Que é para ti Galiza, hoxe?

Galiza é a miña patria, a miña orixe e o meu destino. Unha ilusión de nación neste intre que, en troques de xogar o papel como tal, de nai protectora que acolle e arrula aos seus fillos e fillas, estase a comportar como esa filla malcriada, descarriada, confundida e desobediente, “botada á mala vida” e que, por máis cualidades que ten, por máis expectativas que temos postas nela, non é quen de atopar o camiño axeitado, crendo e apostando polas súas potencialidades, deixándose perverter polas “malas compañías” interesadas e nocivas, desprezando os seus proprios pais e irmáns. Galiza é unha das miñas paixóns á que adico e levo adicado grande tempo da miña vida, co desexo de vela convertida nun país “normal”, e que agora dá máis disgustos que alegrías e, ás veces, ata frustración.

Como consideras que será a Galiza dentro de 10 anos?

Galiza será o que o conxunto de galegos e galegas queiran que sexa. Catalunya é un exemplo disto, porque foi o pobo quen arrempuxou ás súas institucións e políticos/as a poñer en marcha o seu proceso, e ofrecéndose para defendelo nas rúas. Como dicía Bautista Álvarez, “Galiza sempre existiu e perdurará como nación, ou nunca será nada, en todo caso un simple accidente xeográfico”. Se continúa na mesma liña que agora, irase diluíndo cada vez máis neste contexto político de total xeocentrismo e dependencia dos poderosos círculos de decisión en mans do capital, cada vez máis centralizados. A nosa xente terá que ver para onde nos ten levado a España das autonomías, a globalización, esa Unión Europea que, dicían, contribuiría a recortar ou suprimir as diferenzas entre a cidadanía que habita os distintos pobos…, e todas esas mentiras que, tal e como denunciabamos desde o nacionalismo galego (en contra da moda imperante), non traería para o noso país nada máis que consecuencias negativas e aínda máis barreiras que impedirían o desenvolvemento dos nosos recursos, afondando na dependencia. O resultado é o empeoramento das condicións de vida, perda de dereitos da clase traballadora, recortes e privatización dos servizos públicos, a desprotección da saúde como consumidores/as, a explotación dos recursos naturais por empresas foráneas, o deterioro do medio ambiente, a perda de dereitos civís e, en definitiva, a total exclusión das clases populares da toma de decisións sobre o seu futuro. Detrás de todo isto está a perda de soberanía dos pobos, incluso dos mesmos estados, como podemos ver na actual Unión Europea (a recente aprobación do CETA e a ameaza dos outros tratados de libre comercio son unha boa proba diso). E Galiza, cun amplo déficit neste senso con respecto a outras nacións do estado español, está a sofrir en maior medida as consecuencias: sector naval, gandeiría, pesca, produción enerxética,... Ata o seu mapa político se ve contaxiado por esta dependencia acomplexada, con alternativas que non acreditan no noso país e en si mesmas como único camiño para avanzar cara á nosa soberanía, sen necesidade de recorrer á custodia de quen non ten a Galiza nas súas prioridades políticas, entre outras cousas, porque elas mesmas forman parte dese estado que nos impide avanzar como país.

A outra alternativa, a esperanzadora, é que os últimos acontecementos que se están a dar co proceso de independencia que Catalunya decidiu poñer en marcha abran unha fase de reflexión na sociedade galega. A esperas de saber o resultado final cando escribo estas letras, o certo é que ese proceso si está de verdade poñendo patas arriba o “atado e ben atado” modelo de estado que saiu do réxime do 78 (e non as alternativas autodefinidas como “rupturistas”). O clamor de todo un pobo, na máis ampla diversidade de idades, ideoloxías políticas ou clases sociais, e por vías totalmente pacíficas e democráticas, que quere ser dono do seu destino, que cuestiona este modelo territorial, a monarquía, que se enfronta ás ameazas, á represión e á violencia,... é un claro exemplo de dignidade. Teremos que agardar os galegos e galegas para ver como unha República Catalá liberada das ataduras do estado español camiña con maior soltura, para caer na conta de que a nós tamén nos iría mellor?

