Que é para ti Galiza, hoxe?

Case podería dicir, e dame vergoña dicilo, como Isaac Díaz Pardo, que é certamente unha nación, pero escarallada. Explico esta afirmación, que puidera semellar moi pesimista, pero é realista, pois tal é como a percibo, cando vou dende Euskal Herria, unhas cinco veces ó ano, e resido nunha bisbarra concreta do Sul de Lugo, onde nacín e me criei, o Val de Quiroga. Esa zona e o sur de Lugo en xeral está deixada da mao dos deuses e dos mortais. Un envellecemento galopante, un despoboamento tremendo do rural, un subdesenvolvemento económico, a falla completa de industrialización, a inexistencia dunha planificación forestal e a emigración da xuventude fan que se poida considerar unha bisbarra en derrubamento por liquidación. Certamente outras bisbarras e colectivos sociais son máis dinámicos e, polo tanto, a miña apreciación inicial habería que matizala.

Como consideras que será a Galiza dentro de dez anos?

Non creo que mellore moito, máis ben empeore a situación, pois de non poñerlle remedio urxente aos problemas que mencionei, o barco naufragará ineludiblemente. Dende logo, co actual goberno galego e a dependencia absoluta a respecto do Estado español a conxuntura non vai mellorar. Na conxuntura actual Galiza fica marxinada, silenciada e aparcada en todos os debates encol dun cambio da estrutura territorial do Estado e o xefe do goberno galego semella atoparse missing e cos ollos postos na capital do oso e do érvedo.

Dende logo, co actual goberno galego e a dependencia absoluta a respecto do Estado español a conxuntura non vai mellorar

Como che gustaría que fose Galiza, idealmente? Como entendes que se pode chegar aí?

Unha Galiza ceibe, soberana, republicana, dona do seu destino, libre, com máis xustiza social e distributiva, con fachenda de seu, industrializada, economicamente desenvolvida, con aproveitamento axeitado dos seus recursos gandeiros, agrarios e forestais, sen emigración, galegofalante, con unha equilibrada distribución poboacional e territorial, con recuperación do rural, orgullosa do seu idioma e cultura, menos alienada, sen complexo do colonizado, sen caciquismo, con aprecio do propio e sen desprezo do alleo, aberta ao mundo e á diversidade, sen perder o seu. Chegar a este ideal entendo que é difícil, pero dende logo polo camiño que até agora se andou, non é posible. Penso que se debe cambiar totalmente de rumbo, sobre todo nos eidos demográfico, económico, social, educativo, cultural, lingüístico e sanitario. Debemos loitar todos xuntos polo imposible para acadar o posible. Das utopías sempre fica algo.

Que aspectos e sectores deben ser prioritarios para conseguirmos mellorar como sociedade? Como consideras que se deben garantir servizos públicos universais e de calidade, tendo en conta, especialmente, a túa experiencia vital en Euskadi?

Facer comparacións con Euskadi é problemático, porque Euskadi partiu xa dende o século XIX e antes dunha situación moi diferente e os modelos non son exportables dun país a outro. Euskadi contou con recursos que soubo desenvolver, con un autogoberno dende a baixa idade media, que perdeu en 1876, coa perda foral, pero con fiscalidade propia, o concerto dende 1878, cunha burguesía propia que apostou polo país, cunha igrexa que defendeu a cultura e a lingua autóctonas, cunha conciencia nacional xeneralizada, unha nación orgullosa e acérrima en defender o seu como demostrou nas machinadas dos séculos XVI, XVII e XVIII, as carlistadas do XIX, a guerra civil de 1936 e a loita antifranquista e posterior. Certamente Euskadi conta cunha enorme vantaxe, o concerto económico, que lle permite unha administración máis cercana e honesta de cara a cidadanía e uns meirandes recursos, que pode dedicar a cuestións sociais como a educación, a sanidade e a protexer os máis desfavorecidos, que contan coa RGI (renta de garantía individual). Os sectores e aspectos para min prioritarios, tal como os vexo cando vou a Galiza, son: o envellecemento da poboación, o despoboamento do rural, o abandono forestal, a falla de industrialización, a emigración xuvenil, o aproveitamento agrario e o déficit sanitario.

