1) Que é para ti Galiza, hoxe?

O meu país, o lugar onde vivo, onde traballo. O país que construímos todos os días miles de galegas e galegos, que nacemos aquí ou que aquí chegamos desde Arxentina ou desde o Senegal… mais que agora todas xuntas nos sentimos galegas de nación porque fronte a aqueles que din que non se senten de ningunha parte, eu reivindico a cidadanía das que buscan xeitos de anclarse ao territorio, ao pensamento, ao noso xeito de ser e de sentir e de entender o mundo.

2) Como consideras que será a Galiza dentro de 10 anos?

Quero pensar que máis libre, máis dona de si. Unha nación orgullosa das súas potencialidades e capacidades.

Non quero pensar que seguiremos padecendo políticas impostas que nos condenan inexorablemente á precariedade, á pobreza, á emigración e á intranscendencia.

Non quero pensar que seguiremos padecendo políticas impostas que nos condenan inexorablemente á precariedade, á pobreza, á emigración e á intranscendencia.

3) Como che gustaría que fose Galiza, idealmente?

Unha nación que busca as solucións para os seus propios problemas. Ninguén mellor que o pobo galego para diagnosticar a situación e para traballar na procura das respostas axeitadas. Esa Galiza na que as galegas todas acreditaran que “non virá de fora remedio ou esperanza” porque cómpre xa máis cedo que tarde apostar, no pensamento e na acción, por decidir nós sobre o noso. A palabra clave é SOBERANÍA, capacidade para gobernarnos.

Como entendes que se pode chegar aí? Para chegar aí cómpre un traballo feito coa intelixencia de moita xente, de todas aquelas persoas que comparten esa idea de que nos estamos xogando o futuro no xeito de entender e actuar no presente.

Precísase un traballo que sume xentes diferentes nun proxecto común: unha Galiza soberana, dona de si.

 

4) Que aspectos e sectores deben ser prioritarios para conseguirmos mellorar como sociedade?

A creación de emprego de calidade é un aspecto fundamental e para iso cómpre poder decidir sobre a base produtiva e económica de Galiza para crear emprego adecuado ás nosas potencialidades e capacidades. As galegas e galegos só queremos vivir dignamente do noso traballo, do que sabemos facer porque sabémolo facer ben, xa falemos de producir leite, pescar ou construír barcos e xunto a isto cómpre medrar en emprego industrial. Mais para facer isto posible necesitamos unha Facenda Galega, coa que facer uso pleno dos nosos recursos económicos para crear emprego e riqueza.

Agás o BNG as demais forzas políticas séntense cómodas cun sistema inxusto que fai que os galegos e galegas sexamos eternamente “menores de idade” e decida o Estado o que a nós “nos convén”. Vese moi claro, por exemplo, nun aspecto moi ligado á creación de emprego industrial, no prezo da enerxía eléctrica. Galiza paga os custos medioambientais de producir enerxía, de transportala mais logo ninguén quere esixir unha tarifa eléctrica galega e nesa reivindicación as nacionalistas sempre quedan soas.

 

5) Como consideras que se deben garantir servizos públicos universais e de calidade?

Cómpre que Galiza exerza en exclusiva a planificación, dirección e xestión dos servizos públicos para dar adecuada cobertura ás nosas especificidades e necesidades.

Falemos, por exemplo, de sanidade; levamos anos padecendo a política sanitaria do Partido Popular dedicada a facer negocio coa enfermidade das persoas. Cómpren políticas que devolvan á sanidade 3.000 profesionais para restabelecer un modelo de sanidade pública, universal, de calidade e gratuíta. Unha sanidade financiada por quen máis diñeiro teña e non quen máis enfermo estea e igual poderiamos falar no ensino ou nos servizos sociais.

 

6) Que perspectiva tes sobre a Galiza no mundo? Con que espazos e culturas debería profundar a súa relación?

Dicía Johán Vicente Viqueira: “Canto máis lonxe da terra máis galego son! Non foi en París, en Berlín e en Londres onde máis chorei a nosa decadencia? Era que alí sentía o que podiamos valer. Os nosos chamados cosmopolitas teñen que aprender a ollar para o mundo! Daquela faranse galeguistas” Esa é a idea, queremos ser nós e ollar, autonomamente, o mundo desde nós. Coñecernos, valorarnos e mirar para o mundo de igual a igual e nese sentido os países que forman iso que chamamos “lusofonía” (aínda que xa oín chamarlle galegofonía) e que comparten con nós unha lingua deberían ser os irmáns cos que profundar no común, a lingua. Ese achegamento sería tamén unha ferramenta para recuperar o orgullo e a dignidade da nosa lingua en todos os ámbitos e con el o de sermos galegos e galegas. É este un obxectivo de primeira orde, porque de non facelo así non só corre perigo o idioma senón o futuro de Galiza como pobo diferenciado e o dos galegos e galegas porque nunha lingua están a maneira de ser e de pensar dun pobo, a verdadeira alma do pobo. A lingua galega é un dereito irrenunciábel (individual e colectivo) do pobo galego.

