Que é para ti Galiza, hoxe?

A terra que me acubillou e o país no que agardo desenvolver a miña vida.

Como consideras que será a Galiza dentro de 10 anos?

Imaxino que será moi similar á Galiza actual, aínda que os desexos fosen outros. A nivel sociopolítico seguirá a ser un país colonizado, dependente do que decida o estado español e subordinado á Unión Europea.

Como che gustaría que fose Galiza, idealmente? Como entendes que se pode chegar aí?

Un país soberano, dono de seu, no que a súa poboación puidese desenvolverse en liberdade, traballar e vivir nesta terra, mais desposuída da opresión da colonización. Que amase a súa lingua propia, a súa cultura, e que coñecese a súa historia, sen manipulacións. Un país desposuído do machismo que nos oprime e que nos asasina, onde as relacións entre as persoas fosen en pé de igualdade. Se queremos facer realidade este soño é preciso acadar un estado independente, dotando a Galiza de competencias, de autogoberno, de decisión sobre os nosos recursos, garantindo unhas prestacións sociais (sanidade, servizos sociais) que teñan en conta a nosa especial situación no mapa (dispersión xeográfica, avellentamento...), implantando un modelo de educación igualitario, coeducativo, non sexista, público e en galego. Mais para levalo a cabo precisamos do apoio social da meirande parte do pobo galego. Aí é onde temos que incidir: no convencemento de que é posíbel e necesario termos un país próprio, no cuestionamento das imposicións, da ocultación da verdade. Afondar nun proceso de descolonización e despatriarcalización que sabemos que non é doado. Precisamos dunha gran resistencia para poder levalo a cabo, porque somos conscientes de que o poder económico vai empregar as institucións públicas e os medios de comunicación, para combater estes folgos de independencia e soberanía.

Que aspectos e sectores deben ser prioritarios para conseguirmos mellorar como sociedade? Como consideras que se deben garantir servizos públicos universais e de calidade?

Para conquerir materializar un novo modelo global de sociedade máis xusto, é preciso dotarmos de políticas feministas e a prol da igualdade, cun enfoque transversal, de xeito que en todos os eidos de actuación e intervención do Goberno galego se incorpore a perspectiva de xénero e se adopten políticas públicas que sexan quen de superar as desigualdades estruturais vixentes en Galiza, pulando por outra organización e uso dos tempos que non sexan discriminatorios, unha política diferente respecto da maternidade e a paternidade e o reparto dos coidados, que atenda á diversidade de familias, unha protección social ampla que contemple dereitos de cidadanía, de residencia, laborais, sociais, sexuais, reprodutivos, onde se promovan medidas reais de conciliación e de corresponsabilidade (alén da mellora da protección social e da cobertura dos permisos destinados ao coidado, que estabeleza a universalización dos servizos públicos de educación infantil e atención á dependencia, comedores escolares, centros de día e unha adaptación dos horarios destes servizos aos novos horarios das unidades de convivencia). De termos soberanía, asumiríamos as competencias para crear xulgados específicos de violencia de xénero cunhas instalacións que garantan a seguranza e a intimidade das mulleres, poderíamos desenvolver un plan de acompañamento, que comprenda a xestión pública dos recursos de acollida, así como o reforzo das axudas económicas, e o estabelecemento de accións de formación e sensibilización en igualdade e prevención da violencia machista nas aulas desde idades temperás. De sermos un país independente contaríamos cun sistema galego de benestar e cunha rede pública de servizos sociais que darían cobertura ás necesidade das persoas que viven en Galiza unha situación de pobreza e exclusión social, asegurando o investimento social que sexa preciso para atender e satisfacer as necesidades destas persoas no noso país, de xeito integral e transversal (a través de políticas de inclusión en materia de vivenda, educación, sanidade, emprego). Asemade, de termos capacidade para escoller a política social do noso país, dotaríamonos dun novo modelo de financiamento en materia de servizos sociais en consonancia cos criterios de avellentamento e dispersión poboacional, índice de dependencia, persoas con discapacidade e emigración de retorno. Potenciaríamos os Servizos Sociais Comunitarios con financiamento da administración pública galega en colaboración cos concellos, mellorando os sistemas de protección social e o acceso aos servizos e equipamentos sociais de calidade.

"O Servizo Galego de Saúde podería e debería ser un dos motores económicos da Galiza, de estar ligado ao coñecemento e á tecnoloxía, como creador de emprego de calidade e promotor mesmo da industria produtiva do país."

