1) Que é para ti Galiza, hoxe?

Galiza é a miña nación e a miña patria.

 

2) Como consideras que será a Galiza dentro de 10 anos?

Pergunta non doada, porque andan mesturados desexos con prognósticos... Continuará viva a tensión co Estado español e coa Unión Europea, que impeden calquer modalidade de autogoberno galego merecente de tal nome; a autonomía -ou autoanemia, como a denominei hai moitos anos- revelará por enésima vez a súa inutilidade para tal fin; o nacionalismo galego reforzará a súa presenza e a súa base social; o chamado problema demográfico manterase; faranse máis visíbeis as consecuencias da globalización, que nos nega e tenta uniformizarnos...

 

3) Como che gustaría que fose Galiza, idealmente? Como entendes que se pode chegar aí?

A verdade é que non imaxino nen soño unha Galiza “ideal”... Expoño, logo, o que me gostaría que se der na realidade, embora sexa paseniñamente: unha sociedade galega que teña interese por se coñecer a si propria e por se valorar debidamente, en termos económicos e culturais; onde as mulleres se independicen e os homes capten algo de toda a lousa de discriminacións dadas por naturais e reaxan en consecuencia; unha Galiza onde medre o aprezo e o USO da lingua de noso, oral e escrita e que teña interese por coñecer e valorar as nosas artes, a historia que nos define, a cultura que producimos, no pasado e no presente; unha Galiza capaz de dar traballo e vida aos seus habitantes, onde non haxa que emigrar NUNCA MÁIS; unha Galiza que poda eliminar radicalmente as provincias e recoñecerse en toda a súa variedade e riqueza interna; unha Galiza, en fin, que camiñe cara á posesión dun Estado proprio, con capacidade de goberno e de decisión sobre os seus recursos e a súa política; unha Galiza onde acabe o mimetismo do universo español e anglosaxón...

 

4) Que aspectos e sectores deben ser prioritarios para conseguirmos mellorar como sociedade? Como consideras que se deben garantir servizos públicos universais e de calidade?

Adoito repetir que a posesión normal e consciente da lingua galega é a porta de entrada óptima para captarmos até que ponto estamos presos dunha subordinación multifactorial, se o queremos expresar con termo altisonante. É abafante o peso sobre nós do imposto (idioma oficial do Estado, descoñecemento da nosa historia, naturalidade da dependencia asumida como inevitábel...), de aprendido para nos negar ou ocultar. É preciso, pois, un des-aprendizado que nos descolonice mentalmente e loite por facelo económica e politicamente. Temos un grave problema no funcionamento das principais institucións públicas do país: non é que sexan parcas ou pasivas na defensa de dereitos básicos que a todas e todos atinxen como galegos: é que son colaboradoras directas, cúmplices activas da ocultación-submisión da nación galega. Os meios de comunicación dominantes e masivos son auténticas co-sedes da delegación do goberno español, da Unión Europea e dos USA. Garantirmos que servizos sociais basilares como a educación pública e gratuíta, a sanidade ou a atención social en xeral se manteñan e melloren vai depender da nosa vixilancia colectiva e, tamén, de que os declinemos en galego, isto é, sabéndomos todo o que falta para conseguirmos un ensino galego (e non simplesmente un ensino na Galiza), unha sanidade e prestacións sociais acordes á nosa distintividade, entendida esta como substantiva e non como un torpe inconveniente.

Adoito repetir que a posesión normal e consciente da lingua galega é a porta de entrada óptima para captarmos até que ponto estamos presos dunha subordinación multifactorial, se o queremos expresar con termo altisonante. É abafante o peso sobre nós do imposto (idioma oficial do Estado, descoñecemento da nosa historia, naturalidade da dependencia asumida como inevitábel...), de aprendido para nos negar ou ocultar

5) Que perspectiva tes sobre a Galiza no mundo? Con que espazos e culturas debería profundar a súa relación?

