1) Que é para ti Galiza, hoxe?

O meu lugar no mundo. Vexo o meu país e tamén inmensas posibilidades de futuro para as persoas que vivimos e traballamos aquí, incluídas aquelas que foron forzadas a marchar por mor da crise.

2) Como consideras que será a Galiza dentro de 10 anos?

Ese futuro a longo prazo depende das galegas e galegos. Das decisións que colectivamente adoptemos e das posibilidades que abran para o noso futuro. Coido existen, neste senso, dous escenarios posíbeis. Un, que todo continúe igual e que Galiza no actual contexto político e económico, no que se están a producir grandes debates, non teña o protagonismo que lle corresponde ficando à marxe das mudanzas que se poidan producir. E outro, sermos quen de tirar proveito do momento histórico no que nos atopamos para superar o marco xurídico e político que nos veu dado en 1978 e abrirmos un tempo novo para o noso país. Iso significa construír unha democracia que rache co réxime herdeiro do franquismo, cunha monarquía que nos mantén súbditas dunha xefatura de estado que ninguén votou, que ten carácter vitalicio e hereditario por dereito de sangue; que mantén a través dunha corrupción enquistada o Boletín Oficial do Estado ao servizo das grandes empresas e tamén cuestionar o piar básico no que se sostén a Constitución, que é a sacrosanta unidade de España.

3) Como che gustaría que fose Galiza, idealmente? Como entendes que se pode chegar aí?

Creo que pode chegar a ser todo o que colectivamente queiramos. Sen límites. Eu desexaría que nos puidésemos dotar das ferramentas que precisamos para desenvolver e modernizar o noso país en termos produtivos, económicos, sociais e políticos. Mais non como un fin en si mesmo, senón como a caixa de ferramentas coa que construír un futuro mellor que non expulse poboación por falta de oportunidades laborais, que garanta unha vida digna a todas as persoas que traballan na Galiza, que blinde os servizos públicos (sanidade, educación, prestacións sociais) como o dereito que son. Iso pasa por ter poder político real sen depender do que outras institucións ou persoas decidan, e para conseguilo hai que superar o marco político e xurídico actual, irremediabelmente.

4) Que aspectos e sectores deben ser prioritarios para conseguirmos mellorar como sociedade? Como consideras que se deben garantir servizos públicos universais e de calidade?

Garantir servizos públicos universais e de calidade require recursos económicos. Isto é así. E o diñeiro das administracións non nace nas laranxeiras senón que sae da riqueza que xeran as traballadoras e traballadores  do país a través dos impostos que pagamos. Sen un desenvolvemento económico endóxeno, é dicir, baseado nos recursos e capacidades propias, non conseguiremos superar a situación actual marcada, sen dúbida, pola perda de poboación activa e un maior avellentamento da que queda. Cuestión que condiciona os servizos públicos que deben prestarse, tamén. Neste senso, os sectores fundamentais para Galiza son os vinculados aos recursos existentes no noso país (agrogandeiro, pesqueiro, silvo-pastoral, hortofrotícola, forestal, produción enerxética,…), sen esquecer todo o vinculado coa creación de coñecemento (I+D+i) fundamental para avanzar como sociedade e coas potencialidades creativas da nosa cultura. Ora ben, é preciso un cambio de modelo encamiñado á transformación e xeración de valor engadido aquí, ao peche de ciclos produtivos, en troca do actual que nos sitúa como fornecedor de materias primas para outros practicamente en exclusiva.

5) Que perspectiva tes sobre a Galiza no mundo? Con que espazos e culturas debería profundar a súa relación?

Vexo a Galiza desaparecida do panorama internacional porque vivimos de costas ao noso espazo natural no mundo. Non quero dicir que non poidamos ter o noso propio protagonismo noutros, mais un país coma o noso, inserido nun sistema lingüístico que o conecta con milleiros de persoas, países, pobos e culturas por todo o mundo (como os que compoñen a Lusofonía), debería aproveitar este feito para se proxectar, en todos os ámbitos. No cultural, no económico, no diplomático. Esta é unha oportunidade absolutamente inexplorada, cando menos formal e oficialmente, en boa medida porque a dependencia política de Galiza a respeito das relacións exteriores españolas así o marca. De novo, volvemos dar coa necesidade de poder político.

6) Para onde deberíamos camiñar colectivamente como país, ao teu ver?

No inmediato, cara á unha pregunta colectiva: é esta a única Galiza posíbel? Temos que rachar con ese conformismo que nos quere facer crer que todo é imposíbel. Dito doutra maneira, rachar coa idea de que as cousas teñen que quedar como están porque son irrompíbeis, irreformábeis. Hai que dar un paso adiante, con valentía. Que o medo non nos faga inmóbiles.

7) Que representa para ti a soberanía e que impacto ten (ou debe ter) na vida diaria da xente?

Representa unha caixa de ferramentas coa que dar ese paso adiante e condición indispensábel para poder mellorar as nosas condicións de vida. Soberanía é poder de decisión. É sermos adultas e non un pobo tutelado. Sen poder político propio ficamos a expensas do que outros queiran e decidan por nós; supeditadas a intereses alleos.

8) Como ves a situación do(s) feminismo(s) na Galiza?

Vexo que é máis necesario ca nunca diante da ofensiva lanzada contra as mulleres polo patriarcado e o capital. A crise económica foi usada como escusa para tentar devolver as mulleres ao tradicional e patriarcal rol de nai e coidadora que supla os recortes e desmantelamento dos servizos públicos. Xunto a iso vemos que lonxe de desaparecer, a violencia machista (física, psicolóxica, simbólica), os estereotipos, mitos e prexuízos machistas perviven e reprodúcense entre as xeracións máis novas e mesmo adquiren novas formas a través das redes sociais, dos novos espazos de socialización ou as novas formas de relación afectivo-sexuais. Malia todo o que se avanzou no plano legal na última década non se conseguiu erradicar. Creo que temos que pór estas cuestións na axenda política, pública (non só institucional) senón nas rúas, e abordarmos de raíz todas as formas de violencia machista e os medios a través dos que estas se (re)producen, a comezar pola educación e os medios de comunicación nun sentido amplo.

9) Cal é a túa opinión sobre o xornalismo existente en Galiza, e para onde debería camiñar, ao teu ver?

Creo que fai falta rachar co pensamento plano que atopamos nos quiosques, na TV, na radio. Con esa leitura única da realidade. Porque, sen pluralidade, o dereito á información, a posibilidade de construírmos unha opinión propia sobre a realidade, non existe. Vou pór un exemplo recente que coido describe cal é o panorama. A xustiza declarou ilegal a decisión que adoptou o Partido Popular en 2009 de tumbar o concurso eólico que o BNG impulsara desde a Consellaría de Industria e que por primeira vez facía partícipe ao conxunto das galegas e galegos da explotación enerxética do noso vento. O 12 de setembro de 2017 soubemos que o Goberno galego comezaba a pagar as indemnizacións impostas, 3 millóns de euros públicos, saídos dos petos das traballadoras e traballadores para pagar unha decisión sectaria do PP. Abriu algunha portada este feito na imprensa hexemónica do noso país? Creo que na Galiza falta un xornalismo de investigación que proporcione unha análise en profundidade do que acontece e liñas editoriais con perspectiva crítica. Non sobran xornais na Galiza, faltan medios de comunicación alternativos. Que teñan máis audiencia os que xa existen, como Sermos Galiza. Mais tamén poderían xurdir outros, televisivos, radiofónicos, dixitais.