En canto á sanidade pública, para prestar unha atención digna á poboación galega é preciso artellar unha política sanitaria centrada nos intereses da saúde da cidadanía e garantindo a asistencia universal para todas as persoas que residan en Galiza (con independencia da súa idade, da súa situación de actividade, etc.), a través da dotación orzamentaria suficiente (se o orzamento sanitario se destina á mellora da sanidade pública, e non ao negocio privado, como até o de agora); reorientando o enfoque, actuando sobre a organización sanitaria integrada na comunidade, que conte cunha estrutura de coordinación de servizos asistenciais e sociosanitarios. O Servizo Galego de Saúde podería e debería ser un dos motores económicos da Galiza, de estar ligado ao coñecemento e á tecnoloxía, como creador de emprego de calidade e promotor mesmo da industria produtiva do país. Dotándonos de soberanía para xestionar os nosos servizos sanitarios, estaríamos en disposición de cubrir as necesidades de atención das persoas máis vulnerábeis do noso país, que son as persoas maiores, dado o envellecemento da poboación galega, mais tamén a das e dos doentes crónicos e as persoas dependentes. E asemade, seríamos quen de garantir o exercicio dos dereitos sexuais e reprodutivos de xeito integral na rede pública galega (dispensa e colocación de métodos anticonceptivos, revisións xinecolóxicas, puerperio, fecundación asistida, interrupción voluntaria do embarazo na rede sanitaria pública galega, ou mesmo a inclusión no catálogo de prestacións sanitarias do tratamento preciso para a reasignación de sexo). A soberanía para Galiza é unha aposta estratéxica para que manteñamos o noso poder de decisión sobre a nosa economía, o noso modelo de benestar, o noso modelo de sociedade. Só con soberanía poderemos actuar sobre os nosos sectores produtivos básicos, frear a destrución de emprego, a emigración da nosa mocidade, a privatización e os recortes nos servizos públicos. Mais demandar soberanía significa tamén para nós loitar contra a imposición dun patriarcado que continúa expropiándonos o poder de decisión sobre as nosas vidas, a través do control dos nosos corpos, da nosa sexualidade, mediante leis punitivas e a imposición dunha arcaica tutela moral. Con soberanía, con capacidade de decidir, teremos as ferramentas necesarias para combater todas estas situacións.

Que perspectiva tes sobre a Galiza no mundo? Con que espazos e culturas debería profundar a súa relación?

Coido que seguimos a ser, en termos xerais, unha sociedade aínda acomplexada, que obvia a riqueza tanto cultural como paisaxística, medioambiental, lingüística, que ten Galiza. Sentimos fachenda do que opinan as persoas estranxeiras que nos visitan, mais vémonos incapaces de recoñecer o lugar destacado que podería ter o noso país no mundo, se quixeramos e puidéramos ser soberanas e soberanos para decidir por nós mesmas. Só cando alguén vén de fóra e destaca o noso poder enerxético, a nosa capacidade para producir alimentos, os nosos oficios, a riqueza das nosas rías, o valor do noso patrimonio, a gastronomía, ou o feito de termos un idioma propio que nos permitiría falar con preto de douscentos cincuenta millóns de falantes no mundo, decatámonos da potencialidade  que ten o noso país. É vital que, dunha vez por todas, potenciemos a nosa relación tanto económica como cultural con Portugal, e manteñamos unhas relacións internacionais en pé de igualdade con outras nacións do mundo.

"Precisamos do apoio social da meirande parte do pobo galego. Aí é onde temos que incidir: no convencemento de que é posíbel e necesario termos un país próprio, no cuestionamento das imposicións, da ocultación da verdade. Afondar nun proceso de descolonización e despatriarcalización que sabemos que non é doado."

Para onde deberíamos camiñar colectivamente como país, ao teu ver?

Cara unha Galiza na que as súas cidadás e cidadáns recoñezan como propia a lingua e a identidade que nos diferencia do resto de habitantes do mundo. O día que deixemos de ser minoría as persoas que nos identificamos como galegas e galegos, que aprendamos a valorar o que somos, poderemos estar en condicións de garantir un futuro para esta terra nosa.

Que representa para ti a soberanía e que impacto ten (ou debe ter) na vida diaria da xente?