Continúa dándose un fenómeno curioso e ben sintomático da nosa historia de dependencia e, mesmo, da nosa psicoloxía colectiva: para que algo se valore na Galiza ha de pasar a “reválida” española ou occidental. Inclusive, chega a glorificarse o bons que somos cando emigramos e as grandes obras que facemos polo mundo adiante cando nos deixan... Este pensamento aniquila calquer análise que parta de nós mesmos, dos porqués deste “progreso” exterior, da noción terríbel de que viñemos a este mundo para facer medrar a economía e/ou a cultura doutras sociedades. Bloquea o mínimo realismo en virtude do cal deberíamos esmerarnos en que as nosas enerxías, coñecementos, preparación técnico-intelectual... onde primeiro deberían reverter é en nós mesmos, na idea e na práctica de que merecemos viver e traballar na nosa terra. A posibilidade de que a Galiza “pinte” algo no mundo contémploa desde a propria Galiza, a súa especificidade, a súa lingua, para alén da consabida gastronomía ou de éxitos deportivos. Continúa sendo vital unha bilateralidade económica e cultural con Portugal e con outros países de lingua portuguesa, mais isto, claro é, depende por igual da Galiza e deles... O aprendizado doutros idiomas -nomeadamente, do inglés, macrometonimia do aprendizado de “linguas”- nunca debera servir para aumentar aínda máis a exclusión-desuso do galego.

 

6) Para onde deberíamos camiñar colectivamente como país, ao teu ver?

En parte xa está respondido. Antes renunciei a debuxar unha Galiza ideal e agora rectifico: o día en que en Tui celebren éxitos de Ribadeo; en Pontevedra, de Lugo; en Vigo, da Coruña; en Ourense, de Ferrol... e así poderíamos seguir até toda a xeografía galega; o día en que o título de galegas-os brille por riba de calquer localismo; o día en que a bandeira galega ondee por toda a parte e en que todos canten como é debido o Himno Galego..., ese día lucirá a evidencia do que somos e do que queremos ser. A minoría que sente e pensa isto ha de aspirar a deixar de o ser, a non ser minoría autocompracida e a traballar para que se alargue o amor, o respeito e a valoración do noso.

 

7) Que representa para ti a soberanía e que impacto ten (ou debe ter) na vida diaria da xente?

Moi lonxe de ser un conceito abstracto ou unha reivindicación grandilocuente, a soberanía significa: capacidade de control dos nosos recursos e bens; institucións políticas que existan para decidir sobre a nosa economía, o noso progreso e a nosa cultura; que se orgullen no uso e na expansión do uso da lingua galega; capacidade fiscal e financeira; responsabilidade dos nosos destinos; asunción da maioría de idade política e corte, por tanto, da dependencia; organización territorial autónoma; relacións internacionais en pé de igualdade. Tradución ao cotián: traballo e fixación da povoación; aproveitamento da inmensa riqueza do agro e do mar; limpeza de rías e de ríos; institucións que se saiban debedoras do povo a que deben servir. Antídoto, en fin, contra a globalización e todas as súas extensións imperiais.

 

8) Que referentes consideras interesantes e con recoñecemento aínda insuficiente na sociedade?

En 1986, cando se celebrou o centenario do nacemento de Castelao, unha enquisa cidadá verificou un dato deprimente: o enorme descoñecemento da súa persoa e obra. Trinta e un anos despois, estou por asegurar que a situación non mellorou. Por que o considero fortemente significativo? Non só polo valor intrínseco da súa inxente obra artística, literaria, política, ideolóxica... senón porque é a metonimia perfeita da nosa historia contemporánea. En non a coñecendo, mal podemos idear nen “soñar” nada de valor. É clamorosa a necesidade do ensino xeral da nosa xeografía e da nosa historia; a recuperación do valor do noso patrimonio natural e artístico: o traballo a facer neste campo é urxente e vital. Figuras fundacionais como Rosalía de Castro aínda non están vulgarizadas no seu altísimo e revolucionario valor. Un artista como o citado, Castelao, non o podemos contemplar nunha parte significativa e reveladora da súa obra. A cultura dominante camiña a cada paso máis para a efeméride, a imaxe, a venda dun produto, a patrimonialización dunhas cantas institucións permitidas... A maiores, considero -e dígoo autocriticamente- que non hai coñecemento adecuado de cinco décadas longas de nacionalismo galego contemporáneo nen difusión da súa traxectoria, virtudes, limitacións, acertos e erros. Se cito expresamente o nacionalismo galego, é porque nel é medular a atención ao que nos define e caracteriza como povo singular. Non deixa de sorprenderme e de doerme até que ponto está presente e actuante en nós a “repulsión do idéntico”, o hipercríticos que podemos chegar a ser cos nosos pares e a facilidade con que servimos acriticamente lendas alleas, como dixo Curros Enríquez hai xa máis de cen anos...

 

9) Cal é a túa visión sobre a lingua e a cultura galegas? Para onde consideras que deberíamos camiñar colectivamente?