Esa é a idea, queremos ser nós e ollar, autonomamente, o mundo desde nós. Coñecernos, valorarnos e mirar para o mundo de igual a igual e nese sentido os países que forman iso que chamamos “lusofonía” (aínda que xa oín chamarlle galegofonía) e que comparten con nós unha lingua deberían ser os irmáns cos que profundar no común, a lingua. Ese achegamento sería tamén unha ferramenta para recuperar o orgullo e a dignidade da nosa lingua en todos os ámbitos e con el o de sermos galegos e galegas.

7) Para onde deberíamos camiñar colectivamente como país, ao teu ver?

Non é tanto cara onde como ese “colectivamente”, camiñar acompañadas, axudándonos, compartindo, construíndo con todas aquelas persoas que queren que Galiza avance.

Seguramente existen moitos puntos de unión con xente moi diversa e nese sentido a cultura e a lingua poden ser a argamasa que permitan sumar moita xente a un proxecto común. A cultura galega podería ser o motor que permitise crear emprego e tamén o espello no que mirarnos. Porque somos un pobo con cultura propia e esta é a expresión máis visíbel do que somos e de como entendemos o mundo. Na cultura e na lingua está a intelixencia colectiva dun pobo e serán esas as ferramentas que nos permitan avanzar xuntas.

 

8) Que representa para ti a soberanía e que impacto ten (ou debe ter) na vida diaria da xente?

Galiza precisa como a auga de maio gobernarse a si mesma, decidir nós sobre o noso. Desde nós e para nós. Cando falamos de soberanía á xente debe saber que falamos das cousas de comer. E fronte a eses que din que as nacionalistas non facemos máis que queixarnos e pedir, nós somos moi claras, moi rotundas, non pedimos nada a “Madrid”, só queremos buscar nós as solucións para os nosos problemas, só queremos vivir do noso traballo. Non queremos roubarlle nada a ninguén, mais tamén temos o dereito (e o deber) de esixir que ninguén entorpeza o noso camiño, que ninguén nos roube o futuro.

Fronte aos que alimentan esa mentira de que resistimos grazas á solidariedade de España, ese mito ruín, puro veleno, un embuste, un engano... nós queremos autorresponsabilizarnos, queremos planificar e decidir o que queremos libre e democraticamente ser porque somos unha nación e queremos exercer como tal. Con toda plenitude. Sen límites.

 

9) Que referentes consideras interesantes e con recoñecemento aínda insuficiente na sociedade?

Existen figuras fulcrais no noso país, Castelao ou Alexandre Bóveda, calquera dos dous moi pouco recoñecidos e polo tanto o seu contributo ao progreso deste país claramente minusvalorado. Poderiamos nomear as xentes das Irmandades, que cunha claridade e unha forza inusitada marcaron hai cen anos o camiño, pór en valor o pensamento e dar a coñecer o traballo realizado por estas mulleres e homes, que tiveron fe no noso pobo, porque sabían que o noso pobo tería fe neles é fundamental. De todos os xeitos, cómpre lembrar que temos que construír Galiza cos alicerces do pasado mais tamén, e sobre todo, coa enerxía, coa forza, co talento do presente.

 

10) Que papel deberían xogar as perspectivas do feminismo na sociedade, ao teu ver?

O feminismo está máis vivo que nunca e é, xunto co nacionalismo, o movemento máis transformador e, polo tanto, o que máis parece molestar ao sistema. Hoxe o feminismo é capaz de teorizar mais tamén de actuar sobre a idea de que precisamos unha sociedade feminista e que cómpre loitar na rúa e nas institucións contra as visións androcéntricas e patriarcais da sociedade. Que hai máis revolucionario que traballar para que desaparezan os privilexios dalgúns e que todas as persoas sexamos cidadás de primeira?

O feminismo ten que ser unha chave de acceso a unha sociedade máis xusta que traballe pola igualdade real de dereitos. Foi o movemento feminista quen primeiro dixo que o persoal é político e que cómpre un cambio de estruturas e de modelo total.

É necesario inserir transversalmente as perspectivas feministas en todos os ámbitos. Non sei a quen lle oín que o feminismo tiña que ser o orballo que o empape todo, esa é a idea, feminismo que nos atravesa e nos empapa.

 

11) Como entendes que debería ser o sistema de ensino, e que camiños debería tomar de aquí a cinco anos?

A nosa sociedade precisa unha educación de calidade para a totalidade da poboación en idade escolar que garanta o acceso ao saber a todos os nenos e nenas, a todos os xoves, unha educación capaz de conxugar comprensividade e diversidade, convivencia e liberdade, igualdade e calidade. Este é o grande reto, non por difícil inabordable e sumando esforzos ser capaces de conseguir unha educación que sexa semente dunha sociedade máis xusta e solidaria. Mais iso só se pode facer desde un ensino público co apoio e os orzamentos necesarios para que sexa unha verdadeira ferramenta de igualación social.

Cómpre crear un novo modelo educativo que posibilite que Galiza teña competencias exclusivas para que, desde Galiza e para Galiza, poidamos artellar un sistema educativo axeitado á nosa realidade que nos poida equiparar a esa Europa socialmente máis avanzada da que Galiza sempre participou.