Falar de soberanía engloba a defensa da terra, a reivindicación dos dereitos lingüísticos, cívicos e políticos, o control dos nosos recursos e bens. Falar de autodeterminación é falar da capacidade para decidir sobre as nosas vidas, sen ataduras e sen estar sometidas e sometidos a decisións alleas. Os intentos da dereita e do poder económico de tutelarnos, de desposuírnos dos nosos dereitos máis elementais como pobo, de negarnos a nosa identidade tamén como suxeito político, presupoñéndonos como seres incapaces para decidir, non fan máis que afortalar a necesidade de impulsar medidas que avancen cara á transformación social, desde a superación do sistema patriarcal, transformando a orde estabelecida, asegurando o dereito universal ao traballo, a producir na nosa terra, a non emigrar, o dereito universal á sanidade, o acceso aos servizos sociais públicos e a unhas políticas de igualdade que doten a nosa sociedade dunha maior cohesión social, propiciando as condicións para estar máis preto de acadar xustiza social para toda a clase traballadora galega.

Que referentes consideras interesantes e con recoñecemento aínda insuficiente na sociedade?

Hai un gran descoñecemento da historia propia do país. Nas escolas imponse unha historia deturpada, que afecta desde a toponimia ao recoñecemento de que fomos un reino, que vulgariza os nosos referentes culturais e ideolóxicos como Rosalía de Castro ou Castelao, desposuíndoos do seu valor revolucionario e ficando só coa súa imaxe reducida á icona, dispoñíbeis para a súa comercialización ao antollo do capitalismo. A historia de Galiza, como acontece coa historia das mulleres, segue a ser unha historia silenciada, obviada e manipulada por parte do colonizador estado español, mais tamén, coa colaboración cómplice da elite política galega.

Cal é a túa opinión sobre o sindicalismo en Galiza, e cara onde consideras que debería camiñar?

Cando na década dos setenta, no medio da crise económica e política xurdida nos últimos anos da ditadura franquista, xurdiu a idea de constituír un sindicato próprio, nacionalista, con presenza en varios sectores, autoorganizado, froito dunha análise marxista, poucas persoas podían previr que corenta anos despois, a CIG sería a organización sindical con máis afiliación e representación do país, unha organización plenamente consciente do papel colonial que ten Galiza no marco do estado español e das condicións específicas do noso proletariado (salarios baixos, precariedade laboral, baixo peso do sector industrial, unha elevada emigración, un país no que continuamente se espolian os seus recursos, desde a enerxía até os aforros ou mesmo a industria...) O sindicalismo nacionalista segue a ser a ferramenta alternativa que dá resposta a esta realidade específica da clase traballadora galega. O noso modelo sindical é ruturista, de combate, de confronto co poder, afastado de políticas pactistas, que racha coa visión centralista e homoxeneizadora e negadora desta realidade propia que teñen o resto das centrais sindicais que actúan no país. A loita das traballadoras e dos traballadores galegos pola súa liberación como clase, está -e debe seguir estando- ligada á loita pola soberanía como pobo. Debemos seguir á fronte das loitas sociais, encabezando a conflitividade social, na negociación colectiva, no combate á precariedade, á desigualdade e ás discriminacións, e para iso é preciso reforzar o asemblearismo, a participación e o reforzo da organización, para avanzarmos na conquista dos nosos dereitos e na transformación da sociedade galega.

"O sindicalismo nacionalista segue a ser a ferramenta alternativa que dá resposta a esta realidade específica da clase traballadora galega."

Fálanos da túa perspectiva sobre o(s) feminismo(s) existente(s), e os modelos sociais que estimas interesantes implementar no presente e futuro…

Coido que estamos nun momento doce, mais ao tempo, perigoso. Doce, xa que son tempos nos que é doado chegar coa nosa mensaxe a certos sectores sociais, como é o caso da mocidade, unha xeración que aparentemente está desposuída dos esforzos das súas antergas para alcanzar os seus dereitos, mais é sensíbel ás demandas do feminismo e ten ganas de mobilizarse. Perigoso, porque tras esa xeración está presionando o capitalismo, moi teimudo á hora de descafeinar a ideoloxía da loita e do combate, e obter beneficios dela. A mellor imaxe témola nas pasarelas de moda, cando os lemas reivindicativos se comercializan, cando desde os medios de comunicación se espalla unha imaxe interesada de cal debe ser a mensaxe, absorbendo o discurso da igualdade con intencións lucrativas, a nível icónico e fuxindo do conflito. Dese xeito non cuestionamos o sistema, senón que sentímonos cómodas nel, desde a nosa perspectiva de mulleres brancas, heterosexuais, europeas, cosmopolitas e cidadás do mundo. Fannos crer que formamos parte dunha inventada clase media, que goza de oportunidades e dunha calidade de vida que non gozaron as nosas nais e pais, cando a realidade dista moito disto.

