Que é para ti Galiza, hoxe?

A Galiza actual pode que nos resulte moitas cousas interesantes difíciles de definir e explicar, sobre todo o seu organigrama existencial e social. Para min, esta Galiza en descomposición e con tantas alertas de desencontro co herdo que nos lexitima como nación, constatada na lingua e na cultura, tantas veces en desorde con alteracións inadmisíbeis, non deixa de ser algo recalcitrante na permisividade e no silencio de moitos galegos, con peso político e económico. É bastante perceptiva a descomposición de roles en que se mantivo o ser diferencial e identitario do contexto comunal galego. Actualmente vemos o noso país á deriva por causas internas e externas, que nos tipifica nunha sociedade moi vulnerábel fronte ao acoso administrativo de introducir un modelo de colonialismo, sen confrontación, que nos ten asimilados en tantas conductas foráneas que contradín, silenciosamente e sen conflito. Realmente somos froito dunha cultura e dunha lingua que nos ten emancipado como sociedade estábel. Pese ás múltiples contradicións que afogan as decisións dos galegos, para min a Galiza actual non deixa de ser unha tímida esperanza.

Como consideras que será a Galiza dentro de 10 anos?

Non son futurista e menos profeta. Mais asumindo unha lectura pragmática dos tempos actuais, 10 anos son moitos para pensar o que pode acontecer nesta Galiza, cunha sociedade rural en fuga e en desencontro con ela mesma. Pódese prever que o alcance de retroceso sexa fatal para a nosa existencia como pobo, dado que o pobo galego non ten decisións sobre o seu destino. Outros toman decisións por el, ante o silencio que admite e asume a nosa sociedade. É imprevisíbel facer conxecturas do que pode ser Galiza dentro de 10 anos, cando as mudanzas prodúcense con tanta rapidez noutros extremos do planeta que nos afectan e non somos moi conscientes delas. Mais somos receptivos e consumidores do que esixen os mercados e a propaganda consumista. Non debemos esquecer que aínda somos unha sociedade preindustrial, e para configurar outra distinta á dos acicates impostos polas directrices da metrópole colonizadora non temos suficientes movementos para ordenar algo que matice as nosas propias necesidades estruturais en función da nosa idiosincrasia. O peso sombrío da inmobilidade actual terá consecuencias dentro de 10 anos en certas configuracións socio-económicas, polo retroceso actual e en contraste con outras sociedades con decisión propia. O baremo actual da nosa economía e vida social non reflicte valores substanciais polos que poidamos superar o noso inmobilismo. Oxalá que a esperanza supere este meu catastrofismo. 10 anos por diante pode virar a historia social e nacional de Galiza? Está dentro do posíbel.

Como che gustaría que fose Galiza, idealmente? Como entendes que se pode chegar aí?

Gustaría de retomar o ideario simbólico do herdo combativo que Ramón Cabanillas sintetizou nestes versos: “¡Irmáns! ¡Rubamos ó cume / desatrancando o camiño, / e botemos man do lume / onde non chegue o fouciño!”. Teño un soño supervivente que bole no meu imaxinario, quizais unha utopía nada perversa, para desatrancar os camiños que non nos permiten subir ao cume merecido para liberar a certeza da patria. Pode que nos conmova este testemuño poético nada inocente, e si de enérxica supervivencia que é materia dunha frustración, capaz de  referenciarnos en simples versos tan sublimes como patrióticos, que debemos levalos na mochila para alborexar un novo camiño de longo percorrido que nos leve ao cume da liberdade. Coido que a autoestima dos galegos e mais a toma de conciencia sobre os problemas que nos oprimen, son elementos que deben clarificar e determinar a loita ideolóxica e a dialéctica de liberación nacional, aprazada polas barulleiras que no presente nos avergoñan. Gustaría dunha Galiza libre, soberana e independente, capaz de superar fatídicas frustracións como pobo. Mais para conquistar esas metas cómpre conciencia cidadá: “Petar na alma do noso povo até conquerir un estado de opinión revolucionario”. (Castelao, dixit).

