Que é para ti Galiza, hoxe?
Cando penso en Galiza teño na cabeza a paisaxe, unha natureza rica e espléndida. Entédese que eu veño dunha terra seca, dun país do Sahel. Galiza é un pais hospitalario. E creo que este país melloraría a vida da súa xente se esa xente tivera máis poderes para decidir sobre o territorio e sobre as súas vidas.

Como consideras que será a Galiza dentro de 10 anos?
De non producirse uns cambios políticos de carácter progresista, parece que as cousas irán a peor. O país precisa unha mellora real no económico e no social. Esa mellora debería empezar polo territorio, por unha política de dinamización do mundo rural. Unha revalorización do traballo dos labregos, dos gandeiros e dos mariñeiros. Tamén precisa unha política de verdade cara a frear o avellentamento da poboación. Son dúas cuestións urxentes. Pero hai máis. Debería frear a fuga de cerebros, esa emigración da mocidade. Se todo isto segue igual, Galiza dentro de dez anos terá retrocedido no ámbito económico no social e mesmo no cultural.

Como che gustaría que fose Galiza, idealmente? Como entendes que se pode chegar aí?
Gustaríame que este fora un país no que a xente, toda a xente, vivira ben, un país avanzado e rico. Isto é, un país coa mellor educación do mundo e coa mellor sanidade do mundo. Ao nivel de calquera estado nórdico. Unha gran nación que acollera inmigrantes e lles permitira desenvolver unha vida plena. Desgraciadamente, nesta cuestión hoxe non hai exemplo do que botar man. Para chegar até aí, precísanse políticas e políticos progresistas e demócratas que realmente se tomen en serio o benestar da poboación. Isto é o ideal. Son optimista, mais vexo os obstáculos. Non sei canto nos achegaremos a ese ideal no transcurso da miña xeración. Pero a historia ten cursos imprevistos.

Que aspectos e sectores deben ser prioritarios para conseguirmos mellorar como sociedade? Como consideras que se deben garantir servizos públicos universais e de calidade?
Xa dixen que a educación e a sanidade son os servizos públicos nos que calquera sociedade que queira avanzar necesita mellorar. No caso de Galiza, o sector primario é tamén clave. Un sector primario forte e unha educación e unha sanidade sólidas teñen efectos beneficiosos sobre toda a sociedade. Se eles melloran, mellora todo o demais. Respecto á segunda cuestión, tamén dixen máis arriba que fan falta políticas e políticos responsables e que traballen polo benestar. O primeiro problema do Estado español, en canto á xestión do público, é a corrupción. E a corrupción inflúe sobre a transparencia do sistema e sobre a súa eficacia. Eliminar a corrupción sería pois un paso imprescindíbel para ter servizos públicos de calidade.

Que vínculos existen, para ti, entre Galiza e Senegal?
Non hai unha relación diplomática ou comercial directa. Pero si que existe unha relación humana desde hai décadas. Eu, e moitos dos meus compatriotas que levan aquí case 30 anos, sentímonos ben recibidos neste país. Por iso me gusta definirnos como senegalegos. As senegalesas e senegaleses arraigamos aquí. A segunda xeración, as fillas e fillos dos inmigrantes, estará totalmente integrada. Son galegas e galegos coma calquera. A min o que me preocupa é que relación establecerán co Senegal. Preocúpame que perdan a cultura e que perdan o interese polo país das súas familias de orixe. Nos chegamos aquí para axudar ao Senegal. Elas e eles terían que facelo. Non ao mesmo nivel, por suposto. Porque non terán que sacrificar as súas vidas nin terán a mesma experiencia do Senegal.

Como sentes a túa identidade actual, e que opinión tes sobre as políticas migratorias actuais?
Síntome senegalego. Vivo, na medida das miñas posibilidades, en dúas culturas. Cando marcho alá a ver a miña familia, boto de menos algunhas pequenas cousas de aquí, costumes nas que arraiguei, como tomar un café ou ler os xornais. Cando estou aquí, boto de menos estar nas celebracións cos meus. Aquí celebramos o Ramadán ou a Festa do Cordeiro, pero son lembranzas. Hoxe teño unha visión máis clara do que é Europa e o mundo. Nalgún punto son máis pesimista. Vexo que os homes e os países teñen os mesmos defectos en todas partes. Noutros aspectos reforcei algunha idea. Aquí a xente traballa duro. Hai que traballar duro, en calquera parte, para chegar a algo. Para min ser senegalego é dar a coñecer aos senegaleses e ir contando cousas, e valores, coas que podemos axudar a que esta sociedade mellore; por exemplo, o trato ás persoas maiores. Para min é difícil de entender que calquera maior viva só. Esa sería unha perspectiva da vida senegalega. Sobre a política migratoria de España, condeno os CIE, onde os sen papeis son maltratados. Non son xustas as normas para chegar a ter a nacionalidade porque leva demasiados anos conseguila. Europa é insolidaria con Asia e África e por iso nin frea nin organiza a emigración. Europa non consegue evitar conflitos nin éxodos masivos. Os problemas da emigración son consecuencia das malas políticas de Europa cara o resto do mundo.

Que representa para ti a soberanía e que impacto ten (ou debe ter) na vida diaria da xente?
A soberanía tense cando se ten independencia política e económica. Nun espazo democrático, debe servir para unha mellora en todos os ámbitos da vida dun país e das relacións con outros. Nun espazo democrático significa que a forza pasa das elites ao pobo, con representantes que serven aos intereses do pobo e aumentan a experiencia de liberdade. A independencia económica é a outra fonte da liberdade.

Que referentes consideras interesantes e con recoñecemento aínda insuficiente na sociedade?
Gustaríame que na Galiza fosen máis e mellor coñecidos dous intelectuais de referencia no Senegal como Leopold Sédar Seghor e Cheikh Anta Diop, entre outros. Son dúas figuras de relevancia internacional e que dixeron moitas cousas sobre a necesidade de recoñecer ao outro e camiñar da man cara a unhas relacións de paz. No caso de Cheikh Anta Diop tamén dixo moito sobre a historia dos negros e deu un exemplo persoal de loita contra o fraude intelectual dos colonizadores que promovían a falsificación da historia africana.

Que cres que deberíamos ter en conta, aquí en Galiza, sobre Senegal, para aprendermos a ter un mundo diferente?
Algo xa dixen máis arriba sobre como mirar aos maiores, por exemplo. Engadirei unha cousa máis que me parece importante: nos emigramos, nos abrímonos e arraigámonos, fixemos esforzos por coñecer ao outro. É bo para calquera nación facer esforzos por coñecer ao outro. Recoñecer que somos diferentes, pero que esa diferenza non ten que significar rexeitamento. Somos complementarios.