"A meirande parte das galegas somos explotadas laboralmente, precarias, mercantilizadas, cousificadas e mesmo agredidas por parte dun sistema patriarcal que mesmo se apropia da nosa loita para continuar arraigándose en todas nós."

Non nos decatamos de que a meirande parte de nós vivimos na periferia, nas marxes desa visión idílica. De que a meirande parte das galegas somos explotadas laboralmente, precarias, mercantilizadas, cousificadas e mesmo agredidas por parte dun sistema patriarcal que mesmo se apropia da nosa loita para continuar arraigándose en todas nós. De que nos concentramos principalmente en sectores e profesións tradicionalmente femininas, unha segregación que conleva salarios máis baixos que naqueles sectores nos que son os homes os que teñen unha presenza maioritaria. De que a meirande parte dos contratos que asinamos son a tempo parcial, moitos deles duran menos dun mes, mesmo unha semana. De que temos máis dificultades para conciliar a vida profesional e a vida privada, o cal prexudica a nosa carreira profesional. De que cada vez somos máis as que percibimos ingresos inferiores ao salario mínimo. De que temos máis dificultades para promocionar no traballo. De que temos pensións máis cativas ca os homes e moitas de nós nin sequera chegaramos a ter acceso á contía mínima. De que miles de mozas teñen que emigrar da Galiza para evitar o desemprego ou para non teren que incorporarse aos traballos non cualificados, temporais e mal pagos que se lles ofrecen. De que son demasiados os traballos precarios que seguen a realizar moitas mulleres sen dereitos laborais nin sociais. De que asumimos de xeito maioritario unha dupla ou tripla xornada dentro e fóra do fogar, pola falta de corresponsabilidade nos coidados. De que solicitamos excedencias durante anos para coidar as crianzas ou a familiares dependentes. De que a meirande parte de nós somos acosadas nalgún momento no traballo, por pretender exercer os nosos dereitos, ou polo mero feito de sermos mulleres.  E todo isto sucede, porque aínda que algunhas neguen dita opresión, seguimos a vivir nun sistema de relacións sociais instaurado polos homes oprimindo ás mulleres, apropiándose da nosa forza produtiva e reprodutiva, dos nosos corpos e produtos, xa sexa con medios pacíficos ou mediante o uso da violencia. Un sistema que favoreceu o acceso dos homes aos órganos de poder de decisión, e estes, á vez, para manterse no poder, mantiveron e desenvolveron até a actualidade ditas prácticas en todos os países do mundo, dos que Galiza non escapa.

"En demasiadas ocasións vémonos arrastradas por dinámicas estatais, reproducindo convocatorias  descontextualizadas aquí, cando deberíamos ter unha dinámica propia, centrada na realidade e as necesidades das mulleres galegas."

A opresión sexista non é unha forma illada de opresión, que unha vez solucionada, trae consigo a liberación da muller, senón unha das formas que a explotación adopta, entre as que tamén hai que incluír o racismo, a xenofobia, a pobreza, a fame, a enfermidade e o dominio cultural. E as respostas e que desde as distintas correntes do feminismo se dan a estes problemas son diversas. Por iso é importante manterse firme e non deixarse arrastrar por quen pretende a uniformidade da nosa loita, e facer do feminismo un movemento unitario. A verdadeira unidade non require dunha fusión que dilúa os matices dentro dunha corrente dominante que volva a esta homoxénea, senón aceptar e respectar a autonomía da análise e da acción. Os feminismos precisan de apelidos, porque os teñen. Eu aposto polo feminismo de clase como resposta. E avogo pola diversidade. En demasiadas ocasións vémonos arrastradas por dinámicas estatais, reproducindo convocatorias  descontextualizadas aquí, cando deberíamos ter unha dinámica propia, centrada na realidade e as necesidades das mulleres galegas. Tamén é fundamental termos unha posición antiimperialista, denunciar a situación das mulleres en todos os territorios do mundo, poñendo especial énfase nos conflitos bélicos e na situación que afrontan as mulleres do chamado terceiro mundo, mesmo condenando cando sexa preciso  as intervencións humanitarias internacionais que o que fan é maquillar o que fai o Banco Mundial e o Fondo Monetario Internacional. Debemos ter unha postura anticapitalista, porque a opresión e a subordinación das mulleres está planificada para favorecer ás clases dominantes que sustentan este sistema. E ao tempo, unha posición eminentemente galega, que teña en conta a nosa problemática, a discriminación lingüística, económica, política, a globalización e a colonización do noso país.