Os sectores e aspectos para min prioritarios, tal como os vexo cando vou a Galiza, son: o envellecemento da poboación, o despoboamento do rural, o abandono forestal, a falla de industrialización, a emigración xuvenil, o aproveitamento agrario e o déficit sanitario

Que perspectiva tes sobre a Galiza no mundo? Con que espazos e culturas debería profundar a súa relación?

Calquera relación que se estabeleza en calquera eido con outras nacións e espazos xeográficos do mundo, especialmente cos máis próximos, é positiva, porque a visión de Galiza fóra é ou descoñecida, ou manipulada ou deturpada. Eu podo comprobar isto en Euskal Herria. O ano pasado demos un recital poético musicado vasco-galego co gallo da homenaxe anual en Oiartzun a Concha Murguía, nai de Manuel Murguía e sogra de Rosalía. Recitamos sete poemas de Rosalía de Castro e descubriron os ouvintes vascos unha Rosalía totalmente diferente da que eles pensaban que era. Fronte a unha Rosalía chorona e morriñenta descubriron una Rosalía comprometida social e nacionalmente con Galiza, reivindicativa, feminista, denunciadora, que apostaba por unha nación soberana, libre e xusta. O mesmo aconteceu este ano cos poemas de Manuel Antonio, Amado Carballo, Iglesia Alvariño, Luís Pimentel, Álvaro Cunqueiro, Luís Seoane e Celso Emilio Ferreiro. Ademais, na ofrenda floral falei de Alexandre Bóveda e os ouvintes puxeron os ollos abraiados como pratos ao decatarse da firmeza moral, o amor á patria, a grandeza ética e a altura épica deste persoeiro. E no ano 2016 outro tanto sucedeu con Manuel María. Xa hai relacións no terreo musical, literario e político, pero hai que amplialas e robustecelas neses eidos citados e traspasalas tamén a outros eidos. É unha mágoa, por exemplo, que os encontros Galeusca de escritoras-es deixasen de celebrarse dende hai tres anos.

Que representa para ti a soberanía e que impacto ten (ou debe ter) na vida diaria da xente?

O primeiro chanzo que debe posuír unha nación é a súa soberanía. Sen ela unha nación non é nada. É un principio simplemente democrático: a liberdade. Despois vén o benestar social, xusto e equitativo, das persoas que habitan esa nación. Este é o segundo chanzo. Os dous deben ir unidos e deben ser interdependentes. Se se acada o primeiro, pero se incumpre o segundo, prodúcese un desencanto xeneralizado, unha frustración e un desengano, que pode inducir a unha reacción ou volta atrás. Unha nación soberana, por moi pequena que sexa territorialmente, se o propón, sempre atopa recursos para procurar o benestar dos seus habitantes. Disto hai numerosos exemplos na historia.

O primeiro chanzo que debe posuír unha nación é a súa soberanía. Sen ela unha nación non é nada. É un principio simplemente democrático: a liberdade

Que papel xoga (ou debería xogar) a historia (e a memoria histórica) na sociedade vasca e na galega?

Os demócratas debemos reivindicar a memoria para facer xustiza, erguer a pesada lousa do terror e do silencio e non sufrir un alzheimer colectivo, primeiro paso para que os pobos desaparezan no mar insondable da historia. A verdade pode resultar incómoda para algúns, pero o esquecemento mata e é un atranco insalvable para a saúde e a dignidade dunha sociedade que se di madura e democrática. A amnesia que acompañou á restauración da democracia e a falla de iniciativas para recuperar a memoria histórica tivo como resultado un empobrecemento da democracia e abonou o terreo ás tendencias autoritarias. A recuperación da memoria é urxente, pois a historia, ás veces, non ten tempo para ser xusta. Os usufrutuarios sociolóxicos do franquismo e herdeiros ideolóxicos dos represores atoparon o camiño da memoria desbravado de xustiza. O dereito á verdade, á xustiza e á reparación deben estar presentes en calquera proceso de superación dun pasado ateigado de violacións dos dereitos humanos. Non pode cimentarse o futuro sobre un pasado sen estañar. As feridas, que algúns consideran cicatrizadas, seguen aínda abertas. Para que as feridas verticais da memoria deixen de manar sangue hai que converter as súas cicatrices nas formas transversais que teñen os beixos, é dicir, vendalas coa verdade, a xustiza e a reparación.

