Que é para ti Galiza, hoxe?

Galiza, máis alá de ser unha lugar de paisaxes fermosas, onde habita un pobo traballador, xeneroso e cunha inmensa cultura propia, é a terra onde nacín, onde me criei e onde o máis importante, é a terra na que decidín que quero vivir. É por isto que considero que Galiza ten que ter dereito a decidir como debe poñer a producir os seus recursos, para que as persoas que aquí nos asentamos por decisión propia, sexamos de onde sexamos, poidamos vivir dignamente e hornadamente do noso traballo, sen ter que depender de que nolo permitan determinadas decisións tomadas en lugares lonxanos onde pouco lles importa o que aconteza neste recuncho do planeta Terra.

Como consideras que será a Galiza dentro de 10 anos?

O futuro sempre é difícil de prever, máis en momentos coma este onde os tempos mudan moi rápido. Nós somos un pobo historicamente emigrante, e nos últimos anos este fenómeno medrou de forma xigantesca. Malia todo debemos tratar de ser optimistas, e non de forma ilusa, senón crendo que pode existir un punto de inflexión real. Existe un sector importante en número das novas xeracións moi conscientes de que vivimos nun país cheo de posibilidades, sabendo que se somos quen de decidir por nós e poñer os nosos recursos a producir, poderemos lograr postos de traballo dignos que eviten emigrar. A nosa historia facémola nós, polo que temos a oportunidade sobre a mesa, se como sociedade somos quen de inverter a situación, poderemos converter a Galiza no país que moitas e moitos soñamos.

Como che gustaría que fose Galiza, idealmente? Como entendes que se pode chegar aí?

A Galiza ideal para min é, como dicía antes, un país no que non sexa preciso emigrar e que se desenvolva explotando os seus recursos de forma sostible e respectando a nosa riqueza natural. Que o pobo tome a totalidade das súas propias decisións sen que veñan impostas nin por gobernos de fóra, nin por elites económicas. Un país onde haxa unha política social que non deixe a ninguén fóra e onde a igualdade entre homes e mulleres estea culminada. Un país que recupere o seu patrimonio, com especial atención aos elementos arqueolóxicos e ás súas construcións tradicionais. Un país que teña a súa lingua plenamente normalizada e unha cultura que non se esqueza. Sen dúbida esa sería a miña Galiza ideal. Para chegar aí só queda un camiño, concienciar á poboación e organizarse, o resto virá pola propia dinámica.

Que aspectos e sectores deben ser prioritarios para conseguirmos mellorar como sociedade? Como consideras que se deben garantir servizos públicos universais e de calidade?

Galiza é un dos territorios de Europa con máis recursos primarios. Porén, non se consegue que o seu valor engadido quede no país, de aí que o prioritario sería desenvolver os sectores de transformación para poder sacar beneficio do que aquí se produce. A única forma de garantir servizos públicos universais e de calidade é apostar por gobernos que crean neles.

Que perspectiva tes sobre a Galiza no mundo? Con que espazos e culturas debería profundar a súa relación?

Galiza é un país que está aberto ao mundo. Os nosos ancestros hai máis de 2.000 anos comerciaban cos habitantes das illas británicas, séculos despois viaxaban a América. A situación xeográfica converteunos nunha terra que tende pontes ao resto do mundo, que non debemos pechar. Temos miles de galegas e galegos dispersos por todo o planeta, de aí que a nosa relación cultural e internacional ten que aspirar a darse de igual a igual con todos e cada un dos pobos.

A soberanía defínoa con dous termos “liberdade e xustiza”. Sen soberanía, ou o que é o mesmo, con decisións estratéxicas tomadas a centos de quilómetros, xa sabesmos o que temos, e a tendencia que leva consigo

Que representa para ti a soberanía e que impacto ten (ou debe ter) na vida diaria da xente?

A soberanía defínoa con dous termos “liberdade e xustiza”. Sen soberanía, ou o que é o mesmo, con decisións estratéxicas tomadas a centos de quilómetros, xa sabesmos o que temos, e a tendencia que leva consigo. Creo que ninguén pensa que o noso pobo teña unha capacidade intelectual inferior ao resto que non nos permita tomar as nosas decisións, ou que non teñamos coñecementos sobre como xestionar a nosa terra. Quen mellor coñece o noso país somos a xente que vivimos nel, e non a que está en despachos en Madrid ou Bruxelas, de aí que o lóxico sería asumir que nos iría moito mellor se puidesemos xestionar e decidir a totalidade das cuestións que nos afectan, e algo tan simple coma iso chámase soberanía.

Que referentes consideras interesantes e con recoñecemento aínda insuficiente na sociedade?

Os verdadeiros referentes son os que se nos escapan sempre. Dende aqueles e aquelas militantes nacionalistas que pasan a vida aportando o seu esforzo, sempre dende un segundo plano, pero que son a base de que exista un movemento nacionalista neste país. Pasando aquelas persoas que dan a cara contra medidas laborais inxustas xogándose o seu posto de traballo. Continuando por quen dá o paso a falar galego en ambientes moi hostís e consegue que a súa lingua perdure. Son algúns exemplos, pero podería dicir moitos máis, o verdadeiro motor que move e fai avanzar este país son “pequenas” persoas facendo “pequenas” cousas.

Como ves a situación do deporte? Que impacto debería ter no conxunto da sociedade?

O deporte ten que ser entendido como unha parte importante para a sociedade. É unha forma de ocio que se move en dúas liñas básicas, a educativa e a saudable. O deporte tense que ver así, e non como vemos nos telexornais, que o converten en espectáculos de multimillonarios. A función da administración ten que ser a de fomentar o deporte de base, eu creo que a totalidade da infancia debería facer algún tipo de deporte, tendo en conta que hai unha variedade tan grande que permite adaptarse aos gustos e ás diferentes capacidades de cada quen. Tamén defendo, e defenderei sempre, que ten que haber deportistas profesionais, deportistas de alto e medio-alto nivel que cobran salarios dignos por competir no seu deporte. Primeiro porque é innegable que a moita xente nos gusta ver batir o record dos 100 m., ver acabar o Tour de Francia, ou facer grandes marabillas sobre a barra fixa, pero para chegar ata aí precísanse moitas horas diarias de traballo que son imposibles de acadar se non se conta cun respaldo económico por parte da administración e despois, e máis importante, porque estas persoas van ser as figuras a seguir polas nosas crianzas e que lles poidan motivar para continuar neste modelo de ocio.