"Non debemos esquecer que aínda somos unha sociedade preindustrial, e para configurar outra distinta á dos acicates impostos polas directrices da metrópole colonizadora non temos suficientes movementos para ordenar algo que matice as nosas propias necesidades estruturais"

Que aspectos e sectores deben ser prioritarios para conseguirmos mellorar como sociedade? Como consideras que se deben garantir servizos públicos universais e de calidade, tendo en conta, especialmente, a túa experiencia vital en Catalunya?

Se a Galiza non ten, ou non inventa, un vehículo de transformación social e económica, que estea en función da transformación das nosas materias primas e sexa capaz de ter solvencia na creación dun status social, onde as nosas riquezas produtivas sexan investidas no propio país e ter capacidade de decisión e non permitir a fuga e o secuestro do sector produtivo, como realmente acontece, estamos próximos a caer polo precipicio da renuncia permitida. Este é un tema de decisión cidadá. Estaremos no colapso mentres non meditemos e activemos esta famosa frase de Castelao: “Na Galiza non se protesta, ¡emígrase!”. Ou: “Mexan por nós e temos que dicir que chove”. Castelao definiu perfectamente a situación dunha sociedade que consente o espolio nacional galego, e os chamados dirixentes permiten esa espoliación. Coido que estamos nunha situación de cambio profundo de desintegración na Galiza. Os valores da nosa cidadanía están sendo atacados; o noso medio rural está desaparecendo (social, económico e culturalmente) e isto non é un síntoma da nosa decadencia, e si da nosa tolerancia ante un poder colonial capitalista que nos está engulindo sen que reaccionemos puntualmente.

"O noso medio rural está desaparecendo e isto non é un síntoma da nosa decadencia, e si da nosa tolerancia ante un poder colonial capitalista que nos está engulindo"

Non hai servizos públicos e universais de calidade se non se conquistan con loita e acción ben cohesionada, determinada e transmitida á maioría da sociedade que carece dunha calidade de vida óptima. Para garantir estas premisas hai que romper coa marxinación e coa pobreza actual ampliando o radio de acción, por medio de loitas reivindicativas e dun debate extraordinariamente definido para ocupar unha serie de estadios que nos sirvan de lanzadeira cara unha conquista de obxectivos sociais e personalizados no que respecta á identidade nacional galega.
Neste caso, cada pobo ten que aprender de si mesmo con autocrítica, incluso de seus propios erros: a imitación pode resultar fatal, esta era unha tese guevarista, con respecto á revolución cubana. Entre Galiza e Cataluña as diferenzas son constantes, polo que respecta aos procesos históricos desiguais, con respecto a tempo e espazo, entre estas dúas nacións sen Estado. Puntualizando: mentres Cataluña fixo unha revolución comercial marítima polo Mediterráneo, nos séculos XIII e XIV, a Galiza estaba sumida nas loitas señoriais e en feudos agrarios onde a clase plebea soportou todos os agravios e fatalidades feudais. Cataluña defendeu os seus dereitos constitucionais fronte á Castela dos Trastámara, Austrias e Borbóns, e pese á invasión de Felipe V en 1714, nunca máis sucumbiu. O escenario actual de autodeterminación de Cataluña aflora un novo contexto dentro da liberación dos pobos sen Estado, expresado na “Declaración Universal dos Dereitos dos Pobos”, asinado na “Carta de Arxel” o 4 de xullo de 1976. No artigo 2, lemos: “Todo pobo ten dereito ao respecto da súa identidade nacional e cultural”. Neste contexto desigual, a Galiza continúa sendo agraria e sometida aos intereses cortesáns e burgueses intermediarios. Cataluña iniciou en 1821 o seu percorrido industrial, e a Galiza continuou no agrarismo mais retardado. Por tanto, vemos dúas sociedades ben distintas e desiguais: unha industrial con unha burguesía que defende a lingua, a cultura e a entidade nacional, mentres que a Galiza continúa nas antípodas do desarraigo, da indiferenza e da manipulación.

Que perspectiva tes sobre a Galiza no mundo? Con que espazos e culturas debería profundar a súa relación?