Tamén está respondida en parte. Admírame que, a pesar da posición oficial española e autonómica, como xa dixen, ao servizo do desaparecemento da lingua galega e da disolución-españolización da nosa cultura, hai moitas iniciativas de base, con escaso ou nulo financiamento público ou privado, que non só subsisten senón que teñen ansia por medraren e familiarizaren o público galego coa cultura histórica e coa cultura actual. Coido que sería bon máis coordenación e máis espírito colectivo; igualmente, un sentido de ir consolidando, sedimentando, obras, creadores, participantes e espectadores. A radio e a televisións públicas galegas, pagas por todos nós -e con obrigas estatutarias, fundacionais, ben claras a respeito do cultivo e divulgación da “identidade” galega- precisan a esta altura unha reviravolta total: deixar de seren servas dunha castelanización ignominiosa, ao servizo non da disolución da diglosia senón do seu incremento e naturalización, servas tamén dunha constante “diglosia” cultural onde a duras penas se exhibe algo que teña a ver co retrato digno, libre e plural de nós. E, por certo, convido a quen isto ler a que perda uns minutos do seu tempo a pensar no que sería de nós, colectivamente, se non existiren organizacións cívicas e culturais como a Asociación Socio-Pedagóxica Galega, a Mesa pola Normalización Lingüística, a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega, meios de comunicación xeral en galego, o sindicalismo nacionalista ou o nacionalismo politicamente organizado como tal, sen dependencias nen intrusións estatais. Dígoo con coñecemento de causa (persoal, biográfico), lembrando tempos vividos en que utilizar o galego nun acto público (sindical, asemblea universitaria, acto público en xeral...) era recebido, por parte da esquerda españolista con berros de “¡Unidad, unidad!” [sic], por se non abondase co ferreño labor destrutor da dereita idem e de todos os aparatos represivos do Estado. Saber, por tanto, de onde vimos, non é exercicio de estéril nostalxia ou recordación da dureza das circunstancias: é simplesmente ponderar debidamente o valor do construído en termos nacionais, dalo a coñecer como principio irrenunciábel da maioría de idade política, social e cultural. Todo o expresado para a lingua debera valer asemade para autonomizar ao máximo a cultura de noso: canto e valioso teatro de autores-as galegos está aínda por coñecer e representar?; cantos compositores e intérpretes da música galega en todos os seus ramos?; o mesmo pode predicarse-perguntarse das artes plásticas, do audiovisual e de tanta creación cultural que ha de levar unha vida de formiga pendente da bota esmagante dunhas institucións e duns meios de comunicación españolizados e soberbos na súa autocracia e programación. A lingua galega e a cultura galega, en fin, son afortunadamente moito máis do que ese residuo marxinal, costumista, pseudofolklórico (neopintoresquista) e limitante que dela se propaga. Ora ben, os primeiros en sabérmolo deberemos ser os que tal pensamos e aspiramos a unha mudanza enteira neste terreo...

Saber, por tanto, de onde vimos, non é exercicio de estéril nostalxia ou recordación da dureza das circunstancias: é simplesmente ponderar debidamente o valor do construído en termos nacionais, dalo a coñecer como principio irrenunciábel da maioría de idade política, social e cultural.

 

10) Que papel deberían xogar as perspectivas do feminismo na sociedade, ao teu ver? Que é o que queda pendente, neste sentido?

Faime graza que, co feminismo, acontece algo semellante ao que dou en denominar ecoloxismo de hotel. Convídasenos, como clientes, a dar máis dun uso ás toallas, por ben da auga, ben preciado, dos deterxentes contaminantes e da ecoloxía universal. A redución de man de obra, os infrasalarios femininos do gremio, a nula intervención de multinacionais do sector a prol da conservación debida da natureza e, por tanto, da oposición a políticas de Estado e de empresas absolutamente letais para a vida do planeta e para a preservación do meio ambiente con medidas saudábeis..., nada disto se menciona nen se practica. De análogo xeito, nun determinado momento, o SISTEMA, con maiúsculas, captou as grandes avantaxes de absorber (declarativamente, retoricamente) certos axiomas básicos da loita feminista, non para os poñer en práctica até o fondo senón para os adoptar como signo de igualitarismo verbal e, sobre de todo, para bloquear mudanzas profundas que o afectarían no seu proprio funcionamento. É así como se declara unha “igualdade” por decreto que está moi lonxe de ser real e que compromete a propria letra da lei. É así como conviven, nas mesmas políticas e nos mesmos meios de comunicación, sentidos laios pola opresión das mulleres no mundo mundial e pola violencia de xénero e a cousificación-prostitución máis basta das mulleres. É así como, día após día, asistimos a un grau crecente de reificación feminina, de mercantilización de corpos, imaxes e identidades, encanto se nos oferece todo un recital moralista de compaixón e “solidariedade”. Este xogo está dirixido por homes e servido dilixentemente por mulleres colaboracionistas-cúmplices, como en todos os procesos sociais que no mundo foron e son.