Como che gustaría que fose Galiza, idealmente? Como entendes que se pode chegar aí?

A miña Galiza ideal sería unha Galiza soberana, independente, cun pobo orgulloso de ser tal, e con institucións que tivesen na súa axenda política a defensa das clases populares, da clase traballadora, a xustiza social, uns servizos públicos universais e de calidade, a defensa do medio ambiente e os nosos recursos naturais, a atención aos colectivos máis desfavorecidos, a creación de recursos e oportunidades para a xente nova e para frear a emigración, cun uso totalmente normalizado da súa lingua en todos os ámbitos, cun sistema educativo de seu, público, laico e gratuíto, que fomente e axude tanto á cultura propria como a aparición de novos valores no terreo das artes, con unha aposta pola investigación e por un desenvolvemento productivo sostible. Utópico?… Pois é posible, pero non porque non teñamos posibilidade de facelo, senón pola grande dificultade de loitar contra quen nolo impide: o Estado Español (e a UE), e o capital que esquilma os nosos recursos.

Para chegar ata aí ou, cando menos, aproximarse, é necesario comezar pola educación (por iso o estado a quere ter tan controlada), como principal recurso para recuperar a dignidade como pobo. Só cando os galegos e galegas empoderemos a nosa lingua, usándoa e defendéndoa, só cando coñezamos a nosa verdadeira historia, sempre ocultada e manipulada polo sistema educativo español e polos medios de difusión e comunicación, cando deixemos de queimar os nosos montes, só cando sexamos quen de crer nas nosas potencialidades e sacudir os complexos ancestrais típicos de países colonizados,... só daquelas poderemos comezar a tirar para adiante cun proceso que nos leve a converternos en todo iso que reflexaba como país ideal, e comezando pola construción dun país soberano, cun pobo que acredite nas súas posibilidades.

Que aspectos e sectores deben ser prioritarios para conseguirmos mellorar como sociedade? Como consideras que se deben garantir servizos públicos universais e de calidade?

Ademais dos que considerei como básicos na resposta anterior, Galiza ten que adaptar o seu medre ás súas condicións e recursos, que non son poucos e, por suposto, á súa xente. Se falamos de sociedade, as persoas que a compoñen son fundamentais para afrontar calquera mudanza. É necesario que os galegos e galegas recuperen a autoestima perdida por tantos anos de colonización, de extrema pobreza e servilismo, dos traumas da emigración, da asimilación doutras culturas, da idea da dependencia do estado, e dese complexo que leva ata a renegar da súa lingua, da resignación que xa está incrustada na linguaxe coloquial: “bueenoo”, “éche o que hai”, “que lle imos facer”, “e menos mal”, “púdoche ser peor”, “Tiña que ser”, “que remedio”, “madia leva”,...; e menos mal que tiramos dalgo tan intelixente como a retranca. A estrutura social que había na Galiza hai tempo, cunha importante influencia do medio rural e o minifundismo que o caracterizou, máis alá das súas carencias, xogou un papel de sostén diante das sucesivas crises, e os poucos medios de que dispuñan as vellas xeracións taparon a realidade alarmante das escasas perspectivas para as novas xeracións. Hoxe, cun medio rural en perigo de extinción, a precariedade e ata a pobreza estanse a mostrar con toda a súa crueza. Cómpre, pois, tornar os lamentos por berros, o silencio por respostas, as peticións por esixencias, os rezos por consignas, a apatía pola acción e o sufrimento por protestas. Cómpre que a xente defenda os seus dereitos individuais e colectivos, con forza, e organizadamente, e tomar a iniciativa para que a sociedade que debemos construír non quede en mans de quen leva anos aproveitándose dela. O pobo debe ser o protagonista, e non quen só o quere dominar.  Galiza ten diversidade de sectores que, en mans do pobo, poden levar o país a un nível de desenvolvemento importante: o agro, o mar, a potencialidade forestal (se nos desfacemos de todos os eucaliptais), a gandería, a producción de enerxía, especialmente renovábeis, a industria naval, a investigación, a cultura e a arte, o turismo racional e sostible,… somos un país que ten múltiples e variados recursos. Só falta que nos deixen desenvolvelos e que o fagamos dun xeito sostible e xestionado colectivamente.