Desde logo, ningunha. Non se trata de individualizar ou personalizar perspectivas que pertencen ao común da sociedade e ás administracións públicas. Eu son un número deficiente, mais do conxunto da sociedade é que si poden saír ideas eficientes para que a Galiza mire ao mundo. Por tanto, non represento nada nin a ninguén, son un simple ser silencioso no deserto das desconfianzas. E aínda que algúns digan con ironía e insensatez de que eu son embaixador non sei de que cousas ficticias, non o son de nada nin represento a ninguén. Coido que a cidadanía galega debe estar atenta a todos os contextos culturais do mundo e aprender da ignorada Polinesia e até das cousas mais simples das tribos amazónicas. Os espazos culturais, antropolóxicos e sociais son tan amplos que debemos estar atentos a todos os niveis.

"É preciso ter conciencia de que a Galiza pertence ao bloque da Lusofonía, para tomar unha decisión e, sobre todo, para retomar eses vencellos orixinais que se manifestan na lingua común"

Neste sentido, que experiencias tes coa Lusofonia?

Sobre a Lusofonía non sei se teño experiencias. Algunhas si, sobre todo certa aprendizaxe que se traduce no vehículo que constata que os galegos pertencemos a un bloque lingüístico común, moito máis amplo do que un pensa e que nos amplía a afiliación matriótica. Neste sentido, reitero o que dixen ao principio: a miña patria é a lingua galaico-portuguesa. Para min é indubidábel. Non sei que porcentaxe de galegos poden dicir o mesmo. Nesta dirección si que coñezo a maioría dos países da Lusofonía. Porque tripei as súas xeografías e entrei en contacto con diversos estamentos políticos e socioculturais que me aportaron unha certa descuberta e unha aprendizaxe que me fai sentir realizado na lingua, e nela confraternizarme nese encanto de reencontro con grupos humanos de diversa etnia e cultura. Máis de 10 viaxes aos países africanos de lingua galaico-portuguesa e unhas 15 ao Brasil, todas elas convidado por entidades culturais, universitarias e políticas, unha grata oferta de aprendizaxe, de estímulos e vencellos que clarifican moito ben unha emotiva experiencia de que formamos parte dunha comunidade moi ampla e necesaria para nós. É preciso ter conciencia de que a Galiza pertence ao bloque da Lusofonía, para tomar unha decisión e, sobre todo, para retomar eses vencellos orixinais que se manifestan na lingua común. Se queremos salvarnos da opresión calada e ben calculada do colonialismo “pacífico” español temos que virar cara Portugal e aos demais países de lingua portuguesa. Lingüisticamente non pertencemos ao bloque lingüístico castelán, ou español. Somos diferentes na lingua como en tantas condutas sociais e psicolóxicas. Neste terreo é urxente volver ao rego do reencontro coa comunidade lusófona. É preciso destacar que os galegos estamos en inferioridade con respecto aos países que integran a Lusofonía, as elites intelectuais e políticas desas nacións de lingua portuguesa coñecen a Galiza como nación sen Estado, mais isto non basta para estar contentos, se non proxectamos un esforzo maior de chegar a eles. Coido que Portugal e o Brasil son os que coñecen os nosos problemas máis urxentes en solucionar. Un por proximidade e o outro por vocación.

Que representa para ti a soberanía e que impacto ten (ou debe ter) na vida diaria da xente?

Representa ubicarnos na autenticidade do que somos en liberdade e na diversidade que se expresa na lingua e na cultura e, sobre todo, na vontade cívica do pobo. A soberanía, tanto individual como colectiva, é unha das máximas credenciais que nos mantén en posesión do que emana das atribucións e vontades dun pobo diferenciado de outro, que é capaz de harmonizar, potenciar e esgrimir diversos formatos identitarios que transcenden da súa personalidade histórica, como atributo de plena liberdade a conquistar e consolidar. Cando a acción procede da conciencia popular, con estímulos autodefensivos, estaremos nunha fase de coherencia e impacto que xerará reivindicacións e loitas existenciais, que non deixarán de ser un acto soberanista e revolucionario.

