1) Que é para ti Galiza, hoxe?

Galiza/Galicia é a miña patria e a miña referencia no mundo. Son persoa e son galego, son realidades inescindíbeis. O meu sentimento de pertenza e de referencia é absoluto.

Galiza/Galicia é a miña patria e a miña referencia no mundo. Son persoa e son galego, son realidades inescindíbeis. O meu sentimento de pertenza e de referencia é absoluto.

2) Como consideras que será a Galiza dentro de 10 anos?

Iremos a menos economica e culturalmente como non consigamos botar fóra ao PP nas seguintes autonómicas, consolidando a meirande cantidade de gobernos locais progresistas nas vindeiras locais do 2019, nomeadamente nos principais concellos.

3) Como che gustaría que fose Galiza, idealmente? Como entendes que se pode chegar aí?

Un país europeo normal e soberano que partillase unha convivencia en pé de igualdade co resto dos pobos do Estado e da Europa, cunha sociedade cohesionada e inclusiva. Penso que as políticas para acadar un tal país son semellantes ás desenvolvidas dende 1997 polo Scottish National Party ou dende 1979 polo PNV… un grande partido nacional que faga socialdemocracia real, non hai outro camiño.

4) Que aspectos e sectores deben ser prioritarios para conseguirmos mellorar como sociedade? Como consideras que se deben garantir servizos públicos universais e de calidade?

Son esenciais a educación, a Universidade, a investigación, desenvolvemento e innovación, a enerxía o emprendemento empresarial e a cultura. Penso que precisamos un financiamento acaído e iso conleva unha autonomía financeira ampla nun marco de cosoberanía, cando menos. Precisamos gobernar nós os nosos portos e aeroportos e ter ampla capacidade fiscal, ademais de recadar nós os impostos. Desconfío da ladaíña do <<somos uns pobriños condenados á solidariedade eterna>>. Ninguén é eternamente solidario e ao Estado español interésalle confundir á nosa cidadanía cunha suposta pobreza que non é certa. Para máis queren introducir o debate das pensións, cando o meu dereito á pensión non é territorial, senón persoal e depende de todo o que levo cotizando aquí e aí fóra. España <<chuléanos>> 500 M€ no financiamento local e 2.600 M€ no autonómico, ademais de impornos unha tarifa enerxética única que impide que poidamos atraer novos investimentos industriais subvencionando o 40% da produción enerxética que España nos obriga a ceder de balde.

5) Que perspectiva tes sobre a Galiza no mundo? Con que espazos e culturas debería profundar a súa relación?

O noso país require dunha potente política exterior e dun intenso traballo de visibilización da Marca-Galiza.

Debería profundar a súa relación co espazo lusófono, o iberoamericano, a Europa ocidental e os países de Extremo Oriente, nomeadamente China e Xapón.

6) Para onde deberíamos camiñar colectivamente como país, ao teu ver?

Unha Galicia soberana e moi universal. Escocia, Noruega e Euskadi son os meus referentes, malia que son realidades ben diferentes das nosas.

7) Que representa para ti a soberanía e que impacto ten (ou debe ter) na vida diaria da xente?

O dereito a decidir o noso futuro nace da nosa condición de cidadáns maiores de idade dunha comunidade humana nacional e ben singular no mundo. O autogoberno e o exercicio do dereito a decidir son inescindíbeis da calidade de vida e do benestar. Decidirmos ser nós é o único xeito de garantir o noso benestar. Galicia só supón o 5% PIB e o 5,5% da poboación do Estado e os nosos alicerces económicos para España son perscindíbeis. Así que precisamos da diferenza, do autogoberno, do dereito a decidir… moito máis que Catalunya e Euskadi, como adoita dicir Anxo Quintana.

O dereito a decidir o noso futuro nace da nosa condición de cidadáns maiores de idade dunha comunidade humana nacional e ben singular no mundo. O autogoberno e o exercicio do dereito a decidir son inescindíbeis da calidade de vida e do benestar.

8) Que referentes consideras interesantes e con recoñecemento aínda insuficiente na sociedade?

O propio Anxo Quintana e, dos políticos actuais, Luís Villares, canda o alcalde da Coruña, Xulio Ferreiro e o de Lalín, Rafa Cuíña. Na historia Castelao e Bóveda e na transición Pablo González Mariñas, Xosé Manuel Beiras e Camilo Nogueira. No ámbito cultural e deportivo gostaría salientar Vero Boquete, Manolo Rivas e Teresa Moure, entre moitxs outrxs. Temos unha grande débeda cos nosos creadores culturais, que pagan un grande tributo co seu compromiso cunha lingua e cultura minorizada.

9) Que aspectos do Dereito Galego non son suficientemente coñecidos, ao teu ver?

En xeral, o Dereito Civil Galego é moi descoñecido, malia que os pactos sucesorios de mellora ou apartamento que permiten dispor dos bens propios en vida si arraizaron despois da reforma fiscal que alixeirou no 2016 o peso impositivo do Imposto de Sucesións que indirectamente fixera medrar moito o PP entre 2009 e 2016. Axudou, evidentemente, que o Tribunal Supremo eximise de pagar IRPF aos transmitentes destes pactos. Galicia é un bo país para a sucesión, non só pola carga fiscal, senón pola liberdade de disposición. A lei imperante en todos os territorios do Estado, agás Catalunya, Illes Balears, Nafarroa, Aragón, Euskadi e Galicia, é vella, arcaica e trasnoitada. Afástase da liberdade de testar e resposta a un concepto de familia decimonónico.