E para que unha sociedade mellore e sexa máis xusta, é imprescindible que dispoña duns servizos públicos universais, prestados polas administracións públicas, con criterios de calidade, e non mercantilistas, e coa participación da propria sociedade na súa xestión, unha xestión transparente e democrática. É dicir, todo o contrario do que está acontecendo agora, coa privatización da maioría deles, incluso daqueles dos que dependen as nosas vidas, como a auga, a saúde, etc.

Que perspectiva tes sobre a Galiza no mundo? Con que espazos e culturas debería profundar a súa relación?
 
Se queremos que Galiza estea presente no mundo, mais alá do que se poida coñecer polas miles de persoas emigradas, debemos proxectala tamén cara a fóra, e manter unhas relacións fluídas con aqueles pobos que, por diferentes motivos, desde os xeográficos, culturais, económicos ou lingüísticos, gardan algún vínculo ou coincidencia de intereses con nós, ou simplemente empatía, amizade ou solidariedade. A min, realmente, o que me pide o corpo é poder manter relacións, pero de igual a igual, con España, con todo o que iso significaría (aínda que, polo visto estes días, parece mostrarse pouco cordial e violenta). Mais, indo a unha resposta máis inmediata e pode que realista, eu son dos que penso que as relacións internacionais son un instrumento máis para que Galiza se faga presente no mundo e, dalgún xeito, se reafirme como un país diferenciado que quere rachar cos tópicos que a emigración e esa dependencia acomplexada da que falamos deixou instalada nos principales países receptores das nosas xentes noutros tempos. Agora as nosas novas xeracións vense na obriga de emigrar de novo (case todos/as temos fillos/as fóra), e fanno cun alto nível de formación. Temos un importante colectivo de galegos e galegas espallados polo mundo adiante, e debemos poñer a Galicia no mapa no lugar que lle corresponde. A miña curta experiencia nas relacións internacionais da CIG ratifícame na idea de que, ademais da necesaria autoafirmación como pobo, o recoñecemento exterior é un elemento máis que pode afortalar e axudar ao proceso de desconexión (e diferenciación) da situación de dependencia do estado español, e gañarse o debido respecto pola comunidade internacional. E debemos priorizar estas relacións xustamente aproveitando os nexos que temos con outros pobos. A situación política fai prioritario entendernos coas outras nacións do Estado. A nosa lingua e os lazos históricos e culturais fan imprescindible o entendemento cos países da lusofonía, e no caso da CIG sempre apostamos por estas relacións, a través da nosa participación na Confederación Sindical dos Países de Língua Portuguesa (CSPLP), que contribuíron, non só a colaborar estreitamente coas organizacións destes países, especialmente Portugal e o Brasil, senón a que Galiza sexa considerada nesta organización como o que é, unha nación. Tampouco debemos esquecer que, aínda que non compartimos o actual modelo da Union Europea, nós estamos ubicados en Europa. O panorama político (e o sindical tamén) no noso continente neste intre é decepcionante (agás o caso discreto e silenciado de Portugal), e non anima moito a mergullarse nas súas institucións e estruturas creadas e pensadas para o servizo do grande capital. Pero é precisamente por isto que debemos participar en calqueira tipo de iniciativas (algunhas hainas) cos outros pobos de Europa que queiran loitar para rachar con ese modelo neoliberal que impera actualmente, colaborar e organizarnos para defender os nosos dereitos como nacións, os dereitos civís e os dereitos laborais. Nós, no campo sindical, estámolo a facer, participando de plataformas como ALTER SUMMIT, que xurdiu con estes obxectivos e no que están implicadas organizacións sindicais e sociais de países europeos. E tampouco debemos perder as relacións que xa temos con outros pobos do mundo, unhas por motivos ideolóxicos e outras pola tradición na cooperación solidaria nas causas xustas. Estoume a referir a outros pobos que levan anos loitando pola súa autodeterminación: Palestina, o Sáhara, o Curdistán ou, noutros níveis, o Quebec e Escocia, por citar algúns. Ou aqueles que, a pesar da súa lonxanía xeográfica, sempre gardaron outro tipo de vínculos con nós, como é o caso de Latinoamérica.