"Na Galiza, en certos e amplos sectores da poboación e dos que representan intereses políticos reaccionarios, hai un anticatalanismo visceral que se manifesta en cada poro destes sectores, tan primarios como analfabetos"

Que aspectos da sociedade catalá consideras de interese para seren tidos en conta na Galiza, no presente e no futuro?

Un dos destaques mais visíbeis da sociedade catalá é a súa pluralidade; o seu unánime concerto de facer país dentro dun tecido en que a cidadanía está implicada. A súa forza reivindicativa radica nese pragmatismo de marcar os tempos e as fases dos trocos políticos convincentes á súa autodeterminación. Non creo que haxa demasiadas converxencias, no plano e interese político actual, entre a Galiza e a Cataluña. Na Galiza, en certos e amplos sectores da poboación e dos que representan intereses políticos reaccionarios, hai un anticatalanismo visceral que se manifesta en cada poro destes sectores, tan primarios como analfabetos. Non así coa conciencia e actividade nacionalista galega. Xa dixen anteriormente que os contextos galego e catalán son diferentes pola cuestión de que os procesos históricos, económicos e sociais son desiguais. A pesar disto, a finais do século XIX, o rexionalista progresista Manuel Murguía visitou Cataluña e frecuentou o idealismo nacionalista de Valentí Almirall. Alfredo Brañas, que representaba o rexionalismo máis conservador e carlista, tamén visitou Barcelona, bebendo das fontes máis reaccionarias inspiradas no rexionalismo de Joan Mañé i Flaqué. Mais nese longo percorrido as distancias foron enormes. As relacións e os protocolos de adherencia reivindicativa identificábanse. Os contactos non cesaron entre Prat de la Riba e Antón Vilar Ponte. Entre membros da Xeración Nós: Ramon Casas i Carbó e Florentino Cuevillas. Entre Castelao e Lluís Companys. Castelao dixo algo así: polas reivindicacións de Cataluña, fixéronse posíbeis as aspiracións que ten pendentes a nosa Terra. O 12 de maio de 1932, Castelao constatou o seguinte, no seu discurso no Parlamento español da II República cando se discutía o Estatuto de Cataluña, algo moi importante no recoñecemento e na solidariedade entre os pobos que aspiran a ser gobernados por eles mesmos: “Nosotros hemos admirado siempre a los políticos catalanes, que supieron defender en todo tiempo los intereses sagrados de su país; pero hemos admirado más todavía la fortaleza del pueblo catalán y su voluntad de ser diferente para ser existente”. Coido que debemos ter moi presente estas palabras de Castelao no que el define: “diferente” e “existente”. Recoñecéndonos nestes dous adxectivos seremos capaces de modelar o noso presente e o noso futuro.

Que papel debe xogar a cultura nas sociedades actuais? Para que horizontes deberíamos enfocar a nosa perspectiva, neste sentido?

Sen cultura non se corrixen os erros nin se modifican os espazos sociais máis vulnerábeis, nunha sociedade precaria como pode ser a nosa. As sociedades actuais máis dependentes do núcleo dominante teñen que crear referentes propios para dinamizar un horizonte moi calculado de alternativas que respondan ás nosas necesidades e ás mudanzas que estamos vivindo. Neste caso, faime meditar a seguinte estrofa dun soneto de Camões: “Mundam-se os tempos, mudam-se as vontades, / Muda-se o ser, muda-se a confiança; / Todo o mundo é composto de mudança, / Tomando sempre novas qualidades”. Unha sociedade que pretenda romper con modelos estáticos, cultivando a cultura e a ciencia, ten o supremo deber de orientar a súa creatividade en función dos intereses e necesidades que respondan á súa idiosincrasia. Temos conciencia os galegos da nosa idiosincrasia e dos modelos de comportamento cultural, capaces de fomentar un cambio estábel que forneza certa estabilidade para ser nós mesmos, autodefinidos? Nun mundo con modelos tan unitarios, acaparadores e destrutivos, que emerxen da globalización, as sociedades que ven ameazadas a súa cultura, clave para a súa convivencia e para defender o herdo existencial e comunitario, teñen o deber de dar unha resposta singular, que a historia dos pobos libres recolla.