1) Que é para ti Galiza hoxe?

Para min é o meu país, a miña Patria, o lugar onde desexo vivir o no que me gustaría estar rodeada de todos os que se sintan coma min, galegos.

2) Como consideras que será Galiza dentro de 10 anos

De non mediar un feito revolucionario, Galiza será igual que hoxe, máis ou menos, pero con menos galegos.

3) Como che gustaría que fose Galiza idealmente. Como entendes que se pode chegar aí?

Se respondemos en termos da miña Galiza ideal sería aquela na que ao pedir un <<café con leite>> non me traducisen sistematicamente por <<café con leche>>. Sería aquela na que os Presidentes e os expresidentes da Xunta, desta súa Comunidade Autónoma, se expresasen en galego, aínda que só sexa por pundonor profesional. Sería un país no que poder viaxar de Tui a Lugo e de Ribadeo a Santiago en tren. Unha nación dividida en comarcas gobernadas por institucións locais xa deseñadas polo nacionalismo histórico. Unha Galiza con Facenda propia, que quer dicer tributos propios e gasto público propio. Un país cunha paisaxe onde tivesen practicamente desaparecido os eucaliptos e onde nen os máis rancios caciques gozasen de poder para facer as casas onde lles petase. Unha nación con banca pública propia, cunha soa Universidade (cun só reitor), un só aeroporto comunicado coas cidades por tren. Un só porto exterior e un eucaliptal na Cidade da Cultura.

Pero como creo que a pregunta está formulada para ter unha resposta que se cinxa ás posibilidades materiais de cambio e non ás ensoñacións, por moi idílicas que poidan resultar, aspiro a que a Galiza do futuro poida realizar materialmente de acordo coas súas capacidades potenciais un crecemento económico cara a dentro. Que o uso do excedente económico xerado sexa dirixido á cobertura das necesidades que socialmente se consideren prioritarias en función desa orientación produtiva e que todas elas formen parte de planificación e organización económica dirixida polo goberno galego a curto, medio e longo prazo. Digamos que se non hai nada entregado ao azar na dirección das actuais compañías multinacionais, nen sequera na evolución da carreira dunha atleta de competición, moito menos debemos esperar, con inxenuidade filla da ignorancia, da evolución da economía deixada ás forzas do mercado. Nada nos vai vir dado máis que o cadro repetido do que agora existe: capacidade potencial de moito desenvolvemento, pero ao mesmo tempo paro estrutural, produción de materias primas que outros transforman, aforro galego para financiar fóra proxectos de gran capacidade industrial, un grande esforzo investigador e magníficos resultados pero que finalmente rematan na emigración, e como remate máis emigrantes e máis despoboamento.

 

4) Que perspectiva tes sobre Galiza no mundo? Con que espazos e culturas debería profundar a súa relación?

Galiza é unha nación moi pequena, e mirándonos cara ao mundo vexo que somos máis pequenos aínda. Se no mundo hai máis de 7.000 millóns de persoas, é unha pretensión inocente ser algo para o mundo. Creo que chega de momento con valer para nós mesmos e logo xa veremos. Aínda así convén lembrar que posuímos riquezas únicas porque foron logros de nosos antepasados, froito da acción conxunta da dotación natural e da custodia dos nosos predecesores. Pero serán bens dotacionais en tanto que vallan en primeiro lugar para nós mesmos e despois para seren recoñecidos polo mundo. Casos históricos sabidos dan conta do axustado deste enfoque. Os romanos viñeron até Galiza porque tiñamos unha grande riqueza mineral. Pode haber valoracións verbo do seu paso por aquí, que aseveren que tería sido mellor que non soubesen do noso ouro ou do noso amianto, xa que despois de esquilmar non quedou nada. Penso que primeiro é ser para si mesmo e logo ocupar un lugar no mundo.

 

No referente aos espazos de relación paréceme, en primeiro lugar, que os pobos irmáns son aqueles cos que partillamos cultura e historia propios e o primeiro deles é Portugal e todos os espazos de cultura lusa. En segundo lugar, temos moita posibilidade de relación cos veciños do Estado español e coas nazóns históricas das que o Galeuska é un bo referente, e finalmente, dado o noso paso polo mundo como emigrantes, en todas partes alá onde exista unha comunidade galega é un bo lugar de chegada.

 

5) Que representa para ti a soberanía e que impacto ten ou debería ter na vida diaria da xente?

A soberanía é o exercicio da libre determinación do destino dun pobo. De todos os xeitos, convén non esquecer que o grao de desenvolvemento económico actual converte as relacións económicas nun entramado moi complexo. Precisamente a sabedoría do goberno consiste en saber dirixir a nave da nova economía por un mar dominado por outros moitos navegantes. Non é só poder e saber facer o que se precisa para o benestar dos galegos, senón facelo para garantir vida futura da nación. Engadiría somente que, ao se tratar da execución dun grande proxecto colectivo, convértese en imprescindíbel esa participación colectiva. Comecei co café con leite traducido sistematicamente e é porque observo que non habendo orgullo do propio un goberno só nen pode actuar nen sería soberano. A seguir convén considerar que o exercicio da soberanía pode significar- estamos certas diso- un período de reaxustes para conseguir as bases dunha nova maneira de dirixir a produción e de distribuír a riqueza xerada. É dicer, haberá parte dunha xeración que non verá cumpridas as súas expectativas inmediatas do benestar desexado. Isto non quer dicer, nin moito menos, que a eliminación da corrupción e dos privilexios actuais non sexa en si mesmo un elemento activo de equidade política.

A soberanía é o exercicio da libre determinación do destino dun pobo. De todos os xeitos, convén non esquecer que o grao de desenvolvemento económico actual converte as relacións económicas nun entramado moi complexo. Precisamente a sabedoría do goberno consiste en saber dirixir a nave da nova economía por un mar dominado por outros moitos navegantes.

6) Que valoración fas a día de hoxe do concepto de hexemonía e que aplicación pode e debe ter en Galiza?

Na economía capitalista existe unha xerarquización que se traduce en posicións de dominio. Isto existe por riba e por fóra das ideas e das querenzas dos intervintes. Non obstante, isto non ten que significar que os poderes públicos fagan deixación de funcións. Os Estados teñen poder suficiente e debe ser exercido para reconducir a loucura dos mercados: a lei do máximo beneficio é antipersoas, funciona como un demoledor de relacións sociais opostas ao seus intereses. Aí reside a función da política e do exercicio da soberanía.