Para onde deberíamos camiñar colectivamente como país, ao teu ver?

Mira por onde, nesta non me vou liar e darei unha resposta breve e concreta. Nós debemos camiñar cara unha República Independente. Estamos a ver que, a pesar das ideas machaconas que sempre nos meteron desde o estado, as circunstancias poden mudar e, tal e como se está a ver en Catalunya (e xa se comeza a falar en Euskal Herria), cando é todo un pobo quen o reclama, non só nas institucións, senón tamén nas rúas, é posíbel.

Que representa para ti a soberanía e que impacto ten (ou debe ter) na vida diaria da xente?

Supoño que, logo das respostas que antecederon xa vai quedando claro cal pode ser esta. Como ben dixo Pilar García Negro, non hai mellor antídoto contra a globalización que a soberanía. Moi atinadas verbas. O principal instrumento do capital e o imperialismo é, precisamente, a perda de soberanía dos pobos. Por iso é tan importante, non só polo orgullo patriótico, senón porque diso dependen as cousas de comer. Galiza é un bo exemplo disto, porque é a súa falla de soberanía a que a ten lastrada e pexada por un Estado español que ten o control das súas potencialidades, e o usa ao seu interese. Isto pódeno padecer tamén as nacións que si teñen estado. Podo poñer o exemplo do Brasil, onde, desde que o Temer accedeu á presidencia a través dun golpe institucional, está vendendo a soberanía a prezo de saldo, deixando Petrobras, Electrobras, a Casa da Moeda e media Amazonia, en mans de quen quitou a Dilma Rousseff para poñelo a el. Sen soberanía non existe o control e, como dicía aquel anuncio, sen control, non se vai a ningures.

Que referentes consideras interesantes e con recoñecemento aínda insuficiente na sociedade?

Son moitos os referentes que temos para tomar exemplo no noso país, e moito tamén o descoñecemento que existe da maioría deles, incluso os poucos que aparecen nos currículums escolares. Castelao, Rosalía, As Irmandades da Fala, Alexandre Bóveda, toda a Xeración Nós,,... e unha lista interminable que non vou completar aquí, son figuras importantísimas, non só da nosa historia ou literatura, senón como precursoras dese sentimento de Galiza como entidade propria, e en escasas ocasións abordadas nos centros de ensino desde esta perspectiva. Neste senso, é de agradecer o labor de entidades e asociacións culturais como a Asociación Alexandre Bóveda, a Asociación O Galo, a AS-PG, a Fundación Moncho Reboiras, Medulio, e outras moitas que axudaron a recuperar e facernos chegar a todos eses referentes, e facelo desde unha perspectiva máis real como aportación ao noso país. E tamén temos referentes máis preto no tempo, cunha vida adicada a loitar por este país: Moncho Reboiras, Bautista Álvarez, Paco Rodríguez, Pilar García Negro,... e toda esa xente que axudou a construír organizacións políticas, sindicais e sociais propiamente galegas e co noso país como centro da súa acción. E a todos os homes e mulleres que, de xeito máis destacado ou anónimo contribuíron a asentalas e convertelas en instrumentos fundamentais na defensa dos nosos dereitos como galegos/as.

