moda, mentres os galegos pensabamos en facer as pontes, os cataláns xa estaban instalados con numerosos negocios en Brasil. Que non sabían o idioma? E que? En cantas semanas un latino pode comezar a moverse en portugués do Brasil? Non debemos pensar en pontes, hai que pensar en contactar directamente con quen nos interese, alí onde estea, no idioma que sexa. Dito isto, hai que aproveitar as posibilidades da nosa lingua para potenciar as relacións cos países lusófonos, hai que aproveitar as posibilidades do español para os mercados latinoamericanos (para algo ten que valer que nolo impoñan) e hai que desenvolver moitísimas máis competencias en inglés. Na miña vida profesional teño visto perdidas moitísimas posibilidades laborais de xente perfectamente competente por algo tan estúpido como non moverse en inglés razoablemente. Se falasemos do alemán, aínda sería comprensible, pero cunha lingua tan sinxela e estendida coma o inglés...

Precisamos practicidade e dinamismo. Tamén buscar socios alí onde respecten a nosa identidade e nos recoñezan, e queimar as xustas enerxías en tentar convencer a quen non se deixa convencer. E, por certo, a ninguén por aí fóra lle gusta ver chorar.

6) Para onde deberíamos camiñar colectivamente como país, ao teu ver?

Galicia pódenos frustrar porque ás veces partimos de análises equivocadas, como comparala con Cataluña e o País Vasco. Eses dous países votaron de forma masiva a favor do seu Estatuto na Transición. Galicia operou dunha forma absolutamente estraña, que aínda hoxe ninguén é capaz de interpretar sen botar man dos seus (inevitables) propios prexuízos persoais. Doulle moitas voltas a iso. Debemos ser conscientes que os mecanismos empregados ata o momento non valeron, as estratexias políticas non funcionaron e nunca superaron determinados teitos sociolóxicos nin os superarán. Paremos con elas. Probemos outras. Hai que dar un cambio radical se se quere cambiar de fase.

Non digo que haxa un ‘botón máxico’ que esperte o país, pero si creo que o que falta é unha nova cultura política que reinterprete Galicia alén dos tópicos que nos fixeron crer a nós mesmos e cree un novo modelo de xestión, de autonomía e de progresión na soberanía.

 E hai outra cousa máis. Díxomo Uxío Novoneyra hai moitos anos. A bandeira galega non derramou sangue. Eu interpreto esa frase dese xeito: creo que Galicia non só debe ser unha identidade, senón un referente ético cargado de valores positivos -dentro da pluralidade dunha sociedade aberta- que a xente queira enarborar e defender.

E hai outra cousa máis. Díxomo Uxío Novoneyra hai moitos anos. A bandeira galega non derramou sangue. Eu interpreto esa frase dese xeito: creo que Galicia non só debe ser unha identidade, senón un referente ético cargado de valores positivos -dentro da pluralidade dunha sociedade aberta- que a xente queira enarborar e defender.

 

7) Que representa para ti a soberanía e que impacto ten (ou debe ter) na vida diaria da xente?

Fíxate: para min a soberanía é sobre todo o espírito crítico, a capacidade de ver máis alá do espello, de ser quen de destapar as mentiras construídas durante centos de anos. Mentiras tan instaladas que mesmo xente concienciada non as percibe. Póñoche un caso tan simple como abraiante: cando a miña parella comezou a pensar na idea dun xardín, acudiu aos invernadoiros na procura de plantas ornamentais da nosa zona, que estiveran aclimatadas e, polo tanto, resistentes. Todo o que había nos invernadoiros eran plantas mediterráneas, e os vendedores tomábana por tola. Plantas atlánticas? Para que? Obviamente, o negocio é ter plantas mediterráneas, que morren moito e así hai que mercar e renovar con frecuencia. O resultado é que agora na casa traemos as sementes de plantas galegas desde invernadoiros británicos ou irlandeses, dos espazos atlánticos nos que manteñen soberbios xardíns con plantas aclimatadas. O custo de mantemento reduciuse notablemente e o xardín adáptase moito mellor aos ciclos naturais. A soberanía é iso: decatarse de todo un tecido simbólico de alienación que xa temos tan interiorizado que chegamos a considerar como normal, rebelarse de maneira práctica contra el e volver ser nós mesmos pola sinxela razón de que vai ser máis útil e práctico para todos.

8) Que referentes consideras interesantes e con recoñecemento aínda insuficiente na sociedade?

Debemos construír unha Galicia moderna e diversa, na que no noso imaxinario entren científicos, investigadoras, artistas plásticos, empresarias, líderes sociais, deseñadores, artesáns e labradores. É absolutamente fundamental visibilizar o traballo das mulleres en diferentes ámbitos, porque elas teñen a forza e foron e son o alicerce básico da nosa sociedade, e comezar a construír unha idea de marca-país moderno, con determinados obxectivos. Fíxate que a principios dos 80 isto comezou a acontecer, e non foi debido a unha política pública, senón a unha xeración que, se cadra, non obtivo despois o respaldo para tirar. Debemos reivindicar o talento e a modernidade do país e das súas xentes, pero tamén o enorme potencial do noso patrimonio cultural e facelo chegar dentro da propia Galicia.

9) Cal é o modelo universitario galego que estimas pode ser máis capaz de respostar ás necesidades globais da cidadanía?

A Universidade hai que repensala de maneira radical (algo que é imposible moitas veces polo propio inmobilismo universitario), determinando que é educación, que é investigación e cales son os obxectivos dunha universidade no século XXI. Estámonos a quedar sen profes novos; os alumnos son conscientes, por exemplo, da distancia entre o mundo actual e os seus profes e é moi cantoso. Debemos reinventar a Universidade, construíndo o novo modelo en base á xeración de coñecemento en primeira instancia, e en base a formar cidadáns en segunda instancia, con valores para operar na nosa sociedade.

A estrutura da Universidade por Departamentos, por exemplo, conleva a creación de fronteiras corporativas que non son profesionais. O novo modelo ten que pensar nunha idea máis flexible das estruturas administrativas universitarias, pero tamén das carreiras, que en liñas xerais flexibilice o acceso a distintas áreas de coñecemento.

10) Que modelo de coñecemento e implicación da sociedade galega en relación ao seu patrimonio cultural estimas máis interesante? Como podería ser implementado, desde o teu punto de vista?

O modelo que eu defendo pasa por unha administración pública aberta e dialogante en temas de patrimonio, non opaca nin altiva; todo o mundo sabe perfectamente que a Xunta non pode facerse cargo de todo, e nin sequera é bo. Sabendo iso, que creo que é algo que é compartido pola propia Xunta, deberamos dar grandes pasos adiante en desenvolver novos modelos, por moitas trabas e intereses ocultos, empresariais e corporativos, que presionen na contra. Aí, por exemplo, precisamos unha posición forte da Administración, que non ceda a esas presións.

Creo no traballo de base da sociedade civil, comunidade a comunidade, creando modelos exitosos a nivel comarcal nos que o emporedamento das xentes é básico e fundamental. Son do Barbanza e aí temos unha experiencia moi interesante que, moitas veces, como estamos cheos de tópicos, non vemos. No Barbanza, ou en determinadas zonas da Costa da Morte, detívose a destrución de casas tradicionais de pedra a partir de que houbo xente que apostou con éxito pola restauración a principios dos 90. Os galegos precisan ver para crer, como Santo Tomás. Por iso eu son moito de xerar espazos que se poidan ver, que amosen que algo é posible, por moito traballo que nos dea conseguilo. Debemos avanzar cara un patrimonio no que os cidadáns teñan un papel activo na súa xestión.