A verdade pode resultar incómoda para algúns, pero o esquecemento mata e é un atranco insalvable para a saúde e a dignidade dunha sociedade que se di madura e democrática

É absolutamente imprescindible a aposta pola memoria histórica e a loita contra a amnesia colectiva que propugna o opio das conciencias, borra a memoria e sega a capacidade de transformación socio-política. Hai que implicarse a fondo na súa reconstrución, pois á memoria nunca se lle acaba o tempo. Para algúns a memoria é unha maleta dabondo pesada. Por iso, é necesario abrila para alixeirala. O pasado é moi rebelde e teimudo. Sempre volve, ás veces en forma de lenda, como dicía o poeta Gabriel Celaya. Nas numerosas fosas e camposantos repousan os restos de nacionalistas, republicanos, socialistas, comunistas,  anarquistas e outros, moi ao seu pesar e contra a súa vontade, pois a ninguén lle apetece a viaxe a outro mundo, sobre todo porque o traxecto hai que facelo en coche fúnebre. Non é certo que vivamos para lembrar, lembramos para vivir. Castelao denunciaba nas súas famosas viñetas os crimes fascistas con estas lendas: “Non enterran cadavres, enterran semente” e “Galegos: cumpride a manda dos nosos mortos”. En Galiza so houbo unha política integral sobre a memoria histórica nos tempos do inxustamente deostado goberno bipartito co proxecto Nomes e voces, que fixo un labor inmenso e nunca ben agradecido. En Euskadi houbo algunhas diferenzas notables a respecto de Galiza. Mestres nesta practicamente non houbo guerra no 36 e a represión pode cualificarse de exterminio, en Euskadi a guerra durou un ano e a represión, que foi moi dura, veu despois e aínda na época actual non se sabe exactamente o número de asasinados e represaliados. Tamén hai outra diferenza: a violencia de ETA. O goberno vasco creou o Instituto Gogora, que se dedica especificamente a esta cuestión, e conta con un Instituto de Dereitos Humanos. Ademais, existe unha sección da Sociedade de Ciencias Aranzadi, dirixida polo forense, universalmente coñecido, Paco Etxeberria, que realizou numerosas exhumacións de fosas comúns e un informe esmiuzado das torturas da época franquista. En Galiza non existen organismos parellos, e a reivindicación da memoria histórica está en mans de asociacións locais ou comarcais e fundacións como a Alexandre Bóveda, que teñen moito entusiasmo e loitan contra vento e maré, pero sen o necesario e esixible apoio legal e institucional.

Que aspectos da sociedade vasca consideras de interese para seren tidos en conta en Galiza, no presente e no futuro?

No terreo pragmático e inmediato coido que un sistema semellante ao Concerto vasco sería imprescindible para Galiza, pois dotaríaa de unha case soberanía fiscal e tributaria. Un segundo chanzo consistiría en acadar polo menos un Estatuto de nación, paso provisional de cara a un porvir confederativo. No eido mental habería que desterrar da sociedade galega a efectividade simbólica dedous refráns, que reflicten unha resignación ancestral interiorizada: “Éche o que hai” e “mexan por un e hai que dicir que chove”. Dito doutro xeito, os galegos e galegas deberíamos ter orgullo de selo, autoidentificación para mantelo e non deixarse achantar polos que teñen o poder.