Pero tamén o son moitos outros personaxes que, aínda sendo menos coñecidos, ou nin sequera figurar en escritos biográficos, teñen contribuído de maneiras ben diversas a mandar unha mensaxe á sociedade sobre a necesidade de facernos respectar como pobo diferenciado. Xestos como o do xogador do Compostela, Nacho, renunciando a xogar na selección española por coherencia co seu sentir galego (debate de moda co caso Piqué), ou como o de Serxio, do Celta, participando altruistamente nas campañas do Correlingua, ou Abe Rábade, demostrando que non é necesario renunciar a ser e exercer como galego para estar entre os mellores músicos de jazz, ou os mariñeiros e mariñeiras galegos recollendo chapapote logo do desastre do Prestige, ou Luís Tosar berrando o Nunca Máis cando recibía un Goya, ou Suso de Toro, que racha co silencio da intelectualidade moderna “mollándose” no debate que xera o proceso de Catalunya, ou Pucho Boedo, que deu en demostrar que as orquestras da época tamén podían cantar en galego (tamén Ana Kiro), ou como David Posada, Juan José Nieto Roig, Rosana Rodríguez e Luiz Liz Marzán, que a pesar das dificultades para facer investigación no noso país, tres deles na Galiza, e outro en Euzkadi, son quen de entrar nas listas de científicos máis prestixiosos do mundo, ou como o Galego Soto, que emigrado desde Ferrol foi quen de liderar a Patagonia Rebelde,... e tantos outros referentes que quedaron sumidos no silencio. Eu mesmo, veciño do barrio de Monte Alto, veño de coñecer hai pouco a figura de Pedro Galán, mozo activista do nacionalismo asasinado polo réxime franquista coincidindo coa visita de Millán Astrai á Coruña. Non pararía de enumerar, porque neste noso país sobran referentes, o que falta é amor propio, rebeldía e dignidade. Este pobo tena, como se demostrou co Nunca Máis, que algúns pensamos que podería ser o novo rexurdimento de Galiza como pobo, pero axiña quedou diluído para agacharse unha vez máis nesa resignación tatuada nas nosas conciencias de país subsidiado.

Cal é a túa opinión sobre o sindicalismo en Galiza, e cara onde consideras que debería camiñar?

En Galiza hai unhas cantas organizacións sindicais, pero dous modelos claramente diferenciados, o modelo sindical da CIG e o resto. En primeiro lugar, porque a CIG é a única organización sindical nacionalista cun nível de representación importante, e que contempla entre os seus principios a consecución da plena soberanía para o noso país (agardo que no futuro a outra alternativa galega que agora optou por outra vía, poida integrarse no noso proxecto). Sen menosprezar outras alternativas sindicais de menor representación, desde as máis amarelas ata as que se definen “de clase”, o panorama sindical na Galiza resúmese neste intre a dúas frontes, a representada polo sindicalismo españolista de UGT e CCOO, e a representada pola CIG. As últimas Reformas Laborais e da Negociación Colectiva tiñan o obxectivo non só de favorecer ás empresas, senón tamén aos dous grandes sindicatos españois, limitando a capacidade de negociación nos ámbitos diferentes ao estado ou a empresa, e como reacción, precisamente, ao importante medre do sindicalismo da CIG en Galiza e de ELA e LAB en Euskadi (tamén noutras partes do Estado están a xurdir alternativas sindicais de certo calado). Desde a CIG sempre tivemos claro que a xustiza social comeza pola liberación da nosa nación das ataduras do Estado, e de que o único xeito de facelo é con unha organización propria, sen ataduras de ningún tipo a outras organizacións, e sen condicionar nunca a nosa acción sindical a outras axendas diferentes á que nos marque o interese da clase traballadora de Galiza. Podemos acordar, colaborar e confluír con outras organizacións nas propostas ou accións, pero sempre coa perspectiva de que iso vai en beneficio da clase traballadora do país e contando, como adoitamos facer, coa súa participación e opinión.

