1) Que é para ti Galiza, hoxe?

É unha nación sometida á soberanía política do Estado español. Unha nación que, aínda ter o pobo grande identifiicación co ser galego, carece da necesaria conciencia política que impida que permaneza suxeita a un modelo de Estado centralista e negador da realidade nacional galega. Razón pola que se fai preciso defender todos os seus, nosos, sinais de identidade: lingua, cultura, tradicións e mesmo a economía, na procura de acadar o seu desenvolvemento sen dependencias.

2) Como consideras que será a Galiza dentro de 10 anos?

Desde o meu punto de vista, non é posíbel saber con seguridade como poden ser as cousas a dez anos vista. Sobre todo cando todo está tan convulso. Aínda que na Galiza parece que todo está calmo e non se move nada, e, máis alá de albiscar os efectos negativos provocados pola precariedade económica e laboral actual, as mudanzas poden ser moitas. Non hai que esquecer a contorna sociopolítica na que, para ben ou para mal, se atopa a nosa Nación. O debate que se está a dar a consecuencia do proceso catalán vai por un camiño que inebitabelmente terá que xerar cambios na relación do Estado co resto das nacións que o compoñen. Desgraciadamente, polo contexto político galego, é moi probábel que algúns deses cambios relacionados con maiores cotas de autogoberno non alcancen o noso País, mais tamén pode ser que esa circunstancia sirva para que galegas e galegos acaden maior conciencia do propio e asuman  mudanzas na correlación de forzas políticas cara a alcanzar maiorías dispostas a defenderen a soberanía que hoxe falta. Eu optaría por ser optimista, aínda que nada será posíbel sen o esforzo e  compromiso dos que hoxe cremos que ese debería ser o camiño.

3) Como che gustaría que fose Galiza, idealmente? Como entendes que se pode chegar aí?

Unha Galiza soberana cun poder político ao servizo do Pobo e da súa identidade nacional. Cun goberno empeñando en fomentar todas as súas potencialidades, en facer unha redistribución da riqueza que facilite a xustiza social de xeito que se poida vivir na Terra con calidade de vida, sen necesidade de emigrar. Só se poderá chegar aí cunha grande conciencia nacional que faga posíbel que a maioría dos galegos e galegas estean decididas e decididos a reclamar maior poder político e a procurar unha sociedade igualitaria. Iso leva a pensar que queda moito camiño por percorrer. Non se pode esquecer a situación actual. Un goberno de dereitas en maioría, e entregado a España, facendo deixadez da defensa do propio.

4) Que aspectos e sectores deben ser prioritarios para conseguirmos mellorar como sociedade? Como consideras que se deben garantir servizos públicos universais e de calidade?

Desenvolvendo a economía. Potenciando unha forte industria ao redor dos ricos sectores produtivos cos que conta, impulsando o I+D+I, e creando as condicións para a instalación de empresas desde unha perspectiva social. Cun goberno que defenda o reparto de riqueza, cun sistema físcal propio redistributivo que garanta ese benestar; que necesariamente ten que contar con empregos dignos, sanidade e ensino públicos, así como uns servizos sociais públicos que cubran as necesidades de todas as persoas.

5) Que perspectiva tes sobre a Galiza no mundo? Con que espazos e culturas debería profundar a súa relación?

Non hai dúbida de que a lusofonía é un espazo moi amplo no que é moi importante estar presente polos lazos culturais e lingüísticos que nos unen, e que mesmo poden facilitar relacións económicas, pois é un grande mercado para os nosos produtos. Mais tamén non se ten por que poñer límites ás relacións con calquera país ou estado do planeta desde a perspectiva comercial e das relacións interculturais. Iso si, gostaría de que se fuxise daqueles estados que provocan guerras e invaden nacións para facerse coas súas riquezas. Tamén gostaría que se fose solidario e respectuoso con aquelas nacións que queren viver fóra do xugo do imperio, e se rexeitase todo tipo de intervencionismo orientado á protección dos ricos e ao empobrecemento da maioría

6) Para onde deberíamos camiñar colectivamente como país, ao teu ver?

Volvemos á terceira pregunta. Se queremos que Galiza exista como a identidade nacional que é, non queda outra que o incremento da conciencia nacionalista, hoxe en día insuficiente para lograr os obxectivos dunha Galiza soberana. Ademais de insuficiente, infelizmente desunida, e non porque haxa un nacionalismo de dereitas e outro de esquerdas, senón que, con discursos aparentemente iguais nos obxectivos que se din perseguir, proliferan as organizacións mesmo en pequenos “microespazos” de tal xeito que é imposbel acadar o apoio social que se precisa para que as cousas poidan mudar. Cómpre, pois, camiñar na unidade do nacionalismo e non desde unha perspectiva homoxénea, pois ese tipo de unidade é imposíbel de de se dar. Hai que camiñar na suma de sinerxias de toda esa pluralidade que, con sentimento de país, existe na nación. Empresa difícil, seino, pero eu non vexo outro camiño.

7) Que representa para ti a soberanía e que impacto ten (ou debe ter) na vida diaria da xente?

O poder político. A toma de decisión desde o propio sen imposición doutra estrutura superior. A procura de acordos en condición de igualdade. O poder decidir sobre o sistema fiscal, unha facenda propia, por exemplo. Competencia de xestión de decisión de todos os servizos públicos, portos, aeroportos. Difícil, claro, nos tempos políticos e económicos actuais, onde a interdependencia dos estados é evidente, pero mesmo non é igual a interdependencia desde unha posición soberana galega, que estando Galiza supeditada á soberanía de España. A soberanía é o dereito de toda Nación e debe estar orientada a garantir o benestar da xente. No caso galego, unha das consecuencias desa soberanía xa sería o feito de que os poderes públicos fosen quen de defender e normalizar os feitos identitarios, cultura, lingua e tradicións, por exemplo.

8) Que papel deberían xogar as perspectivas do feminismo na sociedade, ao teu ver?

O feminismo é crucial para acadarmos unha sociedade igualitaria. Non haberá igualdade até que mulleres e homes non teñamos e respectemos os mesmos dereitos e oportunidades. Esta conquista, a da igualdade de xéneros, non será posíbel sen unha concepción feminista. O feminismo tampouco é unha idea homoxénea, pero do mesmo xeito que o nacionalismo é imprescindibel para acadar a soberanía, o feminismo é imprescindíbel para acadar a igualdade.