 

Existe, claro está, un conflito de xénero, unha tensión que, historicamente, mercé a ser definida precisamente como tal con toda a súa especificidade, conseguiu logros relevantes nunha loita non concluída, nen a nível mundial nen a nível galego (e, por certo, con precisión analítica e social de definírmonos desde cada sociedade, cada nación, cada povo, cada clase social en particular). A División Sexual do Traballo continúa a prexudicar a maioría social feminina. As “armas” masculinas da solidariedade-piedade son abertamente insuficientes ou inválidas. Un home pode ser educado, civilizado, demócrata... en termos de xénero. Ser feminista -título que tantos se arrogan alegremente- significa unha outra cousa: unha posición de vangarda, vixilante e informada de quen é o Outro (os humanos sen barba, tamén chamados mulleres), da súa situación caracterizada e específica, do porqué de tanta alienación e da necesidade dunha liberación das mulleres que, por moito que se diga beatificamente que vai beneficiar os homes no seu conxunto, non dou visto que tal haxa de suceder, non sendo que se renuncie propositadamente a privilexios acumulados e dados por naturais e inamovíbeis. Non ecuaciono en absoluto liberación feminina con masculinización: esta é visíbel no estilo, no mimetismo de moitas mulleres a respeito de padróns masculinistas de éxito, competencia, xerarquía e individualismo. O feminismo -ou, ao menos, o feminismo que eu profeso- é nacional galego, entendendo por tal o que parte da nosa situación distintiva; é atento á maioría social feminina, traballadora; non iguala traballo e emprego (basta confusión reinante); non se satisfai co declarativo ou o declamativo: quer mudanzas reais; “simbiose” entre as dúas esferas, a masculina e a feminina, en beneficio mutuo; políticas prácticas e visíbeis na igualación de salarios, no acceso ao emprego remunerado, na corresponsabilidade na asunción de todo o traballo-cargas doméstico-familiares; no retorno a principios ao meu ver irrenunciábeis como a independencia económica e psicolóxica, na represión moito máis contundente de todas as actitudes e actos machistas, prepotentes, supremacistas.

Non ecuaciono en absoluto liberación feminina con masculinización: esta é visíbel no estilo, no mimetismo de moitas mulleres a respeito de padróns masculinistas de éxito, competencia, xerarquía e individualismo. O feminismo -ou, ao menos, o feminismo que eu profeso- é nacional galego, entendendo por tal o que parte da nosa situación distintiva; é atento á maioría social feminina, traballadora; non iguala traballo e emprego (basta confusión reinante); non se satisfai co declarativo ou o declamativo: quer mudanzas reais; “simbiose” entre as dúas esferas, a masculina e a feminina, en beneficio mutuo; políticas prácticas e visíbeis na igualación de salarios, no acceso ao emprego remunerado, na corresponsabilidade na asunción de todo o traballo-cargas doméstico-familiares; no retorno a principios ao meu ver irrenunciábeis como a independencia económica e psicolóxica, na represión moito máis contundente de todas as actitudes e actos machistas, prepotentes, supremacistas.

É significativo todo o conseguido; é inmenso o valor do testemuño maxistral e pioneiro dunha xigante, entre nós, como Rosalía de Castro e do seu exemplo, explícito ou implícito, na nosa historia contemporánea; é inconmensurábel o valor do vivido, traballado e sofrido por tantas heroínas e mesmo mártires da nosa historia pasada e recente, cuxa historia se está a desvendar e a coñecer lentamente. Mais o camiño que nos resta é aínda oceánico: o capitalismo mundial, a globalización, simplesmente non sobreviven sen opresión das mulleres; ela é absolutamente precisa e funcional para o seu mantemento e medro. Sabérmolo tamén nos leva da man a unha posición ideolóxico-política moi clara neste terreo, ao menos se queremos dotar á palabra “liberación” do seu primixenio sentido.