En segundo lugar, o modelo sindical da CIG defínese como “de clase” e exerce como tal na práctica. E dígoo porque non é só unha frase que se estampa nos estatutos sen máis. A CIG adoita ter unha boa acollida entre os traballadores e traballadoras, sobre todo se teñen problemas no seu traballo, e non é un sindicato cómodo para as empresas nin para as administracións, porque non adoita tomar acordos en contra da opinión dos traballadores/as ou en contra dos seus dereitos e intereses. E tampouco ten problema en recorrer ás medidas de presión para defender as demandas non atendidas. Sen querer pecar de pedante, coido que non hai organización no noso país neste intre coa capacidade de mobilización que ten a CIG. E tampouco o ten en facelo por todo aquilo que considere debe ter resposta contra os dereitos individuais, colectivos e como nación: o mesmo por un despedimento puntual, que por un conflito nunha empresa, que na defensa da nosa lingua ou, como recentemente, en solidariedade co proceso de independencia de Catalunya. Mentres outras organizacións apostaron polo “diálogo social” que tantos dereitos laborais e salariais foron deixando polo camiño, a CIG nunca foi cómplice de ningún retroceso e mesmo agora loita por restituír todos os dereitos laborais que lle foron furtados á clase traballadora coa desculpa da crise.

Somos neste intre o sindicato que ten o maior número de afiliados/as, bastante por riba do resto, e medramos de xeito importante en número de delegados/as, sendo dende hai tempo a segunda forza en representación, e estamos agora a un pasiño de ser a primeira. Mais, temos que seguir traballando intensamente, non só para medrar como organización e consolidarnos como referente da clase traballadora de Galiza, senón para ser un instrumento válido e útil de cambio no comportamento social das nosas xentes, que traia consigo unha mudanza no panorama político do país que rache con tantos anos de goberno conservador e aposte por alternativas que gobernen para as clases populares e por unha Galiza dona de seu. Temos que ser quen de explicar ás nosas bases que a defensa dos seus dereitos laborais, sociais e civís van intimamente ligados, e vense agravados, pola situación de dependencia que padece o noso país, e que grande parte desas problemáticas terían solución se puidésemos gobernar os nosos destinos e ter capacidade de decisión sobre os asuntos que afectan aos nosos recursos.

Fálanos da túa experiencia en relación ao sindicalismo internacional, e que modelos estimas máis interesantes para ter en conta aquí…

Se hai algo que teño claro, no pouco tempo que levo en contacto co sindicalismo internacional, é que, do mesmo xeito que se aprenden moitas cousas, tamén se quitan complexos. Son moitas as organizacións coas que mantemos relacións en todo o mundo, os foros nos que participamos, os congresos aos que somos convidados, conflitos nos que prestamos o noso apoio solidario, programas de cooperación cos países e organizacións que máis o precisan que temos desenvolvido,... e iso débese, principalmente, ao labor e empeño do compañeiro Moncho Boán, que me precedeu, e á aposta que, en parte pola súa insistencia, a CIG fixo finalmente por fomentar as relacións internacionais cos criterios xa comentados, poñer a Galiza no mapa e ao noso sindicato no debate e a escena internacional cun importante recoñecemento e un papel activo e destacado. De todo isto sempre se aprende moito, naturalmente, mais tamén teño observado que podemos sentirnos orgullosos/as da nosa organización, pois está á altura de moitas outras importantes, no que se refire ao rigor, estrutura ou modelo organizativo. E se falamos do modelo de acción sindical, e a base ideolóxica que marca os nosos principios, eu diría que estamos moi por riba de moitas delas. Persoalmente si percibo en moitas organizacións sindicais certa deriva ideolóxica e relaxación. E tamén moita confusión entre o que debe ser a autonomía e independencia sindical, e saber de que lado se debe de estar diante de situacións críticas ou conflitivas, cando se trata de posicionarse politicamente. Porque o movemento sindical internacional está a pasar por unha situación complicada, xustamente nuns tempos nos que se fai máis necesario crear un forte bloque que poida facerlle fronte ao impresionante avance do capital e as políticas neoliberais en todo o planeta. O panorama actual, logo de distintas afiliacións e fusións nos últimos anos, redúcese á existencia de dúas grandes federacións: a Confederación Sindical Internacional (CSI), e a Federación Sindical Mundial (FSM). A CIG non está adscrita, de momento, a ningunha das dúas. E sería bo que se clarificase un pouco máis o panorama antes de facelo, pois independentemente do que algunha xente di, ou do que marquen os seus respectivos estatutos, nin todas as organizacións que compoñen a CSI son “amarelas”, nin todas as da FSM son tan “de clase”, independentemente das virtudes e defectos que cada unha delas poida ter a nível organizativo. O que si me parece é que a progresiva institucionalización dos foros de debate (como a OIT) ou, en maior ou menor medida, dalgunhas das federacións internacionais, levou ao sindicalismo a moverse en espazos moi favorabeis ao capital, e de escasa marxe de actuación para a clase traballadora e quen a representa. E por iso imos perdendo a batalla, porque estamos a dirimila no seu terreo. Non se trata só de contar que federación ten máis sindicatos adscritos, de cal representa a un maior número de traballadores/as, nin se trata de crear grupos de elite que poñan dificultades para entrar “no selecto club” a organizacións do mesmo ámbito. É máis necesario que nunca crear unha plataforma sindical internacional, polo menos, que reúna a todas as organizacións de clase, para xogar o partido no noso campo, e contar co apoio e presión da forza do traballo e da clase á que representamos. Nuns tempos en que os dereitos laborais conquistados estanse a perder, o dereito de folga cuestionándose e a precariedade e a pobreza estendéndose, non podemos apresentarnos nas mesas de negociación sen afortalar as nosas posicións coa perspectiva de mobilizacións de quen, en realidade, representamos a maioría. Eles teñen os medios, nós temos á xente detrás. E así debemos facerllo entender.

