Coa xornada Fagamos Contas, organizada pola Fundación Galiza Sempre, poñemos en marcha un traballo colectivo de balance do que supuxeron para a Galiza a dependencia política e o modelo autonómico, con base na análise dos seus resultados. Nesta ocasión serán cinco mesas temáticas e dez relatorios os que abordarán esta cuestión, que terá continuidade ao longo do vindeiro 2015. 

Fagamos contas. 35 anos de autonomía, como nos foi?

Centralismo desatado ao servizo da contra-reforma neoliberal

Estamos con clareza nunha fin de etapa. Os avances miúdos no proceso de descentralización hai tempo que abriron paso a un acelerado proceso de recentralización competencial e territorial. Unha recentralización intensa que é un presuposto necesario para a extensión do proxecto neoliberal. No plano estatal e no europeo centralización, baleiramento dos espazos de control democrático e políticas neoliberais van unidos como pezas dun mesmo puzzle. A economía posta ao servizo das grandes corporacións e das entidades financeiras precisa ter baixo control centralizado os ámbitos de decisión sobre os que incidir e limitar a existencia de versos soltos. No sector bancario, comercial, sanitario, enerxético, vemos como a garantía da posición das grandes corporacións esixe suprimir calquera ámbito de decisión política autónoma que poida trazar modelos diferenciados que resten espazo ao seu control. A loita dos horarios comerciais de Euskadi; o concurso eólico do bipartito; a poxa farmacéutica de Andalucía; o intento de supervivencia dun sistema de caixas territorial, son todas incómodas mostras de como o autogoberno é combatido con crueza para garantir o control oligopólico dos recursos.

A economía posta ao servizo das grandes corporacións e das entidades financeiras precisa ter baixo control centralizado os ámbitos de decisión sobre os que incidir e limitar a existencia de versos soltos.

Xa desde antes, mais simbolicamente coa segunda vaga de Estatutos de Autonomía márcase un punto de inflexión e estreitamento do marco autonómico. A discusión do plan Ibarretxe no parlamento estatal une as forzas políticas estatais (PP, PSOE, IU...) coa súa negativa, ou pasividade, en pechar a posibilidade de Euskadi ter maiores cotas de autogoberno. Posteriormente o «cepillado» nas Cortes e a rebarbadora no TC coa sentenza do Estatut catalán marcan a ferro a fin dunha etapa de avances miúdos e abren un camiño acelerado de recentralización institucional, territorial, competencial e cultural.

O PP somete o autogoberno a unha placaxe institucional extrema. Redución dos parlamentos e desprezo das súas funcións, desempeño gratuíto dos postos, anulación doutras institucións de autogoberno (valedores, órganos de fiscalización das contas, consellos económicos e sociais), ofensiva para a supresión das oficinas de acción exterior, reformas na normativa audiovisual para privatizar e suprimir as televisións públicas autonómicas. 

Territorialmente tamén impulsan cambios radicais. A reforma local invade o espazo competencial autonómico tomando decisións sobre competencias que non son estatais (ex. servizos sociais) e esfarela a autonomía local.  O pulo polas decadentes deputacións provinciais non ten outra finalidade que elas actuar como contrapoder do autonómico.  Na mesma liña camiñaba a supresión dos partidos xudiciais que pretendía reforzar as capitais de provincia avanzando na desvertebración territorial, reforzando a planta provincial e facilitando a implantación dos grandes bufetes. A eliminación do tren de proximidade, a reconfiguración das áreas sanitarias..., medidas todas de aposta por un modelo territorial provincializado controlábel radialmente desde Madrid.

O varrido competencial rebaixa a unha pura autonomía administrativa o autogoberno autonómico.

No plano económico a reforma constitucional express pactada polo PP e o PSOE do artigo 135 da Constitución provocou o secuestro das competencias económicas autonómicas orzamentarias e foi acompañada por medidas de control do déficit infinitamente máis severas para as CCAA que as aplicadas á Administración central. 

Pero podemos engadir: a liquidación por derrubo das competencias no sector bancario -caixas de aforro-; a lei de unidade do mercado que pretende eliminar todas as políticas propias (ambientais, de protección dos consumidores, sociais, lingüísticas...) que poidan «estorbar» a implantación de actividades favorecendo un «dumping» normativo ao garantir que a licenza obtida en calquera parte do estado (preferibelmente onde os estándares de esixencia sexan menores) vai permitir operar sen someterse ao control de ningunha outra administración; a imposición manu militari da normativa de horarios comerciais fronte ás CCAA que se resistían a permitir a apertura en domingos e festivos -Euskadi-;  a  centralización total das competencias enerxéticas que, unido ás ilegalidades do goberno Feijóo, provocou o colapso do sector eólico en Galicia; a lei de cadea alimentar que invade as competencias en agricultura autonómicas e non resolve o problema dos prezos do leite; ou a imposición dunha severísima taxa de reposición de efectivos uniforme ás Administracións que obriga a prestar os servizos mediante a contratación de empresas privadas sen marxe para políticas diferenciadas de xestión pública directa.

A aposta é tamén cultural. Marca España, lei Wert na educación, supresión das TV autonómicas, ofensiva fronte ás linguas propias (do decreto de plurilingüismo en Galiza ou Baleares, ao lapao en Aragón, ao ataque ao modelo de inmersión en Cataluña, ao peche das liñas en catalán en Valencia). Non hai marxe para veleidades e o programa implacábel de unidade política, económica e ideolóxica avanza firme. É un programa que blinda a monocorde interpretación da Constitución coa toma do control das principais institucións centrais, nomeadamente, o Tribunal Constitucional extremando máis se cabe unha deriva centralista xa claramente perceptíbel desde hai un tempo pero que terá sen dúbida capítulos memorábeis nos vindeiros anos.

O proxecto neoliberal garante a súa extensión coa destrución de espazos de soberanía e democracia.

Contra-reforma económica e contra-reforma política camiñan da man e son parte inseparábel dun mesmo agresivo programa neoliberal. Con igual urxencia teñen que ser as dúas atacadas pois unha está ao servizo da outra. A emerxencia social está provocada por recortes e políticas que se garanten mediante un profundo proceso de recentralización. O proxecto neoliberal garante a súa extensión coa destrución de espazos de soberanía e democracia. Centralizadamente decídese a supresión da atención sanitaria universal, a redución das axudas á dependencia, a situación do sector naval, a reforma da PAC, a destrución do sistema financeiro galego, a eliminación do tren de proximidade, o atraco das preferentes. Dicía Séneca en Medea: cui prodest scelus, is fecit (ao que beneficia o crime é quen o cometeu), sabemos a quen benefician esas medidas (grandes corporacións de servizos, gran banca, agricultura extensiva do sul, grandes construtoras...) e sabemos tamén que a centralización do poder en Madrid e Bruxelas son precisas para que o que se cociña no palco do Bernabeu, Davos ou no clube Bilderberg poida lerse axiña nas páxinas do BOE ou o DOUE.

Por iso a loita contra a desvertebración social, económica e territorial froito das políticas neoliberais é tamén a loita para termos capacidade para decidir. E adiando este debate adiamos tamén as solucións ao estado de emerxencia social.

Se non estás rexistrado/a, podes acceder por medio de:

Construción e destrución da autonomía do benestar. Un proxecto nacional inacabado
Botando contas. O territorio
35 Anos de Autonomía. Territorio e Demografía
Quatro reflexons económicas em perspectiva política
Facermos balance e procurarmos mellorar o discurso e a acción a favor do galego
Lingua e Cultura
Fagamos contas