Todo isto, obviamente, falando de xeito moi xenérico, porque no panorama sindical internacional hai tanta diversidade como diversos e particulares son os pobos, as circunstancias sociopolíticas, económicas, culturais, xeográficas, etc. E as prácticas sindicais son diferentes. En países en conflito, obviamente, o sindicalismo é de resistencia e poñendo en risco ata a propria vida de quen o practica (Colombia é un bo exemplo, pero tamén algún países asiáticos ou do norte de África). En América Latina hai unha tradición sindical de loita e reivindicación, non só polos dereitos laborais, senón pola defensa das minorías indíxenas e a soberanía dos pobos que aínda recentemente a conqueriron, logo de longos procesos de colonización. Ademais dos que apoiaron e apoian os procesos antiimperialistas en Cuba, Venezuela, Nicaragua, etc. temos moitos exemplos de sindicalismo de clase, activo, forte e reivindicativo en todo o continente. A CUT do Brasil, ligada ideoloxicamente ao PT, e o maior sindicato de América Latina, é un exemplo, como o é a CTB, de orientación comunista, que está medrando de xeito importante. E só poño estes exemplos por ser uns dos que máis coñecemos e cos que nos relacionamos. O mesmo ocorre no sul de África, con organizacións sindicais que participan activamente no proceso de descolonización e abolición do apartheid (o KOSATU é un exemplo). Mais, se nos trasladamos a Europa, este panorama xa muda completamente. Aquí algunhas das organizacións sindicais máis representativas, agrupadas dentro da Confederación Europea de Sindicatos (CES), moi na liña do que fan nos respectivos países ou estados (como CCOO e UGT en España), séntense cómodas nun espazo como a UE que non cuestionan, a pesar de ser o paradigma de institución ao servizo do capital e a banca, de non ter órganos de decisión democráticos, de fomentar as desigualdades sociais entre as súas propias xentes e de aplicar políticas e asinar tratados de libre comercio que van contra a clase traballadora e os dereitos cidadáns. Esta é a liña que ata agora vén marcando o núcleo dominante dentro da CES, e do que se desmarcan con posturas máis críticas algunhas outras organizacións, como a CTTP-IN, de Portugal, que practica un sindicalismo que compartimos e que moito ten que ver coa situación política actual no seu país. Desde a CIG preocúpanos esta situación nunha Europa da que formamos parte, e por iso queremos participar activamente para axudar a que se produza un cambio de actitude e de rumbo, contra este modelo de UE e na defensa firme dos dereitos que se están a recortar. E niso estamos.